Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Refuxios para a fauna no Sobreiral do Arnego

ADEGA realiza unha nova actividade do Proxecto Custodiando o Sobreiral do Arnego

O colectivo ecoloxista leva a cabo un taller de construción e colocación de refuxios para a fauna

12-03-2018

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, levou a cabo este pasado domingo unha nova actividade do Proxecto Custodiando o Sobreiral do Arnego. Nesta ocasión tratouse dun taller de construción de refuxios para a fauna local.

A actuación estivo encamiñada especificamente a mellorar o estado de conservación de especies de interese comunitario, particularmente dos quirópteros (Myotis myotis, Rhinolophys ferrumequinum e Rhynolophus hipposideros), así como para outras especies de vertebrados, como leiróns ou aves como curuxas. As actividades realizáronse implicando actuacións con voluntariado ambiental.

A actividade de construción de refuxios para a fauna realizouse na Eira da Xoana e contou coa colaboración e indicacións de Xosé Pardavila, de SOREX, e ó remate da súa elaboración, os participantes desprazáronse ata o Sobreiral do Arnego, pese as intensas choivas, para instalar as caixas na parcela custodiada A Zarra da Pena, que ocupa unhas 20 hectáreas.

Custodiando o Sobreiral do Arnego

A asociación Adega recibiu unha axuda da Fundación Biodiversidad para desenvolver actuacións de divulgación, estudo e conservación no Sobreiral do Arnego. ADEGA ten un acordo de Custodia do Territorio neste espazo dende 21 de marzo de 2016. As accións desenvolvense na parcela A Zarra da Pena e na contorna do río Arnego. No marco deste proxecto, o colectivo ecoloxista xa levou a cabo o pasado día 24 de febreiro unha xornada de identificación na que contou cun importante número de voluntarios e que procederon a localizar diferentes especies nas chamadas “descubertas relámpago de diversidade”.

O Sobreiral

Os Sobreirais do Río Arnego constitúen un espazo natural que está incluído dentro da proposta da Rede Natura 2000. Este espazo conta cunha superficie de 1.537 hectáreas e localízase nos termos municipais de Agolada, Lalín e Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra. Ademais, está cualificado coma Lugar de Interese Comunitario (LIC).

Comparte esta noticia