O xacinto de auga ameaza as praias e zonas húmidas de Galicia
Data: 19/12/2022 Visto: 540 veces
Unha marea dexacintos de auga (Eichhornia crassipes) vén de inundar hai unhas semanas varias praias galegas nunha franxa de máis de cen quilómetros. Trátase dunha especie invasora incluída entre as 100 máis perigosas no mundo pola Unión Internacional para la Conservación de la Naturaleza (UICN). A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) leva anos alertando sobre unha incipiente expansión desta planta acuática no litoral e nas zonas húmedas de Galicia. Actualmente, a especie está a proliferar en diversas praias das Rías Baixas e tamén pon en perigo as lagoas das Cachadas (Sanxenxo) ou o rego de Trabe (Culleredo). A Xunta non ofreceu información engadida, sendo ADEGA a única fonte informativa sobre esta cuestión.
A asociación ecoloxista condena “a introdución presuntamente deliberada de especies invasoras no medio natural” e reclama ás administracións públicas competentes na Xunta e no Estado “que se ateñan ao disposto polo artigo 8, do Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras”. Neste sentido, ADEGA insta á Xunta a que elimine de forma inmediata as poboacións de esta especie dos lugares afectados. Ademais, solicita a revisión bimestral de todos os puntos onde se teñan detectado xacintos acuáticos. Por outra banda, pide unha investigación sobre a orixe de procedencia dos xacintos actuáticos, coa preceptiva depuración de responsabilidades.
A perigosidade do xacinto de auga
O xacinto acuático é unha das 100 especies invasoras máis perigosas do mundo, detectada xa en 50 países dos cinco continentes. Trátase dunha “planta vascular de orixe sudamericana, con crecemento moi rápido, con poboacións que se duplican en tan só 12 días e que chegan a tapar a luz solar no fondo de zonas húmidas, diminuíndo a concentración de osíxeno e reducindo a diversidade florística de especies somerxidas”. Na Península Ibérica infesta numerosos cursos de auga en Portugal, así como ríos en Estremadura e Andalucía. ADEGA lembra que no Estado español está prohibida a súa comercialización desde o ano 2011, e dous anos despois incluíuse no Catálogo Español de Especies Invasoras. Preto de Gaicia, o río Cávado atópase parcialmente afectado por esta praga.