O Anllóns
Cursos fluviais de Galicia: o Anllóns
O río Anllóns discorre integramente pola provincia da Coruña, regando a comarca de Bergantiños, pola que flúe practicamente en paralelo á costa.
Nace no Monte Pedrouzo, entre os concellos da Laracha e Cerceda, e desemboca no océano Atlántico a través da ría de Corme e Laxe, despois de percorrer os concellos da Laracha, Carballo, Coristanco, Cabana e Ponteceso. O seu nome provén da palabra “anguloso”, debido á sinuosidade do seu percorrido, principalmente no seu curso alto. Nos últimos quilómetros, antes de desembocar no mar, o río forma un fermoso estuario e unha zona de rápidos que aceleran as súas augas. O Grande, o Acheiro, o Rosende ou o Anós son algúns dos seus afluentes, todos eles pola súa marxe esquerda, ó discorrer o río en paralelo ó litoral.
O seu curso medio e baixo está declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e o seu estuario inclúese no Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Costa da Morte, ambos os dous pola súa significativa importancia natural e ecolóxica e pola gran pluralidade de hábitats e especies (tanto vexetais como animais) que os conforman.
O Anllóns conta cunha importante variedade piscícola entre a que destacan especies como o reo, a troita, a troita arco iris, a anguía, a boga, a solla e, de forma esporádica, a lamprea. Os coutos deste curso fluvial, todos eles de troita, son os de Carballo, Verdes e Laracha, este último creado máis recentemente. Os principais riscos ambientais son as verteduras de augas residuais ó seu curso, provocando graves consecuencias para a súa biodiversidade e, en especial, para a supervivencia da fauna piscícola.
Ver: as áreas recreativas creadas ó carón do río Anllóns ó longo de todo o seu percorrido son unha das nosas principais recomendacións; a de Verdes, no concello de Coristanco, é a máis salientable pola súa beleza paisaxística, pero tamén se poden destacar outras como a de Gabenlle, na Laracha, onde tamén paga a pena visitar o seu paseo fluvial. Ademais, esta zona ten unha grande importancia en canto ó patrimonio arqueolóxico e cultural, con recoñecidos xacementos megalíticos e castrexos, como o Dolmen de Pedra Moura, en Carballo, ou o Dolmen de Dombate e a Cidá ou Castro de Borneiro, no concello de Cabana. A costa e as praias do concello de Carballo ou Malpica, e os próximos acantilados de Corme, onde destaca a Punta do Roncudo, son outros dos lugares de maior relevancia da comarca.
Chegar: as estradas provinciais AC-413, ata Carballo, e a AC-552, ata A Laracha, son as mellores opcións para achegarnos ata a cunca do Anllóns, e dende estes puntos dirixirnos ós diferentes treitos do seu curso.
Comer: os peixes e produtos de río e de mar son o máximo expoñente da cociña da comarca de Bergantiños, destacando os percebes do Roncudo ou as troitas. Outros manxares como as patacas de Coristanco ou o pan de Carballo, xunto con sobremesas como as filloas e as orellas, típicos do Entroido, completan a carta gastronómica da zona.