Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Vertidos nun polígono de Cambre: un veciño busca quen poña fin ao problema

Un veciño de Cambre púxose en contacto con Galicia Ambiental para denunciar a existencia de presuntos vertidos de augas fecais no contorno do Camiño da Carreira, na zona da Xira, ao final do polígono industrial. Segundo relata, os vertidos produciríanse desde hai meses e as augas discorrerían polo terreo ata chegar ao río Valiñas e ás fincas colindantes. O denunciante asegura que xa trasladou a situación a diferentes administracións e organismos sen conseguir, polo momento, unha solución.

Este comunicou os feitos á Garda Civil, onde lle indicaron que descoñecían quen podería ser o responsable dos vertidos. Posteriormente, tamén se puxo en contacto co SEPRONA, que lle respondeu que a competencia sobre os feitos expostos correspondería ao Concello. A resposta recibida do SEPRONA sinala que as competencias nesta materia pertencen aos concellos e recomenda ao denunciante que se dirixa ao seu municipio a través da Policía Local. O organismo tamén lle informaron que, no caso de non existir este servizo ou ante unha situación que requira intervención, pode comunicarse coa Garda Civil a través do 062, ou presentar unha denuncia formal nun posto da Garda Civil, nunha comisaría ou ante o xulgado de garda correspondente.

Un problema coas bombas do saneamento

Segundo explica o veciño, desde o Concello de Cambre teríanlle trasladado que a orixe dos vertidos estaría relacionada co mal funcionamento das bombas do sistema de saneamento situado nesta zona. Porén, o Concello argumentaría que a infraestrutura foi executada no seu momento polos propietarios das naves do polígono da Xira e que a obra non chegou a ser recepcionada pola Administración municipal. Por este motivo, o consistorio consideraríase alleo á responsabilidade sobre a infraestrutura.

Esta situación deixa unha cuestión ambiental sen resolver: as augas residuais continuarían saíndo ao exterior e percorrendo os terreos da zona, con posible afección ás fincas próximas e ao río Valiñas. A denuncia presentada ante o Concello consta rexistrada o 3 de agosto de 2026, segundo o xustificante de presentación achegado polo veciño. No escrito, solicita expresamente que se revise o que está a acontecer e que se adopten «as medidas legais pertinentes» no caso de que algunha persoa ou empresa estea incumprindo a normativa. Do mesmo xeito, trasladou tamén o caso ao Valedor do Pobo. O organismo confirmou o 3 de setembro a recepción do formulario presentado a través da súa páxina web e indicou que se poñería en contacto con el nunha nova comunicación.

Desde Galicia Ambiental subliñase a importancia de que as administracións competentes determinen quen é o responsable da infraestrutura, a orixe exacta dos vertidos e, sobre todo, se existe afección ao río Valiñas, independentemente das cuestións relativas á titularidade ou recepción das obras. Para a asociación, unha posible indefinición administrativa non debería traducirse en que un presunto vertido de augas residuais se manteña durante meses sen unha actuación destinada a comprobar os feitos e, se corresponde, poñerlles fin.

A denuncia do veciño pon así sobre a mesa un problema no que, segundo o seu relato, diferentes organismos foron remitindo a responsabilidade dun a outro mentres os presuntos vertidos continúan sen unha solución efectiva.

Comparte esta noticia