Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


SOGAMA apura prazos para privatizar parte da súa operativa, limitando a concorrencia de empresas

O contrato co que se pretende levar a cabo a operación e mantemento da planta de co-xeración, planta termoeléctrica e comúns do Complexo Ambiental de Cerceda, é un contrato complexo co que se pretende concesionar o servizo a un conxunto de instalacións deste complexo ambiental: a incineración. Pero este concurso condicionará a capacidade doutras áreas como o vertedoiro e reciclaxe de envases, ademais da propia actividade de incineración da planta. Así se desprende do “prego” feito público por SOGAMA, en plenas vacacións de verán que, por esta razón e as características técnicas do mesmo, condicionará a participación de candidatos a facerse coa xestión. Ademais, limitará de facto a un grupo empresarial ourensán (e a súa contorna empresarial e familiar) que adoita facerse con case todas as contratas desta empresa pública, e non máis dunha ou dúas empresas ou UTEs terán a posibilidade de participar no proceso, cuxo prazo de presentación finaliza o 15 de setembro (cando o habitual é que ata unha ducia de empresas preséntense a este tipo de “zumarentos” concursos públicos). Actualmente, case todas as concesións de SOGAMA son explotadas polo mesmo grupo de empresas ourensás. O orzamento de licitación podería alcanzar os 226 millóns de euros.

O concurso pretende a concesión da xestión e explotación das instalacións relacionadas co tratamento da fracción resto/CDR destinadas á incineración: PTE (planta de valorización enerxética); PCOG (planta de co-xeración que cede a calor para secar o residuo) e depuradoras e servizos comúns (prevese a incorporación no 2022 da explotación das depuradoras actualmente en servizo, así como as instalacións auxiliares necesarias para a prestación do servizo (vertedoiro de cinzas/escorias, subministracións de auga, almacén de repostos…).

Datas, redacción do prego e falta de información a candidatos fan pensar nunha nova “adxudicación orientada”. Nos distintos concursos que se veñen producindo nos últimos anos, dende o 2010 ata hoxe, todos (menos un) dos grandes contratos de SOGAMA foron adxudicados a empresas da contorna familiar, xeográfica e/ou empresarial: GESECO, Valtalia, COPASA, Setec Building, Sogapol, Papeles y Desarrollos, etc. Ao mesmo tempo, contratos anteriores como a do transporte dos residuos de plantas de trasferencia á central de SOGAMA teñen ao mesmo “conglomerado” empresarial á fronte da concesión. Isto fai espertar en diversas organizacións sospeitas de falta de transparencia nos procesos desas adxudicacións. Tal é o caso que, sobre esta que nos ocupa, e segundo puido saber Galicia Ambiental de fontes próximas ao propio concurso e ás empresas que poderían participar nel, espérase que (ademais da citada ou a súa contorna, concesionaria habitual de servizos SOGAMA) non máis dunha ou dúas UTEs poidan concorrer a este concurso dadas as dificultades que se están poñendo á libre concorrencia.

Por fontes próximas consultadas por Galicia Ambiental, a análise do prego pon en evidencia numerosas irregularidades que non axudan a despexar dúbidas sobre a transparencia do proceso:

Polos criterios de valoración e a complexidade (SOGAMA recoñéceo na memoria de xustificación do prego) fai imprescindible coñecer moi ben a instalación. Imposibilitado polo período vacacional.
SOGAMA non puxo á disposición dos licitadores toda a información do proxecto por medios electrónicos. Estableceuse un mecanismo de cita previa e de acceso á información de forma presencial.
A maior parte da información técnica do proxecto está aínda en formato papel.
Non se puxeron á disposición dos licitadores os informes ambientais que por AAI téñense que entregar anualmente. Nin os datos de operación.
Sorprende que non se constitúa un comité de expertos para a valoración técnica, que permitiría adaptar a instalación á nova normativa europea e ás novas obrigas de xestión separada de orgánico.
Nos próximos 10 anos, Galicia ten que transformar o modelo de xestión de residuos e faise un prego onde as melloras soamente pesan 6 puntos sobre 45 puntos e non están suficientemente reflectidas. Non se facilita información suficiente no prego.
O prego condiciona a puntuación obtida no apartado técnico (por tanto, subxectivo á discreción da valoración do equipo que o examine) ao corresponderlles 45 puntos, convertendo este apartado en eliminatorio, aínda que supoña melloras técnicas e de xestión. Ao apartado económico asígnanse 55 puntos, pero 20 destes están condicionados por valores limitativos.

Dende organización ambientalistas e políticas consultadas confirmouse a Galicia Ambiental que solicitarán a SOGAMA que habilite todos os medios para dotar de transparencia ao concurso e se revise con criterios técnicos o apartado homónimo, fundamental para o futuro da xestión de residuos en Galicia e para a mellora dos niveis de reciclaxe e sustentabilidade coa entrada en vigor dos novos deberes de xestión da fracción orgánica. Esta reconsideración debería pasar por abrir o concurso a achegas tecnolóxicas que contribúan a ambas as melloras e, de camiño, permitan a obtención futura dun CDR (Combustible Derivado de Residuos) de alta calidade que minimice o volume de residuo a incinerar (cero orgánico) e maximice a eficiencia enerxética obtida do CDR. A primeira consecuencia será, ademais, unha redución de máis dun 20% no uso do vertedoiro… estes días centro de acusacións de ser a aparente orixe do brote de botulismo que está a provocar a morte de miles de aves en toda Galicia, como consecuencia do depósito de materia orgánica sen tratar en plena onda de calor.

Segundo o portal Contratos Públicos de Galicia, a concesión do servizo para a operación e mantemento da planta de co-xeración, planta termoeléctrica e comúns do Complexo Ambiental de Cerceda Exp. 2020G-DTE-0109-SARA-CONS é un tipo de tramitación ordinaria que conta cun tipo de procedemento aberto. Trátase dun tipo de contrato de concesión de servizos, e o orzamento base de licitación é de 256.086.212,50 con IVE. O valor estimado é de 211.641.497,94 sen IVE.

Diversas fontes parlamentarias e xestores de servizos amosaron a súa sorpresa ante a información proporcionada por Galicia Ambiental e concordan en que a Xunta de Galicia deberá dar explicacións en sede parlamentaria sobre o procedemento seguido e as aparentes irregularidades que nel se conteñen. Neste sentido, o deputado parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e habitual portavoz actual de cuestións ambientais en O Hórreo, Luis Bará, afirmou a pedimento de Galicia Ambiental que “esta licitación do contrato da planta de incineración de SOGAMA é realmente un mega contrato de 256 millóns de euros que compromete a xestión da planta polos próximos dez anos. Pensamos que esta licitación está rodeada de sombras e de sospeitas e que, de novo, algo cheira a podre en Cerceda”. Para explicalo, Bará engade: “En primeiro lugar, trátase dunha licitación feita no mes de agosto co prazo dun mes, cun prego de gran complexidade e onde nos consta a dificultade para acceder á documentación. En segundo lugar, temos dúbidas con respecto aos criterios de valoración que parecen feitos para premiar proxectos continuistas e non valoran melloras como poden ser alcanzar unhas maiores cotas de reciclaxe, que debería ser un obxectivo prioritario. Isto ocorre porque o obxectivo declarado de SOGAMA é que a planta de incineración queime canto máis lixo mellor, por iso non se valoran esas alternativas e esas melloras”.

En terceiro lugar, Luis Bará explica que “se pretende blindar por dez anos un sistema obsoleto, custoso, centralizado, ineficiente e contaminante como é o de SOGAMA e que, ademais, vai en contra da directiva europea de residuos. Nestes momentos, contradí o establecido na Lei estatal e a Lei galega de residuos, que establecen a obriga de recollida separada e o tratamento dos biorresiduos (que son a metade dos residuos urbanos), o cal pon en cuestión este contrato e o obxectivo de SOGAMA de queimar esta cantidade de lixo que se debería reciclar e reutilizar”. En resumo, Bará expresa que todo parece indicar que “estamos diante dun contrato cociñado para beneficiar a un grupo empresarial que xa controla en réxime de cuase monopolio o 90% dos contratos de SOGAMA, o que supón máis de 500 millóns de euros na planta de incineración, na planta de clasificación, na xestión do vertedoiro e tamén na xestión da planta de compostaxe de Cerceda”. Por último, lembra que habería que engadir o control que este grupo empresarial ten, de gran parte dos contratos de transporte e xestión de plantas de transferencia. Por todos estes motivos, o BNG anunciou que vai solicitar en sede parlamentaria explicacións do goberno galego. Ademais, non descarta a petición de suspensión da licitación deste contrato e que se teñan en conta os criterios marcados na directiva europea, na lexislación estatal e galega e os obxectivos de reciclaxe que ten que cumprir o noso país.

Algunhas organizacións xa confirmaron que, de verificarse a existencia deses elementos nos próximos días (hoxe día 15 finaliza o prazo de presentación de ofertas) que atentan contra a competencia, valoran dirixirse á Xunta e á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC). O obxectivo é interesar unha posible revisión do proceso e as candidaturas presentadas, formulando consulta á CNMC sobre a legalidade deste procedemento de contratación ou a eventual existencia de información privilexiada ou oculta a licitadores. Este concurso establece, na práctica, uns condicionantes técnicos que restrinxen a concorrencia e a igualdade de oportunidades no proceso de contratación.

Comparte esta noticia