Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


ADEGA organiza un “BioBlitz” nos ríos Tambre e Arnego

O pasado sábado 27 de maio, a Asociación para a Defensa de Galicia (ADEGA) organizou un maratón de biodiversidade ou “BioBlitz” nos ríos Tambre e Arnego. Esta actividade foi realizada co fin de crear unha lista actualizada con axuda dos participantes sobre as especies de flora e fauna que habitan nestas zonas.

Esta foi unha iniciativa de Ciencia Cidadá e descubrimento da biodiversidade local creada para identificar o maior número de organismos vivos que habitan os ríos Tambre e Arnego. A actividade foi levada a cabo por profesionais científicos que se dedican a estudar os distintos grupos de flora e fauna.

Para axudarlles, puideron contar con tódalas persoas que quixesen sumarse a esta iniciativa. Moitos deles foron especialistas de ADEGA e persoas voluntarias afeccionadas a este tipo de actividades ou xente da zona sen coñecementos previos. A actividade estaba aberta para que todo o que quixese participar puidese facelo, tanto facendo mostras pola súa conta como integrándose en calquera das mostras guiadas. Ao poder contar con expertos na materia, as persoas que se achegaron a formar parte da actividade puideron aprender sobre as técnicas de estudos científicos de campo, así como a documentar plantas, peces, aves, mamíferos ou invertebrados, ou a identificar rastros, sinais e pisadas.

Ao final, un dos obxectivos máis importantes desta iniciativa era actualizar a lista da diversidade dese espazo natural para que dese modo poidan ser utilizados por xestoras municipais, científicos ou pola cidadanía para chegar a formar parte de estudos máis detallados e para profundar na biodiversidade dos municipios.

Este “BioBlitz” organizado por ADEGA está dentro do proxecto Fluviatilis, no que participan entidades de diferentes territorios, co que se proporcionará información a tempo real sobre a evolución dos censos a través da inclusión de citas en diversas aplicacións de ámbito naturalista. Nel, tamén se convocaron maratóns deste tipo nos que os participantes se dedicaron a observar, describir e identificar a fauna e a flora das distintas zonas nos que levaron a cabo os maratóns. Estes tiveron lugar en Murcia, coa Asociación de Naturalistas do Sueste (ANSE); en Catalunya co Grup de Natura Freixe (GNF); na Comunitat Valenciana coa Fundació LIMNE; e en Cantabria coa Rede Cambera.

Este proxecto puido contar co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). E foi financiado pola Unión Europea cos fondos NextGenerationEU.

Comparte esta noticia