Os Ancares
Os Ancares, natureza e usos tradicionais na súa máxima expresión
A Reserva da Biosfera Os Ancares lucenses e montes de Navia, Cervantes e Becerreá, situada na zona leste da provincia de Lugo e limitando coa comunidade de Castela e León, abrangue unha superficie de máis de 53.660 hectáreas correspondentes ós concellos de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá. Esta Reserva da Biosfera conta ademais con outras figuras de protección como son Zona de Protección do Oso Pardo, Lugar de Importancia Comunitaria, Zona de Especial Protección para as Aves e Reserva Nacional de Caza. No capítulo de riscos ambientais destaca a proliferación de canteiras e o estancamento do proceso para a declaración de Parque Natural, como consecuencia da falta de entendemento entre administración e residentes.
Este fermoso espazo natural caracterízase polos grandes desniveis existentes en poucos quilómetros entre os numerosos vales, algúns deles situados por debaixo dos 300 metros, e os picos que chegan a alcanzar os 2.000 metros, entre os que destaca o Mustallar. A auga, personalizada en ríos como o Navia ou o Ser, que percorren a vertente galega dos Ancares, é outro dos elementos que caracterizan esta zona de montaña.
O carballo, o acivro, o bidueiro, a abelleira, o serbal de cazadores, o arce, o teixo e o xardón, especie protexida na comunidade autónoma galega, son algunhas das árbores que contan con maior presenza na zona, xunto con importantes áreas de matorrais, formadas por brezais e piornais.
En canto á fauna, Os Ancares conta cunha importante comunidade de mamíferos e avifauna, entre os que destacan especies en perigo de extinción ou de visita ocasional, como o oso pardo e o urogalo ou pita do monte, que atopan neste recuncho da montaña lucense o límite sudoccidental da súa área de distribución. Outras aves como o peto mediano, a becada, o pato negro, a estreliña do norte ou o ferreiriño palustre, xunto coas rapaces e os mamíferos, entre os que destacan o corzo, o xabaril, a lontra, o lobo ou o raposo completan o panorama faunístico desta Reserva da Biosfera.
Ver: as numerosas rotas de sendeirismo que discorren por este espazo natural galego permitirannos desfrutar dalgunhas das paraxes naturais con máis encanto da comarca como o souto de Agüeira, os Grobos, a Serra de Calamouco ou o aciñeiral de Cruzul, todos eles no concello de Becerreá. Ademais, a comarca posúe fermosas edificacións como o Mosteiro de Santa María de Penamaior, o Castelo de Doiras ou os numerosos pazos, xunto con mostras da cultura castrexa como os castros e mámoas dos concellos de Navia de Suarna e Cervantes. Mención a parte merecen as pallozas, vivendas pre-romanas típicas da zona, de planta oval ou redonda, feitas en pedra e cubertas de palla, que se poden observar no poboado de Piornedo, no concello de Cervantes, e que constitúen unha das nosas principais recomendacións á hora de visitar a comarca de Os Ancares.
Chegar: A autovía A-6 e a estrada N-VI, que nos levan ata a poboación de Becerreá, ofrécennos a mellor vía de entrada a esta zona.
Comer: as carnes de caza, xunto coa de porco e os seus derivados (chourizos, androia, butelo ou roxóns), o queixo do Cebreiro (que conta con denominación de orixe), o mel, as filloas, as castañas ou as noces son algúns dos produtos máis representativos da gastronomía desta comarca lucense.
Aloxamento: as casas rurais existentes nos concellos correspondentes a esta Reserva da Biosfera constitúen a nosa mellor recomendación para facer noite nesta zona da provincia lucense.