Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Recollen 4.000 quilos de lixo na limpeza simultánea de praias

Máis de 500 voluntarios retiran arredor de 4 toneladas de residuos dos areais galegos nunha nova limpeza simultánea

31-10-2018

Durante a pasada fin de semana (19 e 20 de Outubro) decenas de entidades colaboraron na VII edición da Limpeza de Praias organizada por Adega. Centros de ensino, asociacións ecoloxistas, asociacións culturais, concellos, escolas de surf, escolas de submarinismo, asociacións do mar e particulares, non quixeron perder a oportunidade de axudar ao noso litoral. Este ano tamén participaron os Concellos de Muros, Fisterra, Muxia e O Grove.

No día 19, adicado aos centros de ensino, participaron un total de 14 colexios de diferentes puntos do litoral Galego. Estas limpezas son unha ferramenta moi útil de concienciación no medio natural. O día 20 chegou a quenda dos colectivos sociais: 16 entidades realizaron a limpeza en outros tantos puntos das 3 provincias costeiras. No conxunto da actividade participaron máis de 500 persoas e recolléronse máis de 4000 quilogramos de lixo, sendo o plástico o residuo máis abundante.

A problemática do lixo mariño

As limpezas tamén serviron para dar a coñecer a importancia da conservación da biodiversidade litoral. O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta debido á insustentabilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, á mala xestión dos nosos residuos e á falta de sensibilidade da sociedade. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos.

Estes residuos teñen graves consecuencias para a os ecosistemas mariños: máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas, según datos de GreenFacts, morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño. Tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria. Outro dos graves problemas asociados a estes residuos é que provocan perdas económicas importantes porque diminúen a pesca comercial, degradan lugares turísticos, ou requiren enormes investimentos na limpezas de praias.

Dende ADEGA fan fincapé na importancia de realizar estas limpezas de xeito manual. «É a única maneira de facer unha limpeza “ecolóxica” na que se preserve a flora e fauna da contorna, tendo especial coidado cos ecosistemas dunares», apuntan dende a organización ecoloxista. Defenden que con este tipo de accións preténdese tamén dar visibilidade e concienciar sobre a problemática do lixo mariño, un problema que se pode cortar de raíz facendo pequenos cambios na nosa vida cotiá.

A asociación tamén fixo entrega aos voluntariado do “Protocolo de Limpeza de Praias” no que se dan unhas pautas para facer unha limpeza “ecolóxica”. Dito protocolo pódese adquirir en formato pdf aquí ou impreso en papel no local de ADEGA Nacional.

Comparte esta noticia