Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


O Umia

O Umia nace nas proximidades da Serra do Candán, en Aciveiro (concello de Forcarei), a 640 metros de altitude, e discorre polos concellos da Estrada, Cuntis, Moraña, Caldas de Reis, Portas, Meis, Ribadumia e Cambados, atravesando boa parte da comarca do Salnés. Desemboca na ría de Arousa, na localidade de Barrantes, delimitando a península do Grove.

Trátase dunha cunca oceánica húmida, na que son abundantes as choivas durante o inverno e os veráns moi secos na zona da desembocadura. O Gallo, o Grixó, o Lourido, o Follente, o Bermaña ou o Chaín son algúns dos seus afluentes.

O curso baixo do río forma parte dunha das zonas húmidas protexidas máis importantes da nosa comunidade (Complexo intermareal Umia – O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira), que alberga numerosas especies migratorias. Ademais, conta con outras figuras de protección, como a de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, Lugar de Importancia Comunitaria e Zona Ramsar.

As especies piscícolas que habitan as súas augas son o reo, a troita, a anguía, a boga, o cacho, o espiñento, a rañosa e a solla. Nos últimos anos, tamén se dan entradas ocasionais de troita arco iris e, máis esporadicamente, de lamprea e de salmón, feitos que están a denotar unha pequena melloría nas augas do Umia. Conta con tres coutos de pesca: Codeseda, Caldas de Reis (ambos os dous de troita) e Ponte Arnelas (couto de reo), sendo este o máis importante durante anos, aínda que os problemas ambientais do río fixérono decaer nos últimos tempos.

O encoro da Baxe, construído antes da vila de Caldas de Reis para regular as enchentas da canle que provocaban continuas inundacións do casco urbano, converteuse no principal problema ambiental deste curso. Todos os veráns, a presa tínguese de verde pola proliferación dunha cianobacteria que pon en serio perigo a biodiversidade fluvial e o abastecemento de auga potable ás localidades do Salnés. Ademais, as verteduras provocan a aparición de limos que invaden as augas e dificultan a supervivencia das especies piscícolas. A gran presión urbanística, principalmente na cunca baixa do río, é outro dos factores que pon en serio perigo a súa saúde ambiental.

Ver: os muíños, algúns deles anegados pola construción da presa, e os saltos de auga son unha constante deste curso fluvial, destacando pola súa beleza a Fervenza de Segade, no concello de Caldas de Reis. Nesta mesma vila, a carón do Umia, consérvanse fontes de augas termais que, no século pasado, a converteron nun dos referentes do termalismo ibérico. Xa na súa cunca baixa, o mosteiro cistercense da Armenteira, no concello de Meis, é un dos puntos de visita obrigada desta comarca. A zona da súa desembocadura, cunha gran riqueza paisaxística e natural, é outra das nosas principais recomendacións. Ademais, trátase dunha importante área de produción de viño Albariño e Barrantes que, segundo a tradición, é o berce da primeira destas variedades que foi traída dende Europa Central a Galicia polos monxes, motivo polo cal esta comarca tamén é coñecida como Mar dos Frades. As vilas de Cambados ou Ribadumia, onde destacan os seus fermosos pazos como o de Barrantes, son outros dos lugares de interese.

Chegar: a estrada PO-549 (Vilagarcía-O Grove), que comunica as vilas da comarca do Salnés, é a mellor opción para achegarse ata o curso medio do río. A autovía do Salnés (saída da AP-9 cara a Sanxenxo) levaranos ata a zona da desembocadura.

Comer: os peixes de río, como a troita ou o reo, xunto con outros produtos, como os mariscos ou os peixes de mar, as carnes e os produtos da horta, acompañados dos afamados viños destas terras, onde destacan o Albariño (cunha festa propia no concello de Cambados) ou o Barrantes, completan a carta gastronómica das ribeiras do Umia.

Comparte esta noticia