Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Verdegaia advirte dos impactos negativos que causan os espectáculos motorizados

A asociación Verdegaia ven de lembrar que “espectáculos como o desta fin de semana pasado no IFEVI ou a proba de rallye programada para finais de mes en Vigo estarían prohibidos nunha sociedade concienciada coa contaminación e a seguridade viaria. Con todo seguen recibindo subvencións das administracións públicas”. Neste sentido, a asociación afirma que entre as consecuencias negativas destes espectáculos, “que non deportes”, destacan a contaminación xerada pola celebración do evento e a promoción de condutas incívicas ao volante.

Verdegaia afirma que estes eventos supoñen a queima dunha inxente cantidade de combustibles fósiles, unha innecesaria emisión de gases de efecto invernadoiro e un enorme gasto de pneumáticos. Isto transmite un “pésimo exemplo nun contexto de crise climática e enerxética e que supón unha completa incoherencia co discurso de aforro que anuncian as administracións”.

Por outra banda, a asociación declara que este tipo de eventos caracterízanse pola práctica de condutas que están prohibidas na vía pública. Polo tanto, “non é de sorprender que despois se observen nas rúas da cidade coches e motos que incumpren sistematicamente as normas de tráfico”. En Vigo hai numerosos exemplos, como o caso da Travesía de Vigo, onde “xa son habituais as motos co escape tuneado que xeran unha contaminación acústica enxordecedora ou os coches que adiantan pola dereita aproveitando o ciclocarril, unha vía prioritaria para bicicletas coa velocidade limitada a 30 km/h”.

Actitude das administracións

As rúas da cidade “non teñen porque ser contornos hostís pero os amantes do motor”aproveitan a pasividade das autoridades para utilizalas como circuito improvisado”. A asociación indica que a promoción dos medios de transporte máis sustentables e o obxectivo de “0 víctimas na estrada” esixen medidas que pacifiquen o tráfico. De feito, un dos principais indicadores do grado de pacificación do tráfico nunha cidade é o número de nenos e nenas que se desprazan á escola en bicicleta. No caso de Vigo, ese número é insignificante e débese á “excesiva violencia viaria que provoca que aos pais e nais nin lles pase pola cabeza permitir que os fillos vaian en bici á escola”.


Comparte esta noticia