Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O Monte Pindo

O Monte Pindo, o “vixía” da ría de Corcubión

O Monte Pindo, pertencente ó concello coruñés de Carnota, está situado a metade da franxa costeira debuxada pola ría de Corcubión, limitada ó sur polo pobo de Lira coa súa Punta dos Remedios e ó norte polo Cabo Fisterra. Este macizo, unido ós Montes da Ruña, forma parte do LIC Carnota-Monte Pindo e foi denominado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.

Este espazo natural, a escasos dous quilómetros do mar, acada a súa máxima altitude no monte da Moa (627 m.). Ó longo dos sendeiros que recorren o Pindo atópanse espectaculares exemplos pétreos de modelado granítico con formas humanas, como o “guerreiro”, ou de castelos que dan renda solta á imaxinación é o nacemento de mitos e lendas, moi abundantes nesta zona. Dende o alto do macizo pódese desfrutar das impresionantes vistas sobre toda a ría e os pobos situados no seu litoral, como Cee e Corcubión, onde se atopan os dous castelos que marcan a entrada ó fondo da ría, o do Cardeal e o do Príncipe.

A vexetación do Monte Pindo está dominada pola existencia de matogueira, coa presenza predominante de uceiras e xestas das brañas. As pequenas formacións arbóreas autóctonas que existen neste espazo natural redúcense, prácticamente, ás constituidas por carballos. Este Lugar de Importancia Comunitaria conta con outras especies vexetais case únicas en Galicia, e algunhas delas en España, que están seriamente ameazadas como o caxigo (Quercus lusitanica), a Centaurea corcubionensis, a Euphorbia polygalifolia subsp. hirta, o lirio (Iris boissieri) ou a Fritillaria pirenaica. A presenza do eucalipto, como en toda a franxa costeira, é unha constante que, en ocasións e por interese económico, vai desplazando ás especies autóctonas.

O principal inimigo deste espazo nos últimos anos foron os incendios forestais, que en máis dunha ocasión arrasaron este monte. Unha catástrofe natural que supón maiores perdas nesta zona posto que tralos lumes, as chuvias arrastran as cinzas ata ó mar, causando danos tamén nos ecosistemas marítimos.

Gracias á Lagoa de Caldebarcos, son abundantes en Carnota as anátidas, garzas… no monte, a lagarta da serra ou a píntega rabilonga son algunhas das especies animais con maior relevancia. Entre os mamíferos: o gato bravo, a lontra ou o lobo son os máis significativos. Ademais, dada a proximidade deste macizo á costa, na zona hai unha importante presenza de aves mariñas como a gaivota patiamarela, o corvo mariño cristado ou as mobellas.

Ver: a fervenza de Ézaro, desembocadura do río Xallas directamente ó mar, constitúe o único exemplo deste tipo no sur de Europa. Porén, os aproveitamentos hidroeléctricos construidos no curso deste río impiden o goce libre deste espectáculo da natureza, agás nas ocasións marcadas pola empresa propietaria destas explotacións. Ó pe do monte a Lagoa de Caldebarcos, que na súa formación deu lugar ás praias do mesmo nome, Carnota e San Mamede. Pola cercanía merece unha “escapada” a Lagoa e Monte Louro, que delimitan o concello de Carnota polo Sur e, de camiño, os pobos de Carnota e Lira, de grande interese etnográfico.

Chegar: a estrada C-550, que discorre ó longo da franxa costeira é a opción máis recomendable para chegar ata este espazo natural.

Comer: os mariscos e peixes son a máxima representación da gastronomía da zona que, xunto coas carnes de vacuno, completan os atractivos das cartas dos restaurantes da zona. Entre os postres, as filloas ou as orellas, típicas do Entroido, son algúns dos manxares máis exquisitos.

Aloxamento: nos concellos de Carnota, Dumbría e Cee existen cerca dunha decena de casas de turismo rural que son a nosa recomendación para facer noite.

Créditos: Texto: Elaboración propia. Imaxe: Adrián Lence Paz. Galipedia

Comparte esta noticia