Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Xornada de eliminacion de especies exóticas invasoras nos montes galegos

A I Deseucaliptización Simultánea de Galicia conseguiu eliminar máis de 205.000 eucaliptos e acacias do monte galego

Na iniciativa, promovida por Cousas de Raíces, participaron máis de 360 persoas voluntarias para combater o avance destas especies exóticas invasoras

28-03-2019

Os pasados días 21 e 23 de marzo, co gallo da celebración do Día Mundial do Bosques, a rede a prol do bosque galego, Cousas de Raíces, lanzou a primeira campaña de “Deseucaliptización Simultánea” de Galicia. A iniciativa saldouse cunha participación de máis de 360 persoas voluntarias, e coa eliminación de 205.000 exemplares de eucaliptos e acacias, entre gromos de cepa, plántulas e unidades de maior porte.

A I Deseucaliptización Simultánea de Galicia, promovida por Cousa de Raíces, estivo encamiñada a favorecer unha retirada simultánea, en diversos puntos do país, de masas de eucaliptos e doutras especies forestais foráneas e invasoras, como as acacias negras e mimosas, que están a ocupar grandes superficies no monte galego, prexudicando as especies propias e proliferando descontroladamente. A finalidade foi a de poñer de manifesto que outro modelo forestal en Galicia é posible e necesario e que non debemos chamarlle bosque ao que non o é, como é o caso das formacións de especies forestais exóticas e invasoras.

Entre os días 21 e 23 de marzo desenvolvéronse un total de 11 actuacións de eliminación promovidas por 20 colectivos de carácter ecoloxista, cultural e veciñal, entre os que tiveron especial protagonismo as comunidades veciñais de montes en man común.

En total participaron na I Deseucaliptización Simultánea de Galicia 364 persoas que se entregaron a fondo para peneirar preto de 145.000 metros cadrados (14,5 Ha) de monte na busca de gromos, plántulas ou plantas de maior porte de especies exóticas invasoras. Nesta pescuda, a especie invasora máis eliminada foi sen dúbida o Eucalyptus globulus, seguida da acacia negra ou melanoxylon, da mimosa ou Acacia dealbata e da herba da pampa ou Cortaderia selloana. Tamén se eliminaron algúns pés de Pinus radiatanos en montes de Rebordelo.

Á falta de confirmar algúns datos ofrecidos polas entidades promotoras das eliminacións, o número de pés vexetais eliminados en total, entre gromos e exemplares de maior envergadura, superou as 205.000 unidades, acadando os 206.892 pés de eucaliptos e acacias eliminados do bosque galego.

Comparte esta noticia