ÁRBORES DE CINZA Árbores de cinza 2022 / 2025

A acción prevista para 2022/2025, está baseada en darlle continuidade á mensaxe: "Pon as cinzas dunha árbore galega na túa casa; con este xesto porás árbores nos montes afectados polos incendios forestais". Se durante os años pasados realizouse unha primeira acción financiada por crowfunding, seguida da creación de infraestruturas patrocinada pola Fundación C&A... e unha terceira acción de repoboación co patrocinio do Festival de la Luz / Luz Casal… nesta nova fase do proxecto buscamos:

- Dar unha continuidade efectiva ao traballo iniciado en 2017 con novas xornadas de divulgación en centros escolares (prioridade Institutos) e colectivos sociais e cidadáns aos que se lle entregará a popular “bolsa de cinzas”, invitándolles a colaborar nas accións de reforestación, e transmitir a mensaxe do proxecto: prevención e preservación da biodiversidade.

Actuaremos, de xeito especial, en áreas de alta actividade incendiaria… traballando dende a base (estudantes e adolescentes) a problemática dos incendios e a preservación da biodiversidade, pero sen deixar de lado os factores ambientais, sociais e económicos da contorna.

- Se anos pasados, dende os lumes de 2017, focalizamos as accións nos montes da parroquia de Chandebrito (Nigrán) neste novo período 2022 / 2025 vaise duplicar a acción de reforestación paralelamente, incorporando outras Comunidade de Montes da zona interior de Galicia afectadas polas vagas de lumes de 2022. O obxectivo é confrontar modelos e resaltar a importancia de manter a biodiversidade (recuperar nuns casos e evitar nos outros a súa perda). Iso responde á necesidade de poñer en valor a territorios “fronteira”, aqueles que, por clima e altitude, manteñen un alto grao de biodiversidad forestal, sen grandes monocultivos, pero con alto risco de cambio de usos polo abandono poboacional e das actividades agro-forestais no medio rural. En definitiva: fomentar unha mentalidade de prevención contra o lume e preservación da biodiversidade.

O proxecto Árbores de Cinza financiase mediante o apoio de organizacións de probado compromiso ambiental, e destina o 100% do seu orzamento aos proxectos mediante un criterio de asignación 33/33/33 (porcentaxe de orzamento destinado a: acción reforestadora, acción divulgativa escolar, acción de comunicación on e off line).

OBXECTIVOS PRINCIPAIS

  • Desenvolver un programa mínimo de 30 conferencias noutros tantos centros educativos e sociais da Comunidade.
  • Aceptar as invitacións para impartir charlas de divulgación naqueles centros educativos de fóra de Galicia que así o solicitasen e que, por relevancia sensibilizadora, así o decida a Xunta Directiva de Galicia Ambiental.
  • Colaborar coas comunidades de montes (Chandebrito e varios municipios da zona centro de Galicia), afectadas polo lume os últimos dous anos, para o desenvolvemento (financiamento e divulgación) de plantacións de especies autóctonas.
  • Profundar nas accións de comunicación, como elemento sensibilizador da sociedade en xeral sobre a problemática dos incendios e a necesidade de protexer a biodiversidade que aínda pervive nestas zonas.

CO PATROCINIO DE

Proxectos Galicia Ambiental