Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O Tambre

Cursos fluviais de Galicia: o Tambre

O Río Tambre é un dos cursos fluviais máis importantes da provincia da Coruña. Nace no concello de Sobrado dos Monxes, na Serra do Bocelo, e desemboca na Ría de Muros e Noia para verter as súas augas ó Océano Atlántico.

No seu percorrido de máis de 130 quilómetros de lonxitude, atravesa numerosos municipios coruñeses como os de Sobrado, Curtis, Vila-santar, Boimorto, Mesía, Frades, Arzúa, O Pino, Oroso, Ordes, Trazo, Tordoia, Santiago de Compostela, Val do Dubra, Ames, A Baña, Brión, Negreira, Outes, Mazaricos, Noia e Lousame. O Dubra e o Barcala son os seus principais afluentes e o encoro Barrié de la Maza a única presa construída no seu leito.

 A troita é a especie raíña do Tambre, xunto co reo. Pese a que no século pasado este río contaba cunha presenza importante de salmón e de lamprea, na actualidade soamente se rexistran escasas entradas de salmóns erráticos procedentes do Ulla, xa que o encoro fixo desaparecer estas especies do seu curso. Algúns dos coutos de pesca máis significativos son o de Noia, onde o reo é a especie predominante, e o de Ponte Maceira (concellos de Ames, A Baña e Negreira), de pesca intensiva. Os coutos de Chaián e Sigüeiro foron paradigmas da pesca da troita anos atrás, pero hoxe atópanse en declive polos numerosos episodios de contaminación.

Os principais problemas ambientais que se rexistran no seu leito veñen dados polo encoro Barrié de la Maza, que dende os anos 70 provocou a desaparición de especies migradoras como o salmón e a lamprea. Ademais, as augas do Tambre presentan uns niveis de pureza moi baixos, segundo un estudo encargado polo Club de Pesca Tambre á Estación Hidrobiolóxica do Con, debido en boa parte á contaminación provocada pola turbina da presa. O feito de que o río atravese numerosos municipios de carácter rural, fai que as verteduras sexan outro dos seus maiores problemas neste ámbito, provocando o deterioro do seu curso.

Ver: a área recreativa e a praia fluvial de Chaián, en Santiago de Compostela, na que se aproveitaron as vellas infraestruturas dun muíño, constitúe unha das nosas principais recomendacións. Ponte Maceira, no concello de Ames, é outro dos lugares de visita obrigada na cunca do Tambre. Neste lugar cabe destacar a ponte medieval, de base romana, así como o poboado, tamén do Medievo, o muíño ou a presa construídas sobre o leito do río. A vila de Negreira, onde destacan os numerosos pazos e casas señoriais, como o Pazo do Cotón, é outra das nosas recomendacións na visita a esta zona. Xa na parte baixa do río, na súa desembocadura, o lugar de Ponte Nafonso, famoso pola súa inmensa ponte, e a vila de Noia son outras das paradas obrigatorias no curso do Tambre.

Chegar: a N-634 levaranos ata a parte alta do río e a zona do seu nacemento, mentres que para acceder á parte media e baixa do Tambre as mellores opcións son a estrada N-550, que une Santiago e A Coruña, ou a autovía AG-56, pola que se chega ata Noia, lugar de desembocadura deste curso fluvial.

Comparte esta noticia