Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


O Deza

Cursos fluviais de Galicia: o Deza

O río Deza é un dos principais afluentes do Ulla e discorre integramente pola provincia de Pontevedra, regando a comarca que leva o seu nome e atravesando os concellos de Lalín, Silleda e Vila de Cruces.

Nace nos Montes do Testeiro (Serra do Candán), na parroquia lalinense de Zobra, e desemboca no río Ulla, no lugar de Gres (concello de Vila de Cruces). Este río forma parte do LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) denominado sistema fluvial Ulla-Deza, cun gran valor paisaxístico e ecolóxico polas especies de fauna e flora que alberga. Ademais, o Deza nace na Serra do Candán, outro espazo natural significativo da nosa comunidade que tamén conta con figuras de protección como o LIC ou a Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN).

 Os seus principais afluentes son o Asneiro e o Toxa, no que existe un dos máis fermosos saltos de auga de toda Galicia preto da súa desembocadura, no concello de Silleda. Nas súas augas a especie raíña é a troita, aínda que tamén hai presenza de reo e anguía. No seu curso existen dous coutos de pesca troiteiros, o de Taboada (no concello de Silleda) e o de Lalín.

Os principais riscos ambientais do Deza son as verteduras de augas residuais, sobre todo na zona de Lalín, procedentes do polígono industrial. Ademais, nos últimos anos e coa construción de diferentes infraestruturas na zona, o curso medio do río viuse moi afectado polas verteduras de desterros e refugallos que tiveron consecuencias moi negativas para a biodiversidade piscícola. Os aproveitamentos hidroeléctricos, unha presenza considerable de cormoráns e o furtivismo, moi estendido na zona, son outros dos factores que inflúen notablemente no mantemento da sostibilidade deste río pontevedrés.

Ver: no seu curso alto é recomendable a visita á Serra do Candán e especialmente á parroquia lalinense de Zobra, dende a que se poden obter fermosas vistas das paisaxes naturais desta comarca. Ademais, as carballeiras de Barcia e de Catasós, no mesmo concello, son outros dos espazos naturais significativos da zona. No veciño concello de Silleda destacan monumentos como o Mosteiro de Carboeiro (do século X), e cuxo entorno está incluído na Rede Natura 2000, ou a Igrexa románica de Ansemil, así como espazos naturais tan espectaculares como a fervenza do Toxa. Xa no concello de Vila de Cruces, a praia fluvial e a área recreativa da Carixa (na parroquia de Merza) ou as Illas de Gres, no Ulla, son outras visitas recomendadas.

Chegar: a estrada PO-534, que une Lalín e Pontevedra, é a mellor opción para chegar ata o nacemento do río. Para acceder ó seu curso medio e baixo, varias vías parten da N-525 e das saídas da AP-53, en Bandeira e Silleda, no treito Santiago – Lalín, e dan cómodo acceso a este cauce e ós seus afluentes.

Comer: as carnes, principalmente o porco e os seus derivados, son os mellores representantes da cociña da comarca, que ten o seu máximo expoñente no afamado cocido de Lalín. Tamén destacan outros manxares como o galo de curral, en Vila de Cruces, ou a empanada e a tortilla no concello de Silleda, todos eles honrados con festas propias en diferentes parroquias. Ademais, os peixes de río como as troitas son outros dos manxares da gastronomía da comarca de Deza.

Comparte esta noticia