As Fragas do Eume
As Fragas do Eume, o outro bosque encantado
O profundo canón escavado nestas terras polo río Eume, xunto coa inmensidade e variedade vexetal e animal que o visitante se pode atopar nas Fragas, son a súa mellor carta de presentación. No Parque Natural existen numerosas especies vexetais entre as que se atopan exemplares de fieitos Woodwardia radicans ou Culcita macrocarpa, presentes nestas terras dende hai millóns de anos. Os carballos, os castiñeiros, os ameneiros, os bidueiros, os freixos ou os loureiros, xunto con outras especies máis difíciles de atopar en zonas tan próximas ó mar como os acivros, os teixos, os carballos negral ou albar, son algunhas das árbores que conviven neste singular bosque de Galicia. Os cogomelos encontran na zona baixa da conca do Eume un espazo único para a súa reproducción.
En canto á fauna, as Fragas do Eume son lugar de residencia de numerosas e diversas especies. Entre os seus mamíferos poderanse observar exemplares de algarias, raposos, gatos bravos ou martas, ademais de aves como o tordo galego, o falcón peregrino ou o bufo real. Nas súas augas o reo e a troita son os principais protagonistas. A pesares da presión humana, o lobo manten a súa presencia na súa parte alta. En total, este Parque Natural ten catalogadas 15 especies de anfibios, 14 de réptiles, 8 de peixes, 103 especies de aves e 41 de mamíferos.
A Fraga mantén un conxunto de riscos ambientais importantes: o eucalipto ten unha presenza cada vez maior en zonas non apropiadas, froito das plantacións forestais realizadas nas zonas media e alta das ladeiras. Especies invasoras como o visón americano teñen unha presenza notable logo de accións irresponsables de “liberación” realizadas por colectivos mal chamados ecoloxistas, as augas sofren un proceso de deterioro considerable por obras como a da autoestrada de As Pontes, as reduccións de caudal ou vertidos relacionados coa central térmica, con periódicas mortandades de peixes como consecuencias directas.
Ver: o mosteiro de San Xoán de Caaveiro (finais do século IX), considerado o corazón das Fragas e situado no concello de A Capela é un dos monumentos que non se poden deixar de visitar. O Castelo dos Andrade, xunto coa Torre de Andrade situada en Pontedeume, ou o Mosteiro de Santa María de Monfero son outros lugares que merecen especial atención neste apartado, xunto coas fermosas praias da zona.
Chegar: O principal acceso ás Fragas do Eume é a estrada local C-6902, que conduce dende Pontedeume ata Caaveiro, pasando por Ombre. Outras opcións son o desvío dende As Neves, na estrada AC-141, ata a central do Eume e a estrada local C5002 que chega ata Val Xestoso, pasando polo mosteiro de Monfero.
Comer: A ruta das Cantinas é a nosa recomendación; comer ben a prezos máis que axustados convírtenas nunha opción inmellorable.
Aloxamento: na comarca do Eume hai unha ampla oferta de aloxamentos rurais, así como varios cámpings enmarcados en espazos naturais como o Camping Fragadeume, en Monfero, ou o da praia de Ber, en Pontedeume.
Créditos:
Texto: Redacción Fotografía Cabeceira: Fuente: Wikimedia Commons // Autor: @ondasderuido