Saltear al contenido principal
O Futuro Da Galicia Verde E Circular

O futuro da Galicia verde e circular

Nun contexto marcado pola Covid- 19 e a poucas horas da cita nas urnas para elexir o goberno galego dos próximos catro anos, non existe un claro compromiso para unha economía circular, máis sostible e de protección ao medio. O vindeiro 12 de xullo os galegos e galegas decidiremos quen guiará o futuro da Galicia verde e circular ata 2024. Por diante queda un longo treito no que as políticas públicas teñen o deber de protexer o entorno e velar polo equilibrio ecolóxico da nosa terra.

Na actualidade, queda demostrado como a actual pandemia sanitaria mundial garda unha forte vinculación coa propia saúde do noso ecositema. Exemplos de destrución da biodiversidade como a deforestación, o cambio do uso dos solos, a produción agrícola e gandeira intensiva ou o crecente comercio irregular ou ilegal de vida silvestre, poden aumentar o contacto e a transmisión de enfermidades infecciosas. Isto é, os cambios na biodiversidade afectan ao funcionamento dos ecosistemas, unha situación que causa alteracións importantes dos bens e servizos que estes nos proporcionan. Á destrución da biodiversidade, únese aos efectos do cambio climático e aos fenómenos naturais (incendios, inundacións, períodos de seca…) que cada vez son máis intensos e agresivos.

Ao longo desta entrada tentaremos reflexar as propostas medio ambientais máis importantes dos principais partidos políticos que se presentan ás eleccións autonómicas galegas.

 

Xestión e tratamento dos residuos urbanos

Un dos grandes desafíos aos que se debe enfrontar Galicia é a xestión e tratamentos dos residuos. A nosa comunidade está moi lonxe de achegarse ás cifras de reciclaxe marcadas polas directrices vidas de Europa: reciclar o 65 % dos residuos municipais e reducir a un máximo de 10 % o depósitos en vertedoiros antes do 2030.

Queda comprobado que o sistema actual implantado polo modelo de SOGAMA non é o axeitado e dista moito de cumprir a normativa europea, estatal e mesmo da Xunta de Galicia. Os obxectivos marcados no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia para o 2020 son case improbables de cumprirse, pois tan só un 12 % dos residuos son reciclados ou reutilizados, cando para o 2020 se fixaban no 50 %.

No tocante a esta materia, no programa electoral do Partido Popular, tan só se fai alusión do seu compromiso da aprobación final da Lei de Residuos e Solos Contaminados na que fan referencia ao “quinto colector” para a materia orgánica e a posta en marcha de tres novas plantas de compostaxe en Lugo, Ourense e Pontevedra, que complemetarían así, din, á planta de Sogama en Cerceda. Amais, indican que convocarían unha liña de axudas para as administracións locais ou iniciativas privadas que desenvolvan plantas deste tipo.

Nesta liña o Bloque Nacionalista Galego aposta por un modelo de xestión de residuos baseado nas 3R e no impulso da compostaxe con estratexias, explican, como “a de incineración cero ou un Plan Galego de Compostaxe”. O BNG quere prestar atención ao ciclo dos materiais considerando os residuos como recursos e promover o tratamento da materia orgánica con “criterios de autosuficiencia, proximidade e circularidade” a través da compostaxe domiciliaria, comunitaria e con miniplantas ou plantas comarcais. Explican a súa intención de promover a selección, tratamento e reciclaxe en orixe fronte a medidas como a incineración ou os vertedorios, así como tamén a correcta separación dos residuos en orixe reducindo contedores xenéricos ou a implementación dun sistemas de “bonus / malus” primando aos concellos económicamente cando cumpran os obxectivos ou pola contra facer un recargo aos que non o fagan.

Coa intención de acabar “co obsoleto e altamente contaminante modelo de SOGAMA”, basea o seu programa en materia de xestión de residuos Galicia en Común, “unha xestión de residuos descentralizada” no que “prime a redución, reutilización e reciclaxe”. Tamén dende o Partido Socialista de Galicia basean a súa política de xestión de residuos nun modelo orientado a redución de residuos e no aumento da reciclaxe. Para elo propón no seu programa electoral a posta en marcha dun novo Plan de Residuos Urbanos de Galicia que “aposte pola construción de ecoparques, aumentando a porcentaxe de residuos reciclados e minimizando aqueles que non reciben tratamento”, así como elaborar un sistema de recollida selectiva de residuos con plantas de xestión de residuos dimensionadas e que “permitiría á súa vez reducir as emisións derivadas do transporte de residuos”.

 

Protección do entorno natural

A crise da COVID-19 demostrounos que protexer a vida está directamente relacionada e pasa por protexer aos ecosistemas. Preservar a biodiversidade permítenos protexer a nosa saúde e a do planeta.

Tendo en conta que Galicia é a Comunidade Autónoma con menos superficie protexida do Estado, maila ter a maior lonxitude de costa a nivel peninsular, en máis do 40% do litoral non existe ningunha figura de protección da natureza. Por elo é preciso ampliar a rede de espazos naturais protexidos pero tamén  recoñecer e preservar o valor dos ecosistemas que queden fóra deste recoñecemento.

O partido socialista ve preciso aumentar estes espazos protexidos para a súa conservación pero tamén din para “un crecemento sostible e mellorar a calidade de vida dos residentes” destas zonas. Consolidar a rede de espazos naturais e ampliar a Rede Natura 2000 ata un 18% da superficie terrestre galega dotándoa dun instrumento financeiro específico para a súa xestión e conservación, son algunas das propostas dos socialistas.

Unha postura sobre espazos naturais que en parte comparte o BNG, aínda que parece que intentan ir un pouco máis aló.  Amais de ampliar os espazos protexidos e naturais, das Reservas da Biosfera, e as zonas da Rede Natura e dotalos dun sistema financeiro (Fondo de Conservación da Natureza para protexer a biodiversidade dos espazos naturais protexidos), propoñen aumentar “a loita contra as especies invasoras, tanto nas fases temperás (rede de avisos, etc) como no control e erradicación”. Nesta liña, pretenden impedir os cultivos de especies alóctonas nos espazos protexidos e nos bosques de ribeira, así como tamén lle declara a “guerra” ao eucalipto, pois din que reducirán a superficie do eucalipto globulus e prohibirá a forestación co nitens e outras especies invasoras en toda Galicia. Tamén no programa din de revisar o Catálogo Galego de Especies Ameazadas e elaborar plans de conservación e recuperación, entre as que destaca o lobo como especie ameazada e descatalogalo polo tanto como especie cinexética.

Con respecto a Galicia en Común, propón unha nova Lei de Protección da Paisaxe que “ conleve a protección e rexeneración de entornos singulares naturais”. Ao igual que nos anteriores tamén plantexa ampliar a Rede Natura e aumentar o número de extensión dos Parques Naturais. Amais co obxecto de preservar a biodiversidade incluirían a aprendizaxe medioambiental e do entorno na educación regrada.

No tocante aos populares, fan unha recopliación das “tarefas pendentes” con algunha que outra “novidade” pero sen maior trascendencia. Aprobación final da Lei de Ordenación do Territorio, a continuación do proxecto “Primare” coa posta en marcha da plataforma “Galicia Territorio intelixente”, desenvolvemento da Estratexia de Infraestructura Verde de Galicia (“rede de espazos naturais e seminaturais planificados para ofrecer unha gama de servizos ecosistémicos”), aprobación dos  PRUX do Complexo Dunar de Corrubedo, Baixa Limia-Serra do Xurés e Fragas do Eume, aprobación a Lei de Pesca Continental (que ao igual de que de Patrimonio Natural non exentas de algunha que outra polémica) son exemplos das “tarefas pendentes”. Como “novidades” céntranse sobre todo en plans e axudas para ordenación do territorio urbán e para combater o “feísmo”, así como a aprobación dunha Lei de Arquitectura e un Libro Blanco da integración pasaxística das infraestructuras de Galicia. No que atinxe á protección e preservación dos espazos naturais propiamente dito está a intención de desenvolver unha estratexia para preservar e recuperar o bosque de ribeira ou a de aproveitar a nova PAC para contribuír a protección da biodiversidade e de conservación de hábitats e das paisaxes pero sen especificar propostas concretas, así como tamén a “consecución dun monte certificado” con aproveitamento multifuncional “impulsando novas plantacións de castiñeiros e recuperación dos soutos”.

 

Prevención de incendios e política forestal

Os incendios forestais é unha das grandes problemáticas, tanto no aspectos ecolóxico como económico, ao que se enfronta Galicia. Sen dúbida un dos máis grandes e máis recentes que padeceu a nosa comunidade foron os incendios de outubro de 2017, no que nunha semana arderon case cincuenta mil hectáreas, e houbo que lamentar a morte de catro persoas.

Na última década arderon en Galicia máis de 200.000 hectáreas en tres mil lumes de media ao ano. Ocupando o 6 %  do territorio español, Galicia soporta preto do 40 % de todos os incendios que se producen anualmente en España. Unha situación que se ve agravada polo abandono do rural, a actividade incendiaria e polas consecuencias do cambio climático. Desde hai anos os expertos alertan de que debido ao cambio climático, á desestacionalización dos lumes e á mudanza do entorno, imos ter que enfrontarnos a un novo paradigma: os lumes de última xeración (a aparición cada vez máis frecuente de lumes de 4ª, 5ª ou incluso 6ª xeración). Uns lumes que superan con creces calquera capacidade de extinción, de aí que é preciso levar a cabo outro tipo de medidas que garantan a prevención de incendios.

As propostas recollidas nos programas electorais:

– Galicia en Común:

Lei Galega de Mitigación e Adaptación ao Cambio Climático co obxectivo de “definir unha estratexia contra a emerxencia climática” que recolla amais unha nova política forestal na loita contra os incendios “como un traballo de prevención, que utilice especies autóctonas para poñer freo aos lumes e á desertización” e “erradique as especies invasoras de flora e fauna” propoñen dende Galicia en Común.

 

– PSdG:

  • Plans de auto-protección para as poboacións e deseño dun sistema de alerta temperá co emprego de novos índices de predición.
  • Redistribución territorial para reforzar as zonas con máis risco de incendios como poden ser Pontevedra e Ourense.
  • Base de avión de carga en terra no distrito de Verín – Viana.
  • Xestión do territorio para incrementar a súa resiliencia:

– Xestión biomasa

– Tratamentos silvícolas

– Intervencións no sotobosque

– Sustituír eucaliptos e piñeiros por especies autóctonas

– Creación de masas arboradas mixtas ou cultivos en mosaico

– Fomento do pastoreo

  • Aprobación de plans de ordenación dos recursos forestais e de prevención dos 19 distritos forestais de Galicia.
  • Aprobar plans específicos para os espazos naturais protexidos.
  • Mellorar os protocolos de actuación e colaboración con Portugal.

 

– PPdG:

 

  • Nova Lei de prevención e extinción de incendios forestais que centraría os esforzos na prevención (ordenación do territorio, fomento de cortalumes e incremento das franxas de protección…).
  • Potenciar a configuración do Servizo galego de prevención e exitinción de incendios como “un servizo público único, profesionalizado”, convertindo o antigo hospital de Toén (Ourense) nun Centro Integral para a Loita contra o lume e que contaría din co maior grupo de especialistas en comportamento e análise dos incendios forestais”.
  • Proxecto de potenciación das Brigadas de Investigación de Incendios Forestais nos distritos dotando explican das “últimas tecnoloxías, como os vehículos aéreos non tripulados” e reforzando a rede de videovixilancia forestal.
  • Renovación dos convenios coa FEGAMP e Seaga para a protección das aldeas ante os incendios forestais.
  • Actualización dos Plans de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Distrito Forestal.
  • Novo Plan de educación ambiental e prevención de incendios forestais (poboación en xeral, xestores públicos, usuarios dos montes).

 

– BNG:

  • Maior investimento na prevención de incendios, así como un pacto para a ordenación do modelo forestal e usos do monte, que inclúa a expulsión de Ence da ría de Pontevedra e a deseucaliptización da comunidade.
  • Novas Directrices para a revisión do Plan Forestal de Galicia: unha estratexia de regulación, redución e confinamento das masas de eucalipto e promover a plantación de especies autóctonas.
  • Nova Lei de Montes que inclúa os montes veciñais.
  • Elaboración dun Plan de Aproveitamento da Biomasa Forestal Residual como sistema complementario da loita contra os lumes, consecuencia da silvicultura preventiva practicada tanto no monte como nas áreas de protección dos núcleos rurais, e limitación dos “cultivos enerxéticos”.
  • Plan de sanidade vexetal e mellora xenética do material de reprodución das especies autóctonas.
  • Elaborar un Plano Estratéxico de Desenvolvemento Agro— Forestal de carácter multifuncional con liñas específicas de axuda.
  • Impulsar unha reforma fiscal adecuada á especificade da figura do monte veciñal.
  • Crear un selo de certificación forestal galego e público.
  • Apoiar as liñas de silvicultura.
  • Elaborar unha normativa propia para a “Descarbonización” que no relativo á redución dos niveis de CO2, incentive nos montes galegos unha política forestal acorde co modelo.
  • Promover a redacción dos plans de ordenación nos montes veciñais.
  • Reforma da Lei 3/2007 de incendios forestais e recuperar o modelo inicial das faixas de protección de núcleos rurais e introducir un capítulo referido á silvicultura preventiva.
  • Adaptar o PLADIGA á nova tipoloxía de lumes producidos polo cambio climático.
  • O modelo de prevención e extinción, entre outros puntos:

– Primar a disuasión e a vixilancia preventiva, a mellora da previsión meteorolóxica, a detección e a comunicación de alarmas utilizando as vantaxes dos novos sistemas tecnolóxicos.

– Implicar na vixilancia preventiva a colectivos veciñais e impulsar a formación do voluntariado.

– Realizar convenios cos colectivos de risco (pastores, gandería extensiva, cazadores ….).

– Facer cumprir a normativa de xestión de biomasa.

– Convenios cos concellos para a xestión de biomasa nas franxas de seguridade dos núcleos rurais.

– Crear un Grupo Central de Análise para a recompilación, sistematización e estudo de toda a información sobre o monte galego e os incendios forestais.

– Potenciar as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais, os axentes forestais e demais técnicos no ámbito da vixilancia preventiva e da investigación de lumes.

 

 

Economía circular e crecemento sostible

Hai pouco menos dun mes que a Xunta de Galicia presentaba os seus tres “proxectos tractores” supostamente ambientais: unha planta de 50 megavatios para xenerar hidróxeno verde, un centro de economía circular para converter os puríns das explotacións gandeiras en fertilizantes ou biogás e un centro industrial orientado a producir fibras téxtiles a partir da madeira. Destacaban que estas tres iniciativas son “chaves” para cumprir cos obxectivos marcados na transición enerxética e avanzar cara uns modelos industriais máis sustentables. Tres proxectos “tractores” que poden ser ás eleccións do 2020 o que o anuncio da construcción de barcos para PEMEX en Barreras foi na campaña de fai catro anos.

Ainda que todos os partidos que concorren á presidencia da Xunta fan mención e poñen en relevo a necesidade de camiñar cara unha economía circular e sostible mudando os nosos hábitos de consumo cara uns máis sustentables (consumo de proximidade, agricultura e gandería extensiva, redución de plástico e envases, eficiencia enerxética, aposta polas enerxías renovables, a “descarbonización”, redución, reutilización e valorización dos residuos para convertelos en recursos, redución das emisión de gases de efecto invernadoiro…) as propostas seguen a ser insuficientes e mínimas para poder acadar os obxectivos marcados por Europa, España e mesmo desde Galicia.

O certo é que por diante queda aínda un longo camiño por andar, nunha época marcada pola pandemia mundial da Covid-19 e a necesidade da recuperación da economía, que pode e debe ir da man de modelos e políticas económicas sustentables, ecolóxicas e circulares para converteren a nosa comunidade nunha Galicia verde e circular.

 

 

Volver arriba