Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Día Mundial do Medio Ambiente: os retos ecolóxicos de Galicia

O 5 de xuño non é un día calquera no calendario, celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente, que en Galicia se presenta con claroscuros nos que a falta de garantías ambientais en proxectos industriais se sitúan á cabeza da problemática... xunto á calidade das augas e a parálise do modelo de xestión de residuos, que nos mantén á cola de España, dende fai lustros en materia de reciclaxe. O Día Mundial do Medio Ambiente 2025 ten como lema: «Poñer fin á contaminación por plásticos», unha mensaxe que invita a abordar o problema dende a educación, unha análise crítica e a busca de solucións e alternativas sostibles.

A comunidade galega enfróntase a unha serie de retos ambientais que poñen en xaque o seu modelo de desenvolvemento. Mentres organismos internacionais chaman a frear a contaminación e protexer a biodiversidade, no territorio galego acumúlanse conflitos ambientais de gran calado que afectan tanto á súa paisaxe como ao seu modelo de desenvolvemento. Dende a polémica fábrica de celulosa de Altri en Palas de Rei ata os proxectos de hidróxeno sen unha estratexia definida, pasando polas eivas xa históricas como a depuración deficiente de augas, a expansión de monocultivos forestais e vitivinícolas en zonas agrarias, a insuficiente xestión de residuos ou a inexistencia de programas de control de especies invasoras (coa conseguinte perda de biodiversidade). A comunidade vive unha crise ecolóxica considerable, que empeora como consecuencia de outros factores como o cambio climático ou malas prácticas como o “greenwashing”, por parte de moitas empresas. Máis aló das promesas de sustentabilidade, xorden dúbidas sobre o verdadeiro impacto destas iniciativas no territorio, a biodiversidade e a calidade de vida... e unha crecente onda de “negacionismo” empeora a situación.

Fronte a este panorama, unha parte considerable da sociedade galega está a reaccionar. Cada vez son máis frecuentes as mobilizacións cidadás (e estas son cada vez máis numerosas), os recursos xudiciais e os informes técnicos independentes, que cuestionan o relato oficial, suman milleiros de partidarios e ademais conseguen donantes que financian a defensa “do común” nos tribunais de xustiza, algo que ate agora só se podían permitir certas institucións e grandes corporacións. Tamén se multiplican as iniciativas de base, que buscan impulsar modelos alternativos de produción e desenvolvemento: dende cooperativas agrarias que apostan pola agro-ecoloxía ou a agricultura rexenerativa, ata o impulso de comunidades enerxéticas, que reivindican o autoconsumo renovable sen depender de macro-proxectos.

Benito García

Presidente

Asociación Galicia Ambiental

Comparte esta noticia