Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


O Miño

Cursos fluviais de Galicia: o Miño

O Miño é o río máis importante de Galicia, tanto por tratarse do máis longo (máis de 300 quilómetros de lonxitude) como por ser o máis caudaloso, unha vez o seu curso recibe as augas do Sil, o seu afluente máis significativo.

O Miño nace na Serra de Meira, na provincia de Lugo, no lugar coñecido co nome de Pedregal de Irimia. Nos seus primeiros quilómetros de percorrido recibe innumerables afluentes que nacen nesta mesma serra e noutras que rodean o seu leito, como as de Lourenzá, a Pousadoira ou a da Cadeira. Algúns dos afluentes máis importantes deste treito son o Magdalena, o Ladra, o Narla, o Neira, o Asma e, por suposto, o Sil, do que se di que leva a auga mentres que o Miño leva a fama.

Dende o seu nacemento ata a súa unión co Sil, o Miño rega as terras dos concellos lucenses de Meira, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Lugo, Guntín ou O Corgo, entre outros. Camiño do sur da provincia de Lugo, no seu leito construíronse durante os anos 50 e 60 dous encoros consecutivos e practicamente unidos: o de Belesar (que se estende por Taboada, Chantada, O Saviñao, Paradela, O Páramo, Guntín e Portomarín) e o dos Peares, que remata no límite entre a provincia de Lugo e Ourense e é o lugar de desembocadura do Sil. A primeira destas presas marca o inicio dunha zona de espectaculares plantacións de viñedo en bancais e de afamados caldos como o Mencía, que se estenden por boa parte da conca alta e media do Miño e da baixa do Sil.

A troita é a especie dominante neste treito de río, aínda que tamén existe presenza de anguía, reo, saboga, sábalo, lamprea ou black-bass. O principal couto de pesca é o de Ombreiro (Lugo e Outeiro de Rei), onde predomina a troita. Os maiores riscos ambientais que se atopa o Miño no seu curso alto e medio son as presas, que impiden o remonte de especies migradoras como o salmón ou a anguía, e as verteduras que recibe ó longo do seu percorrido dende zonas urbanas e polígonos industriais que fan que a calidade das súas augas non sexa todo o boa que debería.

Por outra banda, no último tramo do río Miño, dende a súa entrada na provincia de Ourense, a partir do encoro dos Peares, ata a súa desembocadura no océano Atlántico, entre a localidade pontevedresa da Guarda e a portuguesa de Caminha, o río serve de fronteira ó longo de varios quilómetros entre Galicia e Portugal. Logo volve atravesar terras e concellos cunha forte tradición vitivinícola, onde se cultivan caldos tan afamados como os do Ribeiro (na zona de Castrelo do Miño, Ribadavia e Cortegada) ou, xa preto da súa desembocadura, os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, onde se atopan algunhas das mellores bodegas e marcas de viño en zonas como O Condado, O Rosal ou o Baixo Miño.

Algúns dos seus afluentes máis importantes neste treito son o Sarria, o Barbantiño, o Avia, o Arnoia, o Deva, o Tea ou o Tamuxe. Na contorna da cidade de Ourense, o río recibe ademais numerosos regatos de augas mineromedicinais. Dende a presa dos Peares ata a desembocadura, o Miño convértese practicamente nun curso de augas mansas como consecuencia dos outros dous encoros construídos no seu cauce: o de Velle, antes da cidade de Ourense, e o de Castrelo, convertido nun auténtico mar interior onde mesmo existe un club náutico (concello de Castrelo do Miño) no que se poden practicar diversos deportes, como a vela.

As especies presentes nas súas augas son a troita, o salmón, o reo, a lamprea, a anguía, a angula, a saboga, o sábalo ou o back-bass. Pódese destacar que aquí o couto salmoneiro de Frieira, no concello ourensán de Padrenda, é o de maior importancia. Porén, factores como os encoros ou a pesqueira profesional de salmóns autorizada no treito baixo do río dificultan o remonte de especies migradoras e están favorecendo a desaparición de peixes como a anguía, a angula ou o salmón. As verteduras procedentes de cidades e zonas industrializadas son outro dos riscos ambientais que soporta o río.

Ver: o espazo natural que representa a Serra de Meira, o Pedregal de Irimia ou Fonmiñá son algúns dos lugares que se converten en visita obrigada. O castro celta de Viladonga, pertencente ó concello de Castro de Rei, o Mosteiro de Santa María de Meira, no concello que leva o mesmo nome, ou o de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao, son outras das propostas máis interesantes. A cidade de Lugo, onde se poden destacar as murallas e a catedral, ou a localidade de Portomarín, anegada polo encoro de Belesar e cuxa igrexa foi trasladada pedra a pedra ata o seu novo emprazamento, son outros dos lugares recomendados.

Na zona de Ourense, outra das nosas recomendacións é a propia cidade, coñecida pola súa fonte de auga mineromedicinal das Burgas ou a zona vitivinícola do Ribeiro. Xa na parte pontevedresa, a localidade de Tui e a súa contorna, a partir da que o Miño se fai navegable e se converte en lugar axeitado para a práctica de deportes como o esquí acuático, o piragüismo ou outras modalidades de remo, son outros dos atractivos da zona. Preto da súa desembocadura, é visita obrigada o Parque Natural Monte Aloia, tamén no concello de Tui, ou o poboado castrexo de Santa Tegra, na Guarda, dende o que se poden obter espectaculares vistas da chegada do Miño ó mar.

Chegar: a mellor opción para chegar ata o curso alto do Miño é a estrada N-640 ó seu paso por Meira. A LU-633, que une Sarria coa estrada Ourense-Lugo, permitiranos chegar ata Portomarín. Para a zona dos embalses, o corredor Lalín–Monforte é a opción máis recomendable e para a desembocadura do Sil, a N-120.

Por outro lado, para achegarnos ao Miño ó seu paso pola provincia de Ourense, a estrada N-525 ou a AP-53, que conducen ata a cidade de Ourense, son algunhas das mellores opcións. Para acceder á súa desembocadura, a AP-9 lévanos ata Tui e dende alí tamén poderemos acceder ata A Guarda a través da estrada provincial PO-552.

Comer: as troitas, especialmente famosas as do concello de Portomarín, as anguías, ou as carnes de vacún e de caza (corzo e xabaril preferiblemente) son algúns dos manxares máis destacables da gastronomía da zona. Tamén salientamos o salmón e as angulas, capturadas dende embarcacións especiais a ambos os dous lados da raia e á que se lle dedica unha festa no concello de Tui. Ademais, os viños do Ribeiro e da D.O. Rías Baixas convértense nun dos mellores acompañamentos para estes manxares, xunto co famoso viño Mencía ou os licores como o augardente; o mellor acompañamento para a saborosa cociña da ribeira do Miño

Comparte esta noticia