Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Piden no Parlamento unha mellor actuación ante os incendios forestais

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou unha Proposición non de lei para debate en Pleno sobre a “necesaria remuda da política forestal, de prevención de incendios forestais e de apoio ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común”. As deputadas María González e Carmen Aira e o deputado Xosé Luis Rivas indican que a ferramenta máis antiga e eficaz para facer o entorno favorable aos seus intereses foi o lume. A partir de comezos do século XX, o lume pasa de ferramenta agraria a instrumento con distintas vertentes: instrumento de protesta, administrativo, de confronto político, delitivo e mediático. Neste sentido, o BNG lembra que a orixe deste mal ten as súas bases nos usos e a propiedade da terra. Os montes eran do campesiñado, cunha forma xurídica que tiña a súa orixe no dereito xermánico coma unha propiedade colectiva, comunal e non rexeitadas. Isto “chocaba coas pretensións dun sistema económico que intentaba aterrar, o capitalismo, e dunha administración política que ía por outro lado, recoñecendo só o principio da propiedade privada particular ou a pública da administración”. Comezou entón unha ocupación forzosa favorecida polos movementos poboacionais. “Así, sen contar co consentimento dos seus lexítimos titulares, foron sendo expulsados e afastados do seu espazo vital para sustento”. A comezos dos anos 80, as terras comunitarias comezan a ser recuperadas polos seus lexítimos titulares: a veciñanza das comunidades de montes veciñais. Porén, estas terras xa non eran as mesmas, pois o sistema xa estaba roto. As novas administracións de finais do século XX apenas se implican, aprobando plans só forestalistas onde non se ordena o territorio. O Grupo Parlamentar do BNG advirte que os incendios forestais son “unha pesada lousa para a nosa sociedade”. Destaca os “terribles efectos medioambientais” que producen: contaminación atmosférica, empobrecimiento edáfico con perda de solo polo arrastre das augas e as conseguintes inundacións en espazos urbanos, degradación da biodiversidade, contaminación químico-mineral das augas, etc. O BNG resalta que o actual dispositivo de extinción, “sen maior ampliación para funcións preventivas, resulta custoso de máis”. Ademais, explica que a superación dos problemas estruturais dos incendios virá da man da recuperación do rural. Así, “debe priorizarse o apoio ás comunidades de montes veciñais en man común para reducir o absentismo na propiedade forestal principalmente nas provincias de Lugo e Ourense”. A Organización Galega de Comunidades de Montes presentou recentemente no Parlamento de Galicia máis de 12.000 sinaturas para traminar a ILP en defensa dos montes comunais. Esta ILP contempla como eixos fundamentais o recoñecemento do monte veciñal como unha titularidade máis. Ademais, considera a veciñanza como único requisito para ser titular destas terras comunitarias e impide todo tipo de expropiación dos montes veciñais. Así, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para debate en Pleno: “O Parlamento de Galiza insta a Xunta de Galiza a: 1. Tomar en consideración a iniciativa lexislativa popular presentada pola Organización Galega de Comunidades de Montes na defensa dos Montes Veciñais en Man Común. 2. Incluír e priorizar a compoñente social como elemento transversal en todas as súas políticas de xestión forestal e recuperación da actividade agrogandeira necesaria para unha efectiva prevención de lumes nos nosos montes”. Pola súa parte, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa da súa deputada e do seu deputado Carmen Rodríguez e Martín Seco, presentou unha proposición non de lei en Pleno con motivo da política de incendios forestais da Xunta. Neste sentido, o PSdeG indica que arredor dun 70% do persoal do servizo de extinción de incendios ten unha vinculación laboral de carácter temporal, “nas que nin se lle dá solución a estabilización e consolidación dos seus postos de traballo nin aumento de labores durante a totalidade do ano”. Tendo en conta que Galicia é a comunidade máis afectada do Estado por incendios, “está máis que demostrada a necesidade de realizar unha política de prevención, dirixida a minimizar o risco para a poboación e os seus bens, con actuacións decididas e encamiñadas a separar o monte dos núcleos e asegurar as vías de comunicación para evitar atrapamentos en época estival, que é cando aumentan as poboacións pola afluencia turística”. Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Pleno: “O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a elaborar e dar conta no prazo de tres meses dun documento de análise, crítico e obxectivo, onde se estudien polo miúdo e á vista dos resultados obtidos os éxitos e fracasos da política de incendios forestais no pasado, das medidas adoptadas, das decisións tomadas e actuacións realizadas para loitar con esta lacra, danos nas persoas e os seus bens, que sirva para reflexionar e adoptar entre todos medidas, actitudes, aptitudes e capacidades acordes coa extraordinaria gravidade do problema”. Doutra banda, a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias solicita a comparecencia a petición propia, ante o Pleno do Parlamento, do conselleiro do Medio Rural para informar “dos resultados do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia unha vez finalizada a tempada de alto risco do 2022”.

Comparte esta noticia