Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A Serra do Faro

A Serra do Faro, as máis fermosas vistas do interior galego

A Serra do Faro está situada na zona centro de Galicia, entre as provincias de Lugo e Pontevedra, e forma parte dos concellos de Rodeiro, Chantada e Carballedo. Este espazo natural, declarado Lugar de Importancia Comunitaria e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, alberga na súa vertente pontevedresa numerosos regatos e o nacemento do río Arnego, afluente do Ulla. Na vertente lucense, a Serra linda con parte do río Miño na coñecida como Ribeira Sacra.

Trátase dunha zona de gran interese ornitolóxico e que acada os 1.187 metros de altura no seu pico máximo, o Monte Faro, dende o que se poden obter espectaculares vistas dos cumes montañosos das catro provincias galegas ó atoparse a Serra do Faro, practicamente, no centro xeográfico da comunidade galega.

A vexetación deste espazo natural caracterízase pola presenza de uceiras e turbeiras, con especial mención ó esfagno, así como especies arbóreas entre as que domina o carballo, agrupado en importantes fragas propias da zona.

En canto á fauna, a Serra do Faro conta cunha importante representación de avifauna nidificante entre a que destacan especies como a gatafornela, o azor, o gabián, o falcón pequeno, o cuco ou o tordo común. Tamén é de destacar a presenza de invertebrados como a vacaloura e de reptis e anfibios como a píntega rabilonga, o lagarto das silveiras ou a cobra rateira. Entre os mamíferos destacan as colonias de morcegos, a paulatina recuperación das poboacións de corzo e a presenza do lobo.

Esta área de gran importancia e beleza natural atopa no parque eólico que ocupa toda a súa cordada un dos principais riscos ambientais xunto cos incendios, que nos últimos anos afectaron á zona que, non obstante, caracterizase pola súa gran capacidade de rexeneración xa que a penas se observan os estragos do lume.

Ver: as impresionantes vistas sobre a zona centro de Galicia que se obteñen dende o Monte Faro, onde se atopa a área recreativa e a ermida de Nosa Señora do Faro. Na provincia de Pontevedra cabe resaltar as terras de Camba, en Rodeiro, antigo señorío medieval, e o nacemento do Arnego. Xa na provincia lucense, no concello de Chantada, a nosa recomendación pasa pola visita á zona da Ribeira Sacra, e as impresionantes plantacións de viñedos en bancais, nunha adaptación do home á natureza e non ó contrario, que descenden polas ladeiras montañosas ata a ribeira do río Miño, dende cuxas augas e a través de barcas, se recollen as uvas das plantacións vitivinícolas durante a vendima.

Chegar: a través da estrada CRG 2.1 que une Monforte de Lemos e Lalín e que atravesa os concellos de Rodeiro e Chantada, pasando polos núcleos urbanos destes dous municipios.

Comer: as carnes e, principalmente, os derivados do porco, sobre todo en forma de cocido, richada e raxo, son algúns dos produtos máis representativos da gastronomía da zona. Na parte lucense destacan outros manxares típicos galegos como a empanada, á que se lle adica unha festa no concello de Chantada, ou o viño, produto por excelencia da Ribeira Sacra e que tamén protagoniza unha gran festa no municipio chantadino.

Aloxamento: os municipios de Chantada e Rodeiro contan con algunhas das mellores e máis espectaculares casas de turismo rural de Galicia, que constitúen a nosa recomendación para facer noite na zona.

Créditos: Texto: Elaboración propia. Imaxe: Wikimedia Commons. Tanja Freibott

Comparte esta noticia