Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Orzamentos da Xunta para o 2023: aproveitar para cambiar leis sen pasar polo Parlamento e sen mudar malas prácticas ambientais

Os orzamentos galegos para o ano 2023 supoñen unha serie de disposicións normativas, recollidas nunha lei de acompañamento. Esta norma recolle máis de medio centenar de cambios lexislativos (modificacións, adaptacións e novas incorporacións), que afectan a sectores como o forestal. Así, para reducir o risco de incendios e a súa propagación durante todo o ano, é preciso establecer o réxime que debe aplicarse en caso de que a limpieza das franzas non se execute por parte das persoas responsables das mesmas. Neste caso, incluiríase a retirada de especies arbóreas, para poder manter así tamén un control da carga de combustible que terían os posibles incendios. Ademais, a Xunta establece un plazo de 18 meses (a partir do próximo 1 de xaneiro) para que os concellos aproben o seu correspondente plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Así, cos orzamentos, introdúcense varias modificacións á Lei de Montes. A partir de 2023 xa non será obrigatorio dar aviso previo aos propietarios antes de abrir o procedemento sancionador e proceder á execución subsidiaria, que é cando a Administración tala as árbores que foron plantadas de forma ilegal. A Consellería do Medio Rural explica que, con esta nova medida, axilízase e mellórase a regulación legal sobre a tramitación dos expedientes relativos ás sancións por repoboacións ilegais, incrementando deste xeito a protección sobre os recursos forestais.

Ademais, deixará de ser obrigatorio o requerimento previo de incumprirse as distancias mínimas e se plantan certas especies moi preto de casas, estradas, liñas eléctricas ou outras instalacións sensibles, ademais de zonas de labradío ou pastos. Cabe destacar que, anteriormente, a Administración estaba obrigada a advertir ao propietario, pero agora xa non será así. Unicamente será obrigatoria a comunicación se a Xunta quere proceder á execución forzosa e talar as árbores. Por outra banda, introdúcense novidades para axilizar a aprobación dos instrumentos de ordenación dos montes. Tamén se pretende fomentar as Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta. Para conseguilo, habilítase á Xunta a executar accións directas de recuperación de formacións arbóreas con cargo ao seu orzamento nos montes asociados.

Con todo, xurdiron empresas intermediarias que ofrecen aos propietarios dos montes tramitar ante o Ministerio de Transición Ecolóxica o seu proxecto forestal para que poidan vender a súa capacidade de absorción de carbono. Estes intermediarios quedan co 50 por cento das ganancias que obterían os montes pola venda do aire limpo a empresas durante os 30 anos que dure o seu proxecto forestal de absorción de carbono. Por outra banda, os montes galegos poden comercializar o potencial que teñen as súas masas arbóreas para absorber CO2 e venderllo a empresas que contaminen. Segundo contemplará a Lei de Montes, será obrigatorio que os comuneiros aproben en asemblea a formalización destes contratos, que deberán tamén ser rexistrados en escritura pública.

Este novo escenario está provocando polémicas no ámbito español, como consecuencia de accións de lavado verde. Ducias de empresas industriais ou de servizos cometen este greenwashing e contratan a outras a realización de plantacións, que despois levan ás respectivas “memorias anuais” e ás súas declaracións oficiais de emisións en forma de compensación de CO2. Porén, en lugar de reducir emisións, moitas empresas apostan por unha “compensación”, que se realiza dunha forma escasamente transparente (fraudulenta en moitos casos), que se queda nunha simple operación de imaxe e xustificación teórica.

Os exemplos de malas prácticas reprodúcense nos últimos meses, como o incendio de Ateca – Aragón, no que unha empresa (Land Life) realizaba subsidiariamente tarefas de plantación en pleno mes de agosto. Así, había escasas posibilidades de supervivencia desas árbores e que ademais se realizaban con elementos mecánicos en periodos de alto risco. Isto provocou un impresionante incendio que segue baixo investigación e á espera de que se depuren responsabilidades penais. Neste sentido, este modelo está sendo ampliamente aplicado en Galicia tanto por industrias contaminantes (compensación) como por empresas de servizos cuxa actividade xera altas emisións (congresos profesionais, axencias de viaxes, etc) como acción de marketing.

Desde organizacións ambientalistas como Galicia Ambiental, esíxese que a administración galega se implique no control destas prácticas e non se dean por boas as operacións de marketing; e que se esixa a certificación por parte de profesionais cualificados (como os enxañeiros forestais) de todas das plantacións que utilicen ao sector para cumprir as súas obrigas no mercado de CO2. Do mesmo xeito, deberían ser as comunidades de montes as beneficiarias prioritarias deste tipo de iniciativas, para fortalecer estas organizacións; fomentar a recuperación de cultivos tradicionais; recuperar espazos con especies autóctonas; implementar sistemas de xestión forestal viables e rentables a medio e longo prazo; e financiar accións en materia de prevención de incendios.

Comparte esta noticia