Serra San Mamede
A Serra de San Mamede, o miradoiro ourensán
A Serra de San Mamede, localizada na provincia de Ourense, conforma xunto coas serras de As Corzas, Invernadoiro, Queixa e o Burgo o Macizo Central Ourensán, un espazo de gran interese botánico. Conta cunha ampla biodiversidade de especies vexetais, tanto mediterráneas como oceánicas, e cunha ampla variedade faunística, con máis de 176 especies de vertebrados. Este espazo natural pertence, en boa parte, ó concello de Vilar de Barrio, aínda que abarca unha zona importante do veciño concello de Montederramo.
A Serra, formada por outeiros e penedos, constitúe un excepcional miradoiro dende o que se poden admirar os terreos que un día estiveron anegados pola Lagoa de Antela, na comarca da Limia, recoñecida coma unha das máis importantes da Península Ibérica pola súa extensión e riqueza. A Lagoa, que foi desecada a partir do ano 1956, está a día de hoxe en proceso de recuperación.
Ademais da súa altitude e da súa enorme riqueza vexetal e animal, San Mamede conta tamén coa auga como outro dos seus atractivos, personificada no río Arnoia que nace nos seus cumes para logo dividirse en dous ramais distanciados que percorren as ladeiras da montaña. Dentro dos límites da Serra de San Mamede atópase tamén o Bidueiral de Montederramo, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). Está situado na cara norte da Serra e é un dos bosques de bidueiro mellor conservados de Galicia.
No que se refire á fauna característica da Serra, son comúns as poboacións de lobos e corzos, aínda que tamén teñen unha presenza importante neste espazo natural outras especies como os cervos, os teixugos, os xabaríns, os raposos, as xenetas, as lebres, os coellos, as aguias reais ou as comadrexas. Como no resto do Macizo Central de Ourense, a flora de San Mamede caracterízase pola presenza de carballos, abeduis, acivros, serbal dos cazadores, arandos, fentos ou liques, así como cumes con pastizais de Festuca indigesta e Piornal de Cytisus scoparius e C. purgans.
O principal risco ambiental detectado neste cume ourensán é o desprazamento das masas de frondosas a causa dos lumes e da repoboación das zonas afectadas con exemplares de pino radiata. A xestión forestal desenvolta en San Mamede é cuestionada por moitos, non só pola utilización deste tipo de pino para a rexeneración das zonas máis afectadas polos incendios, senón polo empleo de grandes máquinas para levar a cabo estas labores que danan e deterioran as pistas forestais e os accesos rurais a un espazo natural de amplo valor ecolóxico.
Ver: o Centro de Educación Ambiental de As Corcerizas é un dos lugares máis interesantes da visita á Serra de San Mamede. Neste centro existe unha ampla oferta de actividades e cursos desenvolvidos arredor do medio ambiente e tamén se poden atopar exemplos de aplicación da utilización de enerxías renovables (solar, eólica, hidráulica e biomasa) para uso particular. Rebordechao ofrece unha ruta etnográfica para achegarse ós poboados típicos da montaña galega e que permite coñecer elementos tan característicos coma os muíños de auga, os fornos comunais e a arquitectura tradicional da zona. A “ruta dos maquis”, vestixios da presenza destes grupos na zona durante a Guerra Civil, é outro dos atractivos de San Mamede.
Chegar: a primeira opción é dende Ourense, pola Autovía A-52 ata Xinzo de Limia, Vilar de Barrio e Arnuide, pobo máis cercano ó Centro das Corcerizas, situado no cume da Serra. A outra opción sería pola estrada C-536, dirección Pobra de Trives, Alto do Couso, Maceda, Os Milagros e Arnuide.
Aloxamento: na comarca existen varias casas rurais coma a situada no lugar de Arnuide. Ademais, o Centro de As Corcerizas conta tamén cun albergue que ofrece un servizo de aloxamento de calidade a un prezo razonable, mesturado coa posibilidade de desfrutar de todas as súas instalacións á vez que se coñece a importancia da educación ambiental e se descobren as posibilidades de ocio da naturaleza da zona.