Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A Serra do Candán

A Serra do Candán, no corazón de Galicia

Este espazo natural está situado no centro da nosa comunidade, entre as provincias de Pontevedra e Ourense, na coñecida como dorsal galega, abranguendo os concellos de Forcarei, Lalín e Silleda (na parte de Pontevedra) e os de Beariz e O Irixo (na vertente ourensá). Ademais de ser Lugar de Importancia Comunitaria, conta tamén coa denominación de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.

Situado nunha área dominada polas montañas de media altura, a Serra do Candán a penas supera os 1.000 metros na súa altitude máxima pero é un dos picos máis destacados da zona. Nas súas ladeiras nacen importantes ríos galegos como o Lérez ou o Umia, así como outros de menor caudal que van a nutrir os cauces do Deza e do Ulla.

As matogueiras, uceiras, turbeiras e torgueiras, dominadas polo esfagno, son as principais especies vexetais deste espazo natural, xunto cos bosque aluviais residuais e as carballeiras de Quercus robur.

Entre a fauna, destacan as poboacións de especies de invertebrados como as lesmas, o cabalo do demo ou a vacaloura. Nos ríos, a boga e a vermella son os peixes máis abundantes. A Serra do Candán é tamén lugar de cría de avifauna nidificante escasa en Galicia como o bufo real e a curuxa das xunqueiras. Os morcegos, as lontras ou os lobos, que manteñen boas poboacións na zona, son os mamíferos con maior presenza nesta área central galega.

Ver: as diferentes rutas de sendeirismo que percorren o territorio que abrangue a Serra do Candán son unha das nosas principais recomendacións para coñecer este espazo natural en pleno corazón de Galicia. A través destes sendeiros poderemos achegarnos ata lugares con espléndidas vistas, como a cima de San Benito (a maior altitude da zona), que permite obter claras panorámicas das comarcas de Terra de Montes e de Deza. A antiga aldea de Grobas, no concello de Forcarei, situada nunha garganta formada polo río que leva o mesmo nome e en plena Serra do Candán, permitiranos achegarnos ata a forma de vida dos nosos antepasados a través da que fora unha típica poboación galega, hoxe abandonada. Outra das nosas recomendacións é a visita ó Mosteiro de Aciveiro, no mesmo municipio pontevedrés, considerado Monumento Histórico Artístico dende o ano 1931 e Ben de Interese Cultural. As numerosas áreas naturais e recreativas á beira dos ríos Lérez e Umia ou o observatorio astronómico, na capital do concello forcaricense, son outros dos atractivos desta comarca cun alto valor paisaxístico.

Chegar: a estrada que une Ourense e Pontevedra, lévanos ata o concello pontevedrés de Cerdedo e, dende alí, ata Forcarei. A outra vía de acceso é a estrada Lalín – Pontevedra, que atravesa a Serra por algunha das zonas de maior valor paisaxístico e etnográfico.

Comer: as carnes, tanto de porco como de especies cinexéticas, son o principal produto da gastronomía da zona en pratos típicos como a carne ó caldeiro ou a richada, que ten unha festa propia no concello de Forcarei. No capítulo dos postres destacan, por exemplo, as filloas ou as “orellas” de entroido.

Aloxamento: as casas de turismo rural contan cunha interesante oferta en concellos como o pontevedrés de Forcarei ou o ourensán de Beariz, que constitúen unha boa opción para facer noite preto da Serra e desfrutar das posibilidades de ocio que nos ofrece este espazo natural.

Comparte esta noticia