Toman forza os argumentos que cuestionan a viabilidade da Mina de Doade
Fotografía: Plataforma SOS Suído Seixo
A mina de Doade, proxectada no municipio ourensán de Beariz, converteuse nun dos expedientes máis sensibles do actual despregamento europeo de materias primas críticas en Galicia. O proxecto, promovido por Recursos Minerais de Galicia (RMG), formula a explotación subterránea dun xacemento de Espodumena (mineral do que se obtén litio tras complexos procesos industriais) e foi incluído pola Comisión Europea na lista de Proxectos Estratéxicos de Materias Primas Críticas en 2025.
Ese recoñecemento europeo, lonxe de pechar o debate, intensificouno. Para SOS Suído Seixo, unha das principais plataformas que lideran a oposición ao proxecto, a consideración estratéxica non veu acompañada dunha maior transparencia nin de garantías reforzadas de control público, senón dunha aceleración política dun proxecto que aínda depende dunha avaliación ambiental autonómica sen resolver, a Declaración de Impacto Ambiental (DIA).
Un procedemento ambiental fragmentado e con escasa información pública
Nestes momentos, o expediente da mina de Doade atópase en fase de avaliación ambiental, un punto clave que condiciona calquera decisión posterior sobre a concesión de explotación. Sen unha DIA favorable, o proxecto non pode avanzar administrativamente.
Segundo explica SOS Suído Seixo, a información dispoñible sobre a tramitación continúa sendo moi limitada. Boa parte do coñecemento público procede das persoas e asociacións que solicitaron persoarse como interesadas no expediente, máis que dunha comunicación directa e sistemática por parte da administración. Desde a plataforma denuncian que a Xunta non está facilitando información actualizada sobre o estado do procedemento e que moitas das novidades coñecidas chegan de forma indirecta a través das persoas afectadas ou das propias publicacións realizadas pola empresa promotora nas redes sociais.
Neste proceso, veciños e entidades recibiron requirimentos para xustificar a súa condición de parte interesada. SOS Suído Seixo considera que este requerimento dificulta o acceso efectivo á información ambiental e “limita a capacidade de seguimento cidadán dun proxecto de enorme impacto potencial para a comarca”. Mentres tanto, os informes sectoriais dos distintos organismos consultados continúan incorporándose ao expediente sen que exista un coñecemento público claro sobre o seu contido nin sobre as conclusións preliminares ás que poidan estar chegando os órganos ambientais.
Antecedentes, incertezas técnicas e o precedente da auga
O actual proxecto de minería subterránea preséntase como unha reformulación de intentos previos de explotación do mesmo xacemento. A proposta anterior do ano 2018 xerara importantes reservas por parte de diferentes organismos debido ás posibles afeccións sobre os recursos hídricos e ás características xeolóxicas da zona. Entre as preocupacións figuraban os efectos sobre as augas superficiais e subterráneas nun territorio especialmente sensible desde o punto de vista hidroxeolóxico.
A plataforma subliña que, aínda que o modelo de explotación mudou respecto ás propostas iniciais, continúan existindo interrogantes relevantes que deberán ser resoltos no marco da avaliación ambiental actualmente en curso.
A inclusión como proxecto estratéxico europeo: un proceso opaco e cuestionado
Un dos aspectos que máis preocupación xera é a forma na que a mina de Doade acabou formando parte da lista de Proxectos Estratéxicos da Unión Europea. Segundo diversas informacións publicadas polo medio alemán Table.Media, os proxectos de Doade e outras explotacións da Península Ibérica non figuraban inicialmente entre os seleccionados e apareceron posteriormente na relación definitiva.
Para SOS Suído Seixo, a cuestión non é unicamente o resultado final, senón a ausencia de transparencia sobre o procedemento seguido. Consideran difícil explicar os cambios rexistrados na selección exclusivamente a través de criterios técnicos e apuntan á posible existencia de intervencións políticas que influísen no resultado final. Segundo sosteñen, a inclusión posterior dos proxectos produciuse sen que transcendese a realización dunha nova avaliación técnica independente.
O papel de Carlos Martínez e as sospeitas de conflito de intereses
Un dos episodios máis controvertidos relacionados coa designación europea ten que ver co papel de Carlos Martínez. Exerceu como director de minería de Recursos Minerais de Galicia durante o período no que a empresa preparaba a súa candidatura para obter o recoñecemento europeo. Posteriormente participou como avaliador externo para a Comisión Europea en procesos relacionados coa selección dos proxectos estratéxicos durante o mes de novembro de 2024 e, meses máis tarde, incorporouse a Recursos de Galicia, a sociedade impulsada pola Xunta que adquiriu participación no proxecto mineiro.
Para a plataforma, esta sucesión de cargos resulta extraordinariamente preocupante desde o punto de vista da independencia e da neutralidade que deberían presidir os procesos de avaliación. SOS Suído Seixo non afirma que Martínez avaliase directamente o proxecto de Doade, pero considera que a súa participación no sistema de avaliación europeo mentres existían intereses empresariais vinculados ao proxecto representa “un conflito de intereses” evidente que nunca foi aclarado de forma satisfactoria. Lembran ademais que algúns medios de comunicación que publicaron informacións sobre esta cuestión recibiron posteriormente peticións de rectificación acompañadas de referencias aos servizos xurídicos da empresa. Esta actitude de presión sobre os medios de comunicación non é exclusiva do caso sinalado senón cando se utilizan fotografías ou infografías que non lle interesan a empresa que se publiquen. Iso lle pasou a Galicia Ambiental cando publicou unha das fotografías das futuras instalacións que, por non ser do gusto da empresa, foi requirida para que fose eliminada, mentres outros medios físicos e dixitais a reproducían.
Espodumena, o eucalipto do mundo mineral
Outro dos argumentos centrais defendidos pola entidade refírese á verdadeira natureza do recurso que se pretende extraer. Insisten en que Doade non é unha mina de litio no sentido estrito. O que se extraería sería Espodumena, un mineral que require complexos procesos industriais posteriores para transformarse en compostos químicos aptos para a fabricación de baterías.
Segundo explican, nin Galicia nin o Estado español dispoñen actualmente da capacidade industrial necesaria para realizar esa transformación a gran escala. Incluso existen dúbidas sobre a capacidade real de procesamento dispoñible noutros países da Unión Europea. Por iso, consideran que existe unha importante contradición entre o discurso institucional que presenta o proxecto como estratéxico para a autonomía europea e a realidade dunha explotación que, previsiblemente, exportaría a materia prima para o seu procesamento noutros países.
Desde esta perspectiva, o proxecto non contribuiría á creación dunha cadea de valor industrial en Galicia, limitándose á extracción de recursos mentres o valor engadido asociado á transformación e á fabricación industrial se xeraría noutros territorios. O mesmo que ocorre co eucalipto, en Galicia sufrimos os cultivos extensivos e monocultivos e as súas consecuencias de transformación, pero Galicia non deixa de ser un mero exportador de pasta de papel, que logo é transformada e deixa valor engadido en outras comunidades autónomas ou outros países.
Viabilidade económica e custo da minaría subterránea
SOS Suído Seixo tamén cuestiona a viabilidade económica da explotación. A entidade lembra que a minería subterránea implica custos de extracción de maneira significativa superiores aos dunha explotación a ceo aberto. A necesidade de galerías, ventilación, seguridade e infraestruturas específicas encarece de forma notable o proceso produtivo.
Segundo sosteñen, a combinación destes custos coa volatilidade dos mercados internacionais do litio e coa necesidade de exportar posteriormente a Espodumena para o seu procesamento introduce importantes incógnitas sobre a rendibilidade futura do proxecto.
Beariz como territorio de sacrificio da transición enerxética
Sen embargo, a mina de Doade non pode analizarse de forma illada. A plataforma considera que o proxecto forma parte dunha acumulación crecente de infraestruturas enerxéticas e extractivas que están transformando profundamente o territorio de Beariz e a contorna da Serra do Suído.
Nas últimas semanas publicouse no Diario Oficial de Galicia o anuncio do informe de avaliación ambiental da BESS Beariz, un macroproxecto de almacenamento enerxético mediante baterías que podería converterse nun dos maiores deste tipo tramitados en Galicia. A esta iniciativa súmase a nova interconexión eléctrica con Portugal executada por Red Eléctrica, varios parques eólicos autorizados na zona e diferentes proxectos de liñas de alta tensión destinadas a atravesar o municipio para evacuar enerxía cara a outros territorios.
Para SOS Suído Seixo, a coincidencia de todos estes proxectos nun mesmo espazo non é casual nin pode ser analizada de forma independente. Polo consideran que Beariz está a converterse nun exemplo paradigmático do que denominan un “territorio de sacrificio”: áreas rurais nas que as administracións están dispostas a concentrar os impactos ambientais, paisaxísticos e sociais da transición enerxética mentres os beneficios económicos e industriais se producen noutros lugares.
Sosteñen que a idea dos territorios de sacrificio xa non é unha simple formulación teórica. A presenza simultánea de proxectos mineiros, parques eólicos, sistemas de almacenamento enerxético, infraestruturas de transporte eléctrico e novas conexións internacionais configura unha transformación territorial sen precedentes recentes na comarca.
Mentres, as administracións continúan avaliando cada proxecto por separado, sen analizar adecuadamente os efectos acumulativos da suma de todas estas actuacións sobre o territorio.
Relación coa cidadanía e acceso á información
SOS Suído Seixo cuestiona tamén o discurso de transparencia defendido pola empresa promotora. Segundo relatan, durante os traballos previos á presentación formal do proxecto, comunidades de montes e veciñanza solicitaron información técnica detallada que lles permitise coñecer con precisión os impactos previstos da explotación. Porén, aseguran que esa documentación non foi facilitada ata que o proxecto entrou oficialmente en tramitación ante a Xunta, limitando a capacidade da cidadanía para participar de maneira informada nas fases iniciais.
A plataforma tamén critica que continúe sen facerse pública a documentación presentada ante as institucións europeas para solicitar a consideración de Proxecto Estratéxico, a pesar da relevancia que esa información ten para comprender os criterios que sustentaron a decisión final.
Un proxecto no centro dun modelo enerxético en disputa
A mina de Doade continúa, a día de hoxe, sen autorización ambiental e sen resolución administrativa definitiva. Con todo, para SOS Suído Seixo, o debate xa transcende a propia explotación mineira. O proxecto converteuse nun símbolo da disputa sobre o modelo de transición enerxética que se está impulsando en Galicia, sobre a distribución territorial dos seus impactos e sobre o papel que se reserva ás comunidades locais nos procesos de toma de decisións.
Máis que unha mina, Doade representa hoxe unha confrontación entre dúas visións opostas do desenvolvemento: a que considera prioritario acelerar a extracción de materias primas críticas para abastecer a transición enerxética europea e a que reclama unha planificación máis transparente, participativa e respectuosa cos territorios que soportan os seus custos ambientais e sociais.