Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


OUTRA MORATORIA TRAMPA?  Tras a do eucalipto e outras similares, unha moratoria que non aborda o problema de fondo…

A Xunta volve recorrer a unha moratoria para afrontar un problema ambiental que leva anos enquistado, esta vez o escenario é A Limia, unha das zonas con maior concentración gandeira de Galicia e onde a contaminación por nitratos acabou provocando unha batalla xudicial entre veciños e administracións. O proxecto de decreto establece unha suspensión de ata dous anos para a autorización de novas explotacións de porcino, bovino e aves, así como para determinadas ampliacións das existentes, nas superficies cuxa escorrentía chegue a augas afectadas por contaminación por nitratos de orixe agraria na conca do Limia. O prazo de presentación de suxestións rematou o 13 de outubro, pero a norma continúa pendente de aprobación.


A sentenza de As Conchas

A proposta chega despois dunha sentenza que converteu a contaminación de As Conchas nun asunto que xa non pode abordarse unicamente desde o ámbito administrativo. En xullo de 2025, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenou a Xunta e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil pola súa inactividade ante a degradación ambiental do encoro. O fallo ordenou a ambas as administracións adoptar as medidas necesarias para poñer fin a esa degradación e garantir aos veciños o abastecemento de auga potable limpa e segura. En febreiro de 2026, o Tribunal Supremo desestimou os recursos de casación presentados polas administracións, polo que a sentenza quedou firme.

Os veciños de As Conchas consideran que as actuacións desenvolvidas desde entón non permitiron cumprir o contido do fallo e en setembro acudiron de novo ao TSXG para solicitar a súa execución forzosa. A demanda, apoiada por CECU, ClientEarth e Amigas da Terra, reclama, entre outras actuacións, que A Limia sexa declarada zona vulnerable á contaminación por nitratos e que se limite a implantación de novas explotacións industriais e as ampliacións mentres non se reverta a degradación ambiental.

A inclusión desta última medida no proxecto da Xunta responde, polo tanto, a unha das demandas formuladas polos afectados. O problema está en determinar se pode considerarse unha resposta suficiente a unha situación que xa provocou unha condena xudicial. A suspensión de novas implantacións pode evitar que aumente a presión sobre a conca, pero a degradación que motivou a intervención dos tribunais ten a súa orixe nunha actividade que xa está implantada e nunha contaminación que non desaparece pola simple paralización de novos proxectos.


A confederación Miño-Sil pide máis

Nese punto resulta especialmente significativa a posición adoptada agora pola propia Confederación Hidrográfica Miño-Sil. O seu presidente, José Antonio Quiroga, afirmou o 5 de outubro que a proposta da Xunta «vai na boa dirección», pero considerouna «clarisimamente insuficiente» e advertiu de que «así non se vai solucionar o problema». A CHMS reclama que A Limia sexa declarada zona vulnerable e considera que esa declaración permitiría aplicar medidas de boas prácticas agro-gandeiras e actuar sobre a xestión dos xurros. Quiroga anunciou tamén que a revisión do mapa oficial de augas afectadas por nitratos, prevista antes de finalizar 2026, manterá A Limia como zona afectada.

A posición da Confederación ten especial relevancia porque se trata dunha das dúas administracións condenadas polo TSXG. O organismo hidráulico defende, ao mesmo tempo, que está desenvolvendo actuacións dentro das súas competencias. Segundo os datos facilitados pola CHMS, realizou 147 inspeccións a actividades gandeiras e abriu 45 expedientes sancionadores. Tamén mantén a vixilancia das augas superficiais e subterráneas e dos episodios de cianobacterias, contratou un estudo de alternativas para reducir os cheiros e asinou un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para caracterizar o problema e estudar fórmulas que permitan reducir as achegas de nitratos ao encoro.

Sen embargo, a Confederación considera que estas actuacións deben acompañarse dun paso que continúa pendente: a declaración da zona vulnerable. E aquí aparece unha das cuestións fundamentais do caso, porque non se trata dun instrumento novo nin dunha decisión que dependa da aprobación deste decreto.


A zona vulnerable, unha decisión pendente

O Real Decreto 47/2022 establece o marco para identificar as augas afectadas por contaminación por nitratos e declarar as zonas vulnerables, que posteriormente deben contar con programas de actuación e códigos de boas prácticas. En marzo de 2026, o Defensor do Pobo sinalou que a Xunta debía ter declarado A Limia como zona vulnerable antes de maio de 2025 e desenvolver posteriormente os programas correspondentes.

A Xunta mantén que é necesario determinar con suficiente precisión a contribución das fontes agrarias á contaminación. Na actualización do proxecto de decreto presentou alegacións a varios puntos do informe elaborado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica porque considera que a información dispoñible non permite acreditar de maneira concluínte a orixe agraria de determinadas afeccións. Ao mesmo tempo, o propio texto autonómico introduce a suspensión temporal precisamente nas superficies da conca do Limia afectadas por contaminación por nitratos de orixe agraria e recoñece a elevada carga gandeira existente na zona. ADEGA cuestiona esta posición e lembra que, conforme á interpretación da normativa europea que defende a organización, non é necesario que a achega agraria sexa a única causa da contaminación: abonda con que sexa significativa para xustificar a declaración dunha zona vulnerable.

Esta discusión sobre a orixe dos nitratos vén de lonxe. A Limia acumula décadas de advertencias sobre os efectos da intensificación gandeira e sobre a presión exercida pola xestión dos residuos das explotacións. A contaminación do sistema do Limia e os episodios de proliferación de cianobacterias en As Conchas foron obxecto de seguimento durante anos, ata chegar aos tribunais. A sentenza do TSXG non se limitou a analizar un risco futuro: constatou unha degradación ambiental e considerou insuficiente a actuación das administracións para poñerlle fin.


Un decreto que segue sen aprobarse

O prazo de presentación de suxestións ao proxecto rematou o 13 de outubro, con 34 aportacións recibidas, pero a norma continúa pendente de aprobación. O 23 de outubro, ADEGA denunciou que a Xunta sometera o texto a consulta por terceira vez desde 2025 sen chegar a aprobalo. A organización considera que a última versión reproduce practicamente os textos anteriores no relativo á xustificación da falta de declaración de zonas vulnerables e critica que se traslade ao Estado a responsabilidade de completar os estudos sobre a orixe dos nitratos.

A crítica de ADEGA apunta a unha contradición de fondo: a Xunta considera que existe unha contaminación de orixe agraria nas superficies nas que propón suspender novas explotacións e ampliacións, pero mantén pendente a declaración da zona vulnerable. A organización reclama que se aplique o marco normativo europeo e estatal e que se avance cara a programas de actuación sobre as fontes de contaminación, en lugar de limitar a resposta á entrada de novas instalacións.


Unha medida limitada e transitoria

É neste contexto onde a proposta actual pode acabar quedando curta se non vai acompañada doutras medidas. O texto céntrase na entrada de novas explotacións e en determinadas ampliacións, mentres que a realidade sobre a que debe actuar é moito máis ampla: instalacións xa existentes, xestión dos residuos gandeiros, prácticas agrarias e estado das masas de auga. O proxecto tampouco constitúe por si mesmo o programa de recuperación que esixe unha zona declarada vulnerable.

A propia norma evidencia o seu carácter transitorio. A suspensión terá unha duración máxima de dous anos, pero poderá quedar sen efecto se se declaran as zonas vulnerables e se aproban os plans de actuación destinados á súa restauración. Tamén poderá decaer se se acredita que a contaminación deixou de ter unha orixe «significativamente agraria». A intención declarada pola Xunta é, polo tanto, utilizar este período mentres se completa a tramitación das actuacións sobre nitratos.

O problema é que algunhas desas actuacións levan tempo pendentes. O Defensor do Pobo xa sinalara a obriga de avanzar na declaración da Limia como zona vulnerable e agora é a propia Confederación Hidrográfica Miño-Sil a que reclama publicamente que se dea ese paso. Mentres tanto, os veciños de As Conchas volveron aos tribunais para reclamar que se execute unha sentenza que xa é firme.

O proxecto contempla ademais determinados supostos excluídos da suspensión, entre eles as explotacións de autoconsumo, determinadas modificacións de instalacións existentes e as solicitudes de autorización presentadas por mozos agricultores nas condicións previstas no texto. Estas excepcións non permiten concluír por si mesmas que a norma vaia resultar ineficaz, pero deberán ser tidas en conta á hora de valorar o seu impacto real sobre a presión gandeira da conca.


A lección do eucalipto

A comparación coa moratoria do eucalipto resulta inevitable polo propio historial das políticas ambientais da Xunta. A suspensión das novas plantacións aprobada en 2021 foi posteriormente modificada e ampliada ata 2030. O caso demostra as dificultades que presenta unha ferramenta deste tipo cando se utiliza para actuar sobre un problema territorial que xa está consolidado: deter novas actuacións non significa automaticamente reverter as consecuencias das anteriores.

As alegacións e denuncias de ADEGA sobre o eucalipto danlle corpo a esa advertencia. A organización acaba de pedir á Valedora do Pobo que investigue a actuación da Consellería de Medio Rural, á que acusa de provocar unha proliferación descontrolada de plantacións que infrinxen a Lei 7/2012 de Montes, a Lei 3/2007 de Prevención de Incendios e as sucesivas moratorias decretadas pola propia administración. Segundo datos da Xunta, a superficie de eucalipto supera xa as 438.000 hectáreas, sen contar as masas mixtas con outras especies.

A moratoria, establecida en 2021 na disposición transitoria novena da Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria, tiña un obxectivo fixado polo Plan Forestal de Galiza: limitar o aumento do eucalipto a un 3 % no período 2021-2025 e reducilo despois. Con todo, segundo o Inventario Forestal Continuo de Galiza, desde 2021 a superficie de eucalipto creceu en preto de 30.000 hectáreas, case un 7 %, máis do dobre do previsto, mentres a de frondosas retrocedeu un 0,7 %. ADEGA explica o desfase en parte polo «efecto chamada» que provocou anunciar a moratoria varios meses antes de que entrase en vigor, pero sobre todo pola falta de control: a Xunta renuncia a inspeccionar de oficio e deixa sen resolver gran parte dos expedientes que se inician tras as denuncias.


Expedientes sen resolver e multas escasas

Os datos que achega a organización apuntan na mesma dirección. Entre xullo de 2021 e xullo de 2025 denunciou 680 parcelas con plantacións ilegais de eucalipto, e sinala que non se coñecen datos oficiais da Xunta sobre o control destas plantacións. Segundo ADEGA, a maioría dos expedientes non chegan a resolverse, o que incumpre a Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo; só o 1,69 % culmina nun procedemento sancionador, con multas de escaso importe e plantacións que case sempre quedan sen retirar, sen cumprir a obriga de reparar o dano que establece o artigo 133 da Lei de Montes. A organización denuncia ademais unha contradición: a Consellería autoriza o cambio de uso forestal a agrícola e a corta de bosque autóctono para ampliar pasteiros, mentres tolera que eses mesmos terreos sexan ocupados ilegalmente por eucalipto.

A conclusión de ADEGA é que a impunidade na práctica transmite a mensaxe de que a normativa non serve de nada, e advirte de que a situación pode empeorar coa flexibilización da moratoria que a Xunta anunciou nos orzamentos do vindeiro ano, nos que non se prevé ningún aumento das partidas destinadas a vixiar e facer cumprir a normativa forestal nin a de prevención de incendios. A licción para A Limia é clara: unha suspensión de novos proxectos só é efectiva se vai acompañada de inspección, resolución dos expedientes e sancións e a reparación do dano cando hai incumprimentos.


Unha situación xudicializada

Na Limia, ademais, existe un elemento que fai especialmente delicada a situación. A intervención dos tribunais non se produciu porque existise simplemente o risco de que a contaminación aumentase, senón porque consideraron que xa había unha degradación ambiental ante a que as administracións non actuaran de maneira suficiente. Por iso, o éxito da resposta non poderá medirse unicamente polo número de novas explotacións que deixen de autorizarse, senón pola evolución da calidade das augas e pola capacidade das medidas adoptadas para reducir a contaminación.

Os veciños de As Conchas denunciaron en setembro que os episodios de contaminación e proliferación de cianobacterias continuaban producíndose despois de que a sentenza adquirise firmeza. As organizacións que os apoian alertaron tamén da presenza de episodios de cianobacterias tóxicas no encoro portugués de Lindoso, situado augas abaixo. A demanda de execución presentada ante o TSXG pretende precisamente que se concreten as actuacións que deben levar a cabo as administracións e que se garanta o seu cumprimento efectivo.

O escenario que se abre agora é, polo tanto, máis amplo que a aprobación ou non dunha suspensión temporal. O prazo de presentación de suxestións xa rematou, con 34 achegas recibidas, pero o decreto continúa pendente de aprobación. A Confederación reclama a declaración da zona vulnerable, os afectados esixen a execución efectiva da sentenza e as organizacións ecoloxistas cuestionan que a resposta se concentre fundamentalmente no crecemento futuro das explotacións.

Comparte esta noticia