Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O Navia

Cursos fluviais de Galicia: o Navia
O río Navia é o curso fluvial máis occidental de Galicia. Nace na Serra do Rañadoiro, no termo municipal de Pedrafita do Cebreiro, na comarca lucense dos Ancares, e desemboca no mar Cantábrico, en Asturias, entre o Cabo de San Agustín e La Barra, estendéndose a maior parte do seu curso polo territorio desta comunidade veciña.

Arredor de 90 quilómetros do río Navia discorren pola comunidade galega, regando as terras dos concellos lucenses de Pedrafita, Becerreá, As Nogais, Cervantes, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada. Algúns dos seus afluentes máis destacables son o Ser, o Moia ou o Lamas. Na súa cunca destaca tamén o encoro de Salime, compartido entre o territorio galego e o asturiano.

A troita é a raíña indiscutible do Navia, que nas décadas dos 80 e 90 foi un dos ríos troiteiros máis importantes non só de Galicia, senón tamén de España. Nin o reo nin o salmón teñen presenza nestas augas, onde o couto de pesca de referencia é o de Navia de Suarna. O tamaño das súas troitas é unha das principais curiosidades deste curso fluvial, xa que os exemplares que habitan o Navia medran moito máis rápido que no resto dos ríos galegos, como consecuencia, seguramente, da súa alimentación e da forma xeográfica e morfolóxica do río.

As obras de construción de diferentes infraestruturas nos arredores da súa cunca durante os últimos anos do século XX produciron diversos capítulos de contaminación que afectaron gravemente o curso fluvial, entrando nun período de declive estrepitoso cun alarmante descenso da poboación de troitas que o converteron, durante 10 ou 15 anos, nun río de menor importancia. Porén, nos últimos anos, o Navia rexistrou unha recuperación importante e volveu a acadar un forte valor troiteiro.

O maior risco ambiental do río Navia é a concesión, habilitada durante o franquismo pero vixente na actualidade, para a construción dun grande encoro que afectaría boa parte do seu curso galego, principalmente nos concellos de Navia de Suarna e A Fonsagrada. Recentemente, o Parlamento galego rexeitou de forma unánime a construción deste encoro, que afectaría a terreos de alto valor ecolóxico incluídos na Reserva da Biosfera dos Ancares. Malia todo, a última palabra para rematar definitivamente con esta ameaza ambiental tena o Goberno central.

Ver: trátase dunha zona de turismo interior e de alta montaña, onde o seu principal valor reside na natureza salvaxe en estado puro, entre a que destaca a Serra dos Ancares, Reserva da Biosfera, un dos lugares que non se deben deixar de coñecer na nosa visita ó curso do Navia. Ademais, nos concellos polos que discorre este río, a nosa recomendación pasa por achegarse ata a zona do Cebreiro para coñecer o santuario de Santa María a Real e o Museo etnográfico ou ata a Torre de Doncos, coñecida tamén como Castelo de Santo Agustín, e o pazo de Doncos, no concello das Nogais. Máis ó norte, en Navia de Suarna e Cervantes, son numerosas as mostras de cultura castrexa, como os castros e as mámoas. Ademais, en Cervantes pódese visitar o poboado de Piornedo, famoso polas súas pallozas.

Chegar: a estrada provincial LU-633, á que se accede a través da N-547, e a N-VI, que nos leva ata Pedrafita do Cebreiro, son algunhas das alternativas para chegar ata a zona do nacemento deste curso fluvial.

Comer: as troitas do Navia son un dos produtos máis destacables da súa cociña, xunto coas carnes de caza, a carne de porco e os seus derivados (chourizos, androia, botelo ou roxóns). Ademais, o queixo do Cebreiro (con denominación de orixe propia), o mel, as filloas, as castañas ou as noces son outros dos manxares máis representativos da gastronomía desta comarca lucense.

Comparte esta noticia