Un grupo de colectivos sociais denuncia a España ante a Comisión Europea pola xestión de residuos
Os malos datos das comunidades autónomas sobre reutilización e reciclaxe dos residuos municipais como os de Galicia, que se sitúa tan só nun 20 %, fan que as cifras de España non poidan acadar o obxectivo marcado pola normativa europea, que esixía para o 2020 reciclar e reutilizar o 50 % dos residuos xerados no noso país.
Ante estes malos datos, un total de 16 entidades sociais, tanto de ámbito estatal como territorial, veñen de denunciar ao Estado español ante a Comisión Europea polo o incumplimiento do obxectivo. En España, no ano 2020 tan só o 35 % dos residuos municipais xestionados son reciclados ou reutilizados. Amais, as entidades demandan un cambio de rumbo inmediato por parte da vicepresidenta Teresa Ribera que “pasa por traspoñer as novas Directivas de residuos a través dunha nova Lei de Residuos participativa e ambiciosa, con ferramentas que aseguren o cumprimento obrigatorio dos novos obxectivos de reutilización e reciclaxe”, apuntan.
Explican dende as entidades que logo de “anos e anos de políticas erráticas do departamento que hoxe dirixe Teresa Ribera e da Xunta de Galicia, con porcentaxes de recollida selectiva e reciclaxe estancados e total desinterese para fomentar a prevención e a reutilización motivaron a estas organizacións para dar este paso histórico”. Entre as entidades que firman a denuncia presentada, e que no día de hoxe foi aceptada a trámite pola Comisión Europea, atópanse distintas organizacións de diversos perfiles e ámbito, como as principais ONG ambientais do estado, pero tamén colectivos de puntos distintos de España como Baleares, Navarra, Euskadi, Cataluña, Canarias ou Galicia (Amigos da Terra).
O incumprimento do obxectivo 2020 en xestión de residuos
Segundo reza a denuncia presentada por este grupo de colectivos, “todas as prospeccións sobre a preparación para a reutilización e reciclaxe en 2020 obrigan a pensar que no Estado español non se cumprirán os obxectivos establecidos pola Directiva 2008/98/CE”,
Se botamos unha ollada aos últimos datos presentados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a reciclaxe de residuos municipais en España situábase no 35% en 2018. Apuntan os denunciantes que “non só esta insuficiente cifra empeorou nos últimos anos, senón que ademais España non puxo en marcha ningunha das políticas que a Comisión lle recomendou nos últimos anos para chegar ao obxectivo do 50% en 2020”. Polo tanto, tendo en conta as cifras do 2018 e que nestes anos non se puxo en marcha ningunha política de xestión de residuos eficiente, “o incumprimento resulta máis que evidente”.
Galicia, na cola do estado e de toda a Unión Euopea
Como xa se ven apuntando dende hai anos, e dende a Asociación Galicia Ambiental tamén, o modelo Sogama non funciona e sitúa a Galicia así, á cola non só do estado senón de toda a Unión Europea en termos de reciclaxe.
As cifras máis optimistas sitúan este dato nun 20% de recuperación material para a reciclaxe, contando os outros dous sistemas de xestión de residuos en Galicia, como son Nostián e Lousame, este último recupera toda a materia orgánica producida para destinar á compostaxe e ten unhas taxas de reciclaxe que triplican as de Sogama, segundo a última Memoria Anual de Xestión de Residuos do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.
O restante 85% de residuos producidos en Galicia, engaden “é queimado na súa incineradora cunha moi pobre recuperación de enerxía e enterrado no seu vertedoiro sen ningún tipo de tratamento”.