Os incendios outonais asolan Portugal
Imaxe: Satélite Copernicus EU
A Autoridade Nacional de Emerxencias e Protección Civil (ANEPC) informou que ás 03:30 horas, máis de 5.500 operadores, apoiados por 1.800 medios terrestres, continúan combatendo 140 incendios en Portugal continental, estando 50 concellos en nivel de alto risco. 24 medios aéreos están activados: catro en Sever do Vouga, seis en Castro Daire, un en Mirandela, dous en Penalva do Castelo, un en Tábua e un en Covilhã. Ata o momento, os incendios destruíron máis de 62 mil hectáreas, causando a morte de sete individuos, incluíndo a tres bombeiros, ferido a máis de corenta persoas e destruído decenas de vivendas e coches calcinados. Decretouse o estado de calamidade en toda a metade norte do país, sendo posiblemente o peor incendio nos últimos anos en materia de área afectada en tan só tres días.
A imaxe revela como a partir da tarde de onte, os ventos deixaron de meter o fume cara ao mar e empezaron a subir cara ao norte e cara ás costas de Galicia, amencendo esta mañá grises cheas de fume dos incendios.
A metade norte de Portugal está a vivir uns momentos agónicos, emitíronse alertas de incendios en áreas do centro e o norte do país desde a madrugada deste luns. As chamas ameazaron as casas e algúns patios traseiros na pequena localidade de Ribeira de Fráguas en Albergaria-a-Velha. Este martes pola mañá, máis de 5.000 bombeiros loitan contra decenas de incendios activos no norte e centro de Portugal continental. Ao redor das sete desta mañá Protección civil informaba que o país hai máis de 100 incidentes activos e 48 incendios en curso. Ademais, o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera (IPMA) emitiu unha alerta amarela para oito distritos do continente, indicando que máis dun centenar de municipios, principalmente nas rexións Norte e Centro, seguen en risco máximo de incendio debido á calor. Más de 100 localidades nos distritos de Faro, Portalegre, Castelo Branco, Santarém, Leiria, Coimbra, Garda, Aveiro, Viseu, Porto, Bragança, Vila Real, Viana do Castelo e Braga atópanse no risco máximo de incendio.
En Galicia, os incendios tamén comezan a ter unha gran relevancia, xa que é agora coa entrada do outono que empezan a darse os maiores incendios da tempada. Nas últimas 24 horas tres incendios forestais calcinan máis de 200 hectáreas na provincia de Ourense. Ademais, na provincia de Pontevedra, outro lume xa controlado en Arbo queimou unhas 20 hectáreas. Segundo a última información proporcionada pola Consellería do Medio Rural, o incendio segue en curso no municipio ourensán de A Gudiña. Doutra banda, houbo unha breve continuación dun lume que afectou o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés a principios de mes. Ademais, controláronse outros dous focos en Arbo, onde se destruíron outras 20 hectáreas, e en Laza, onde se viron afectadas un total de 60 hectáreas.
Factores que inflúen nos incendios
Os incendios de Portugal fannos evocar os incendios de 2017 nos que o lume foi o protagonista, estaba por todas partes. Agora, as chamas están a devorar o bosque (e sobre todo plantacións) portugués a un ritmo frenético. Esta situación está a suceder, en gran parte, debido a unha serie de factores combinados que se repiten ano tras ano, desde as altas temperaturas ata a falta de limpeza do manto forestal, que poden crear as condicións ideais para continuar destruíndo centos de hectáreas cada tempada. Máis aló dos factores meteorolóxicos como as altas temperaturas ou os ventos fortes, hai unha serie de variables que alimentan constantemente as chamas: por unha banda, a falta de limpeza que, en moitos casos, faise insostible desde o punto de vista económico para moitos pequenos propietarios; doutra banda, a migración das comunidades rurais cara ás zonas urbanas, que levou ao abandono das terras agrícolas en favor das plantacións, resultando nunha cantidade excesiva de material combustibel.
Do mesmo xeito, o factor xeográfico tamén xoga un papel importante no problema dos incendios en Portugal. Non é casualidade que o centro e norte de Portugal arda cunha intensidade similar ou ate superior á de Galicia, xa que o sur do país non sofre un castigo tan severo. Así mesmo, as plantacións de monocultivo de eucalipto (e pino) que foron substituíndo ás especies autóctonas a medida que as chamas as ían consumindo debido á súa alta ou rápida rendibilidade para os seus propietarios. Isto non significa que outros tipos de árbores non ardan en caso de incendio, pero a falta de discontinuidades forestais e a alta densidade do eucalipto ou o pino, xunto coa falta de unha planificación axeitada de cortes estratéxicos para favorecer ou axudar na detención das chamas; son factores que se combinan e contribúen a estes alarmantes números. Nisto inclúeselle a falta de planificación nos contratos de medios aéreos, os cales, cada ano, parecen estar máis involucrados en escándalos e que cada nova campaña resulta insuficiente ou que os efectivos humanos sexan só “apaga lumes” sen funcións preventivas durante o resto do ano. Factores que amosan a ausencia de unha política de prevención e que só se enfoca á extinción.
O alto número de incendios provocados é outro factor que contribúe á área final ardida. A intervención humana é responsable de aproximadamente un 98% dos incendios forestais, dos cales un 25% desta cantidade débese a lume intencionado, mentres que un 60% débese a neglixencia, sendo descoñecida a causa da restante porcentaxe. Aínda que se discutiu moito sobre a severidade das sancións para os delincuentes que causan incendios, a realidade é que as sentenzas non son exemplarizantes e non supoñen severas privacións de liberdade e subsanación económica a afectados, mesmo en casos nos que se pode demostrar claramente que o acusado é culpable.
O negocio do lume en Portugal, como en Galicia, marca o paso a políticos e a funcionarios... condicionados os primeiros polo cortoplacismo e os segundos por xestións onde o urxente non deixa lugar ao importante.