TAPAR EIVAS CON BANDEIRAS
Xa saíu a lista de “adxudicación” de bandeiras azuis deste ano, Galicia “recibiu” (previo pago) un total de 191 distintivos azuis, situándose como a terceira comunidade autónoma con máis galardóns por detrás daComunidade Valenciana (213) e Andalucía (196). En total, concedéronse bandeiras azuis a 108 praias de 35 municipios galegos, ademais de 12 portos deportivos, 17 centros azuis e 54 sendeiros azuis. A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), responsable destes recoñecementos en España, fixo público a listaxe, rapidamente celebrado pola Xunta como unha proba do suposto “bo estado ambiental” da costa galega.
Aínda que Galicia alcanzou o centenar de bandeiras azuis en praias, tivo seis perdas este ano en comparación co ano anterior, cando chegou ás 114. Trátase das praias de Samil (Vigo), A Hucha (Arteixo), Banda do Río (Bueu), Areabraba, Areamilla, Liméns, Menduiña, Nerga e Rodeira, as cales se atopan en Cangas. Doutra banda, os areais San Francisco (Muros), Grande (Miño) e Ou Mende (Vigo) conseguiron este "galardón". Isto quere dicir que, a pesar de que se obtiveron tres praias, perdéronse nove. Mentres tanto, a Xunta de Galicia apuntase o tanto do “éxito” do litoral galego.
As chamadas “perdas” das praias de Cangas débense principalmente a que o concello non presentou candidatura, a cal, como indica o presidente da ADEAC, José Palacios, é "voluntario" para os municipios solicitar a bandeira azul. Unha vez solicitado, o equipo da ADEAC avalía aspectos como o cumprimento da Lei de Costas, normativas europeas sobre calidade de augas para bañarse, falta de verteduras directas, restrición de cans ou automóbiles, socorrismo, cartelería ou accesos adaptados. En febreiro, un xurado composto por 69 persoas (participan comunidades autónomas, expertos, membros de ADEAC e de seis ministerios) determina as bandeiras, unha resolución que é corroborada por un xurado internacional en abril.
Sen embargo, organizacións ambientalistas denuncian desde hai anos que este sistema de galardóns non responde a unha verdadeira avaliación ecolóxica, senón a unha lóxica turística que converte a bandeira azul nun reclamo máis que nunha garantía. A organización Ecoloxistas en Acción cualificou en múltiples ocasións este modelo como “unha operación de cosmética ambiental” e subliñou que os concellos deben pagar por presentarse, sen que exista unha auditoría pública e independente dos criterios empregados.
En campañas estivais anteriores, como as de 2018, 2019 e 2021, Ecoloxistas en Acción chegou a publicar mapas alternativos de calidade ambiental onde se identificaban praias con problemas de contaminación ou urbanización excesiva que, a pesar de todo, lucían bandeira azul. Neses informes, a organización cuestionaba como praias con verteduras ou sen unha xestión de residuos adecuada podían seguir obtendo o distintivo. Ademais, criticou que a ADEAC non penalice o impacto das grandes infraestruturas na costa nin a perda de biodiversidade, centrándose só en criterios como a limpeza aparente, os servizos ou a accesibilidade.
A pesar diso, as administracións autonómicas e locais continúan presentando estas bandeiras coma se tratásese dun recoñecemento europeo, ainda que con certo resquemor. En Vigo, por exemplo, o municipio repetirá este ano con doce praias galardoadas. Incorpórase a praia de O Mende, pero pérdese a de Samil, que obtivera o distintivo desde 2019. A concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, explicou que as análises na desembocadura do Lagares mostran unha calidade da auga “moi boa”, aínda que non “excelente”, como esixe a ADEAC.
Con todo, indican que non entenden este cambio xa que desde 2019 a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Lagares estivo operando a máxima capacidade para garantir «que toda esta zona teña de análise microbateriolóxicas limpas». Aínda que non contará coa bandeira, o Concello declarou que conservará todos os servizos complementarios que facilitan o acceso ao areal, como duchas ou servizos de rescate. Nese contexto, este verán sobresaía a introdución dunha moto acuática con base nesta praia para intervencións de rescate no mar.
Segundo indican desde a asociación, os requisitos establecidos por Adeac para obter a bandeira azul, no caso de portos e praias, asócianse coa calidade da auga (que debe ser excelente), a seguridade e o acceso; a provisión de servizos; ademais da xestión ambiental e a sustentabilidade. En canto aos centros azuis, é necesario que promovan a educación ambiental na costa, o coñecemento da contorna e as opcións de lecer.
A contradición é evidente: os servizos de calidade e o mantemento non garanten a obtención da bandeira, mentres que praias con problemas estruturais poden conservala se superan os criterios formais establecidos pola organización. Para Ecoloxistas en Acción, este tipo de distorsións demostran que o sistema favorece unha imaxe de costa ideal sen avaliar de forma realista o seu impacto ambiental ou a súa sustentabilidade a longo prazo.
As dúbidas sobre o sistema de bandeiras azuis non son novas. En 1998, a Comisión Europea decidiu deixar de financiar a campaña que desde 1987 subvencionaba. A comisaria de Medio Ambiente da época, MargotWallström, explicou que as medidas de control da Fundación Europea de Educación Ambiental (FEEA) (a matriz da ADEAC): “Tanto por razóns económicas como técnicas, a Comisión decidiu en 1998 non conceder axuda financeira á campaña de 1999 das bandeiras azuis. Tampouco se concedeu subvención para a campaña do 2000, por considerarse que as medidas de control da atribución das bandeiras non eran suficientemente rigorosas”. En setembro de 2000, Wallström detallaba que a Comisión deixou de formar parte do tribunal encargado de outorgar os premios, especificando que a outorgación é "responsabilidade exclusiva" da entidade privada FEEA, que se caracteriza como unha entidade non lucrativa.
Desde entón, a Unión Europea non só deixou de formar parte do xurado que concede as bandeiras, senón que tamén deixou claro que se trata dun proceso privado, sen vínculo institucional coa Comisión. Actualmente, Bruxelas considera como única referencia oficial o seu informe anual sobre a calidade da auga de baño.
Mentres a campaña de bandeiras azuis continúa sendo presentada como un triunfo institucional e turístico, a falta de control público, a exclusión de criterios ecolóxicos esixentes e a desvinculación explícita da Comisión Europea seguen sendo motivos de preocupación para as organizacións ambientais. En palabras dos portavoces de Ecoloxistas en Acción, “é hora de que as institucións públicas deixen de vender fume ambiental con galardóns que nin sequera teñen respaldo europeo”.