Os humedais e a auga como fonte de vida
Cada ano o 2 de febreiro celébrase o Día Mundial dos Humedais para conmemorar a data da firma do Convenio de Ramsar para a conservación de estes ecosistemas, na cidade iraní do mesmo nome, en 1971. O obxectivo desta efeméride é a de visibilizar e crear conciencia sobre o importante valor dos humedias para a humanidade e o noso planeta.
Neste 2021, e coincidindo cos 50 anos da firma do que é considerado o primeiro tratado ambiental moderno, preténdese resaltar o papel fundamental destes ecosistemas para a nosa superviviencia fronte a crecente crise da auga, de aí que o lema deste ano para conmemorar o día, é “Os humedais e a auga”, como fonte de vida.
A crise da auga, un problema global
Por todos é sabido que, a nivel mundial, estáse a empregar máis auga da que a natureza é capaz de repoñer, unha situación que conleva á destrución dos ecosistemas máis importantes para a vida, os humedais.
A auga doce é un recurso esencial, pero limitado. Tan só o 2,5 % da auga do planeta é doce, a mayoría almacenada en glaciares, casquetes polares ou en acuíferos subterráneos e só un 0,3 % en ríos e lagos, pero menos do 1 % pódese utilizar.
Con respecto ao uso de auga, cada día consumimos uns 10.0000 millóns de toneladas deste recurso natural, aumentando o mesmo un 1 % cada ano. Tendo en conta estes datos e o das “reservas de auga” coa que conta o planeta, estamos a consumir cada vez máis auga, da que a natureza non ten capacidade de repoñer á mesma velocidade. Esta situación, repercute de forma directa nos humedais, que dende 1700 se está perdendo o 90 %, e unha taxa de desparición actual tres veces máis rápida que a dos bosques. Amais a isto, hai que sumarlle os impactos do cambio climático, que fai que esta desaparición sexa máis grave en zonas xa áridas, aumentando así o conflicto crecente polo acceso á auga potable. Ao mesmo tempo que desaparecen estes ecosistemas, como consecuencia directa, unha de cada tres especies de auga doce está en peligro de extinción.
Unha situación preocupante pero que podemos reverter optimizando o uso por parte de todos os sectores e máis ainda dos que máis consomen como o industrial ou a agricultura, así como tamén levando a cabo unha xestión dos recursos hídricos integrada con políticas sociais e económica, pero sobre todo detendo o proceso de destrución dos humedais e traballar pola súa restauración, protección e conservación.
Os humedais galegos
España adheriuse ao Convenio de Ramsar en 1982 e máis de medio cento de humidais españoles forman parte da lista de importancia internacional. En Galicia hai cinco incluidos no convenio internacional. A aportación galega ao listado comezou en decembro de 1989 coa inclusión das Rías de Ortigueira e Ladrido (con case 3.000 hectáreas) e o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada, a única da provincia de Pontevedra e que conta con 2.476 ha. Espazos aos que logo en 1993 sumaríanse a Lagoa e Areal de Valdoviño (740 ha) e o Complexo Húmido de Corrubedo (case 1.000 ha), e finalmente no 1994 a Ría de Ribadeo, entre Galicia e Asturias, e suma unha extensión de 1.192,2 hectáreas, das que 563,44 están na comunidade galega.
Esta última, a Ría de Ribadeo, amais de formar parte da Lista Ramsar, está incluido na Rede Natura 2000, no Catálogo de Espazos Naturais en Réxime Xeral da Xunta de Galicia e no listado de Zonas de Especial Importancia para as Aves (ZEPA).
A ría de Ribadeo é o estuario formado pola desembocadura do río Eo no mar Cantábrico. É a máis oriental das rías galegas, ou a máis occidental das asturianas, xa que serve de fronteira entre ambas comunidades autónomas. Como en tódalas rías, na de Ribadeo prodúcese un intercambio entre as augas doces do río e as salgadas do mar. Isto da lugar a un ecosistema cunhas características moi especiais, no que as diferentes variedades de flora e fauna se teñen que adaptar a estas condicións. Os sedimentos arrastrados polo río xunto cos traídos polas propias mareas, crean un biótopo moi rico en nutrientes, do que se aproveitan gran número de especies animais e vexetais.

Precisamente para protexer a biodiversidade da zona, o concello de Ribadeo, leva dende hai anos levando a cabo unha importante medida para fomentar a plantación de especies autóctonas como carballos, acivros e loureiros, para que volvan recuperar os terreos no que dominan as extensión de eucaliptos, incluso en zonas arredor da beira da ría. Unha iniciativa que dende o 2015, ao abeiro do proxecto LIFE Fluvial, intenta crear unha fraga de frondosas, tal e como antano acollía nese concello, e deste xeito, retaurar e conservar un dos cinco humedais protexidos que existen en Galicia.
A ría de Ribadeo, ao igual que moitos destes ecosistemas, destaca tamén por ter unha especial importancia para as aves. Durante o inverno, convértese en refuxio para unha gran variedade de especies que veñen dende o norte de Europa en busca de climas máis benignos para pasala estación fría. Moitas delas utilizan a ría coma un lugar de parada no que descansar e repoñer forzas, antes de continuala súa viaxe cara ós seus destinos de inverno (sur da Península ou África). Outras moitas elixen a ría coma o seu destino definitivo. Unha zona de importancia para as aves migratorias e autóctonas que tamén se extenden a outros humedais como poden ser as lagoas que se espallan pola comarca da Terra Chá, e que acollen unha importante variedade de especies de aves acuáticas ao longo de todo o ano, como a Lagoa de Cospeito, de Caque (Castro de Rei) ou das terras de Vilalba.
Os humedais, ecosistemas que albergan vida e son fonte de vida para multitude de especies de fauna e flora, para as persoas e para o noso planeta, e como tal debemos coidalas e protexelas.