Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Dunas de Corrubedo

Corrubedo, as dunas galegas por excelencia

O Parque Natural de Corrubedo, formado polo complexo dunar e as lagoas de Carregal e Vixán, está situado no suroeste da provincia de A Coruña, na denominada Península do Barbanza, e pertence íntegramente ó concello de Ribeira. Este singular espazo natural conta ademais con outras moitas figuras de protección como a de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, Zona Húmida Protexida, Lugar de Importancia Comunitaria, Zona de Especial Protección para as Aves e Zona Ramsar.

Trátase dun dos complexos dunares máis extenso e representativo do noroeste español, cun gran valor natural e paisaxístico e cunha gran variedade de hábitats en bo estado de conservación. Entre as especies vexetais existentes na zona hai arredor de 250 taxóns, algúns deles ameazados ou con rara presencia na nosa comunidade como a Omphalodes littoralis subsp. Gallaecica, presente na parte dunar xunto con outros taxóns como Iberis procumbens subsp. procumbens, Alyssum loiseleuri, Silene scabriflora subsp. gallaecica, Viola kitaibeliana var henriquesi, Linaria polygalifolia ou Mibora minina subsp. Littorea. Mentras que nas dunas destacan pequenos arbustos e plantas herbáceas como caméfitos, criptófitos e hemicriptófitos, así como algunhas especies de orquídeas, nas lagoas a flora máis representativa está composta por vexetación de marismas e xunqueiras salobres e halófilas, así como carrizas.

No relativo á fauna, Corrubedo é un dos lugares con maior representación de invertebrados e peixes en Galicia e é lugar de cría para algunhas especies ameazadas como o odonato, o cerambícido ou o carábido. O sapo de esporóns, o esgonzo ibérico, a lagarta dos penedos, a lagarta rabuda e a cobra riscada son exemplos dos numerosos anfibios e reptis que se poden observar neste espazo natural. En canto á avifauna, a zona alberga unha gran diversidade de paxaros entre os que cabe destacar o alcaraván común e a píllara papuda, dúas especies limícolas ameazadas en Galicia. Os mamíferos como o raposo, o teixo, o esquío ou o xabaril atópanse nos piñeirais e matogueiras próximos ó complexo de Corrubedo, mentres que nas lagoas é habitual a presenza de lontras e nas augas mariñas máis próximas á costa non é raro divisar golfiños, marsopas e outros cetáceos.

Ver: a duna móvil, representación máxima deste Parque Natural, e as lagoas de Carregal e Vixán son os principais atractivos deste espazo natural galego, xunto coas espectaculares praias da zona e que tamén forman parte do Parque como as de A Ladeira-Ferreira, A Lagoa, O Vilar ou Anguieiro. O Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia, museo divulgativo sobre o complexo ribeirense, ou o observatorio de aves son outras das nosas recomendacións. Ademais, o dolmen megalítico de Axeitos, no mesmo concello de Ribeira, o castro de Baroña, no veciño municipio de Porto do Son, ou o mirador da Curota, na Pobra do Caramiñal, e dende o que se obteñen espectaculares vistas de gran parte da franxa costeira de Galicia, son outros dos puntos de interese da zona

Chegar: a estrada C-550 e a autovía do Barbanza son as dúas vías de acceso ata Ribeira, onde se continúa pola estrada AC-303, que une Santa Uxía de Ribeira con Corrubedo, ata chegar ó complexo dunar.

Comer: os mariscos e peixes do mar son a mellor representación da gastronomía desta zona, de importante producción marisqueira e que conta cun dos portos de baixura máis significativos de España. Os mexilóns ou os percebes, ós que se lle adica unha festa na parroquia de Aguiño, son algúns dos seus produtos máis representativos.

Aloxamento: os hoteis, campings e pensións, numerosos en todo o concello de Ribeira, son a nosa recomendación para facer noite na zona e desfrutar dos seus espazos naturais.

Créditos: Texto: Elaboración propia. Imaxe: Wikimedia Commons. Juantiagues

Comparte esta noticia