Un modelo alimentario xusto e sostible
A asociación Amigos da Terra lanza unha petición online para apoiar un sistema alimentario máis sostible e esixir unha Política Agraria Común que poñan no centro ás persoas e á Terra.
Con esta iniciativa, “Menos carne. Mellor Carne”, a organización ecoloxista reclama reducir o consumo de carne e apoiar e fortalecer as pequenas ganderías ecolóxicas e extensivas no tocante á gandería industrial.
O lanzamento desta petición online coincide co proceso de revisión da PAC por parte dos estados membros, de aí que Amigos da Terra pídelle ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que contemple un sistema alimentario xusto e saudable que apoie unha gandería ecolóxica, así como reclama unha moratoria á gandería industrial.
O modelo sostible vs o modelo actual
O modelo actual de alimentación, liderado por grandes empresas, caracterízase por establecer unha produción e consumo intensivos e a gran escala. Explica a asociación que ésta é “unha das causas das crises ás que se enfronta a humanidade como a alimentaria, a climática, e agora tamén a sanitaria”. Engaden que a actual crise sanitaria puxo de manifesto a necesidade de “contar con modelos alimentarios sostibles e resilientes, nos que se aposte pola proximidade, a agroecoloxía e favorecer a economía social, apoiando ás persoas que traballan o campo”.
Coa negociación e revisión das novas medidas para a Política Agraria Común, a organización ecoloxista considera que é o momento “para introducir novos criterios de sostibilidade” e de facer unha aposta por unha produción de carne seguindo modelos agroecolóxicos. Un modelos que manteñen os ecosistemas sans e vivos, respectando a natureza e os seus ciclos; contribúen á loita ante a urxencia climática; axudan a previr os incendios forestais; fixan poboación, ademais de favorecer o emprego no medio rural; respectan o benestar animal, e garanten a produción de alimentos de calidade.
Os impactos da gandería industrial
Con esta campaña online, Amigos da Terra fai un chisco a un consumo alimentario responsable, así como ás persoas que traballan en proxectos de gandería ecolóxica e extensiva.
Para a organización, “a gandería industrial é responsable dun bo número de impactos sobre o medio ambiente e as nosas sociedades, desde a degradación dos chans ou o uso masivo de tóxicos, ata o acaparamento de terras e o consecuente desprazamento de comunidades, entre outros”. Amais recordan que se trata dunha práctica que contribúe á crise climática pois a gandería industrial é responsable “dun 14% das emisións de gases de efecto invernadoiro, as mesmas que as que provoca todo o transporte global”.
Tamén destacan os efectos sobre a saúde relacionados co uso abusivo, en ocasións, de antibióticos que provocan un aumento nas resitencias microbianas das persoas.