O crecemento do viñedo no Ulla xera preocupación polo seu impacto ambiental e social
A Denominación de Orixe Rías Baixas, na “sub zona” Ribeira do Ulla, vive un momento de tensión e unha crecente oposición na poboación local. En pouco máis de dúas décadas, o viñedo pasou de ocupar apenas 42 hectáreas a superar con folgura as 300... e subindo. O que a primeira vista podería parecer un triunfo do rural galego cunha revitalización económica e incremento da produción local, está a ser en realidade un fenómeno de dobre fío. A expansión acelerada dos viñedos no val do Ulla acendeu todas as alarmas entre veciños, asociacións ambientais e pequenos produtores ao non estar tendo en conta o medio ambiente e crecer ás costas da economía e tecido empresarial da “sub zona”.
Entre 2023 e 2024, viticultores e grandes adegas na súa maioría alleas a esta comarca, solicitaron a transformación de máis de 250 hectáreas de solo forestal en novos viñedos en Galicia, o que equivale a unha media de 3.400 metros cadrados ao día. E esta tendencia está a continuar en 2025 con novos proxectos en tramitación. Un dos máis mediáticos é o da adega Martín Códax, que solicitou o cambio de uso de 18,7 hectáreas en Vedra nas parcelas de Pombal, Almestro, Revoltadas,Devesinas e Sarandón co obxectivo declarado de aumentar a produción, optimizar o rendemento económico e, disque, “potenciar o desenvolvemento rural”. Aínda que o proxecto está en fase de exposición pública, as alarmas xa soaron nas aldeas próximas, onde asociacións veciñais e sindicatos denuncian que o modelo de viticultura industrial que se está implantandoameaza a sustentabilidade ambiental e social da comarca. Martín Codax é de base cooperativa no Salnés, pero ao Ulla ven como arrendataria de solo para novas plantacións. Outras adegas xa o fixeran antes, entre elas Mar de Frades, que buscou así aumentar a produción e acadar matices para os seus caldos, que o cambio climático lles nega nas Rías Baixas.
Ademais, no caso da adega Martín Códax afirman utilizar métodos sostibles: cubertas vexetais, mantemento de flora autóctona, emprego de produtos naturais como equisetum ou aceite de laranxa, e tecnoloxía de precisión para minimizar o impacto paisaxístico. Con estes argumentos, a adega rexeita as acusacións de especulación e preséntase como unha aliada do rural galego fronte ao despoboamento e o abandono. En resposta ás críticas veciñais, a cooperativa defendeu o seu proxecto como un modelo de “economía social”, con respecto ao minifundio e ás dinámicas locais. Asegura asinar 73 contratos de arrendamento con 90 propietarios, con parcelas medias de 7.500 metros cadrados, e garante que, unha vez finalizados os contratos, as instalacións pasarán a ser propiedade dos donos do terreo. Tamén ofrecen contratos de compra de uva a longo prazo, con posibilidade de integración na cooperativa.
Sen embargo, para boa parte dos cidadáns da zona estas garantías non bastan. As entidades contrarias á expansión, entre elas a plataforma Sí a un rural vivo, non cuestionan a actividade vitivinícola en si, senón a súa escala, a súa forma e a súa falta de planificación territorial. “Non se pode crecer sen límite. O que pedimos simplemente é poñer límites”, insisten.
“Non estamos en contra da actividade vitivinícola”, afirma Paulo Rubido, portavoz de Defensa do Ulla, “pero o que se está instalando aquí non é o viñedo dos nosos avós. É unha industria a gran escala que arrasa coa contorna”. Segundo Rubido, os proxectos que se presentan con linguaxe de sustentabilidade esconden prácticas que poderían ter efectos devastadores: perda de solo fértil, desaparición de cultivos hortícolas, ameazas para a fauna e, en última instancia, perda de autonomía para os pequenos produtores. A conca de Luz, ata hai pouco unha referencia hortícola, está a ver como se reducen os seus cultivos tradicionais en favor da viña. Adegas do Salnés adquiriron terreos para equilibrar a produción dos seus viños, pero a presión sobre a terra está a facer inviable a continuidade doutras actividades agrícolas.
Os riscos ambientais non son unha cuestión menor. En Galicia, a viticultura require máis tratamentos que noutras rexións de España debido ás condicións climáticas. A humidade favorece a proliferación de enfermidades como o mildiú, a podremia gris ou o oídio, o que obriga a aplicar frecuentes fumigacións con produtos fitosanitarios. Algunhas organizacións documentaron casos de fumigación cada cinco días, mesmo preto de vivendas, xerando preocupación polos posibles efectos na saúde humana e nos acuíferos do sistema fluvial Ulla-Deza debido á viticultura. A estes impactos súmase a acumulación de cobre nos solos, produto do uso reiterado de tratamentos contra pragas. O cobre, aínda que autorizado na agricultura ecolóxica, é persistente e pode alterar gravemente a vida microbiana do solo a medio e longo prazo.
A asociación Defensa da Ulla non dubida en cualificar o auxe do viñedo como a maior ameaza para o sistema fluvial Ulla-Deza despois das verteduras fecais e de xurro, ou mesmo do risco de instalación de Altri. O uso intensivo de fitosanitarios, as talas masivas de monte autóctono e a proliferación de monocultivos están a poñer en xaque a biodiversidade, a saúde dos solos e a calidade da auga na zona. Nos solos galegos, ácidos e con alta retención de humidade, o risco de acumulación de cobre e outros residuos é especialmente elevado.
Este tipo de cultivo intensivo, ademais, ameaza con desdebuxar o modelo de minifundio e diversificado que define a paisaxe e a identidade agraria galega. A concentración parcelaria en mans de grandes operadores, aínda que a miúdo escúdese en fórmulas de arrendamento ou economía social, pode acabar expulsando aos pequenos viticultores do mercado, á vez que debilita o tecido agrícola local e a soberanía alimentaria da zona. A alteración dos prezos de solo fai que se abandonen producións agrarias ou gandeiras tradicionais e os custes sexan inasumibles, para os que queren seguir coa actividade agraria ou gandeira.
Este conflito puxo en tensión a toda a comarca natural do Ulla, que abarca os municipios de Vedra, Boqueixón, Teo e A Estrada (e que na sub - zona inclúe Vila de Cruces e Silleda). Mentres, as plataformas cidadás e sindicatos agrarios como o Sindicato Labrego Galego claman por unha moratoria e a regulación das plantacións, algunhas institucións locais tentan suavizar o risco de enfrontamento social. O alcalde de Vedra, Carlos MartínezCarrillo, recoñece a “preocupación lóxica” dos veciños e lanzou a proposta de crear un pacto de boas prácticas na viticultura comarcal, un código que vaia “máis aló da lei” e converta ao viñedo do Ulla nunha “marca de excelencia”.
A proposta municipal pretende establecer límites claros ao uso de pesticidas preto de vivendas e acuíferos, fomentar técnicas de cultivo sostibles e reforzar os controis sobre a transformación de solo forestal en agrícola. O Concello quere implicar tanto á Consellería do Medio Rural como ao propio Consello Regulador da DO Rías Baixas.
Aínda que Concello de Vedra tratou de mediar, propoñendo un pacto de boas prácticas vitícolas que vaia “máis aló da legalidade” para preservar a paisaxe e a saúde da veciñanza, a Xunta continúa tramitando proxectos. Das trinta iniciativas presentadas nos dous últimos anos, seis xa foron aprobadas, sumando preto de 102 hectáreas. A Consellería do Medio Rural tamén puxo en marcha un plan de axudas de catro millóns de euros para a reconversión e reestruturación de viñedos, coa idea de modernizar o cultivo e frear o despoboamento. Pero, na práctica, estas medidas tamén están a favorecer a expansión de modelos intensivos que xeran receos e falta de sutentabilidade.
De acordo cos datos da Xunta, a maioría de peticións enviadas para incrementar as plantacións ou establecer novos lugares para a viticultura en Galicia agrúpanse no sur, onde se concentra o 85% das solicitudes de modificación de uso. A provincia de Ourense encabeza a clasificación con 136,4 hectáreas (ha), a continuación, Pontevedra con 78,3 ha, A Coruña con 29,5 ha e Lugo con 7,3 ha. Do total de investimentos propostos, unha trintena das cales se realizaron nos dous últimos anos, seis xa obtiveron o visto e prace do departamento de Ángeles Vázquez. Inclúen aproximadamente 102 ha, case a metade da totalidade.
A Consellería do Medio Rural puxo en marcha unha nova convocatoria de subvencións para a reorganización e transformación de viñedos, cun orzamento de catro millóns de euros. O propósito é mitigar o despoboamento que impacta no campo e outros fenómenos prexudiciais como o efecto do cambio climático nas plantacións. "Con elas preténdese mellorar o cultivo da uva en Galicia para reducir custos e orientarse mellor aos diferentes mercados, potenciando o grao de profesionalización cos consecuentes beneficios económicos para este tipo de explotacións", aclara o departamento de María José Gómez.