Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Serra da Cova da Serpe

A Serra da Cova da Serpe, fronteira natural entre A Coruña e Lugo

Este espazo natural, que alcanza a súa máxima altitude no pico da Cova da Serpe, con 841 metros sobre o nivel do mar, conta cun alto valor paisaxístico e é fonte de numerosas lendas, nas que dragóns, gnomos e amantes novos se converten en protagonistas das historias baseadas neste fermoso lugar. A auga é outro dos elementos característicos deste espazo natural, representada por ríos como o Mandeo, na parte coruñesa, ou o Parga e o Narla, tributarios do Miño, na provincia de Lugo. As turbeiras e as formacións arbóreas de castiñeiros e carballos conforman a flora da Serra da Cova da Serpe, mentres que a fauna está dominada polas especies de caza, de aí que esta sexa unha zona cunha importante actividade cinexética.

Os parques eólicos, ó igual que noutros moitos cumios galegos, son o principal risco ambiental deste espazo natural do interior de Galicia. Os aeroxeneradores que ocupan boa parte da cordada da Serra supoñen un forte impacto ambiental e paisaxístico con consecuencias negativas para o seu ecosistema.

Ver: As fermosas vistas que se obteñen dende o alto da Cova da Serpe constitúen unha das nosas principais recomendacións á hora de achegarse ata esta zona do interior de Galicia. Ademais, na visita a este espazo natural é punto de parada obrigatoria o Mosteiro Cistercense de Santa María de Sobrado, no concello coruñés de Sobrado dos Monxes, onde tamén se atopa o dolmen de Moruxosa ou do Forno dos Mouros, a mámoa da Pena da Moura ou o campamento romano da Ciadella. Tamén no concello lucense de Friol son numerosos os xacementos castrenses, como os de Seoane, Gudín ou Enxeito, así como os petroglifos e os túmulos que, xunto cos pazos, hórreos ou muíños son outra constante na comarca. Ademais, no referido ó patrimonio natural, o Lago de Sobrado, xunto cos cursos dos ríos Mandeo ou Parga son outros dos lugares de interese recomendados na visita á Cova da Serpe.

Chegar: a N-547, que une a vila de Arzúa con Lugo, lévanos ata Melide, dende onde a través da AC-840 chegaremos ata o Concello de Sobrado para acceder á zona da Serra.

Comer: as carnes, principalmente a de Tenreira Galega, e os peixes de río como as troitas son algúns dos produtos máis representativos da zona. Pero, sen dúbida ningunha, o queixo, pertencente á Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, ou o pan de Ousá, que conta cunha feira propia no concello lucense de Friol, son os máximos expoñentes da súa gastronomía.

Comparte esta noticia