O uso incorrecto de herbicidas na Autopista do Morrazo ameaza con danar a flora sen impedir o obxectivo de frear a expansión da herba da Pampa
O perigo dunha aplicación incorrecta de herbicidas quedou en evidencia na Autopista do Morrazo. O que pretendía ser unha medida de control contra a proliferación da herba da Pampa (Cortaderia selloana) pode converterse nun problema maior, sen resolver o inicial. A finais da semana pasada realizáronse tarefas de control de especies invasoras na zona citada, para o que se rociaron as plantas da herba da Pampa con produtos herbicidas inadecuados e inútiles para o fin perseguido, producindo así danos non só na flora e fauna da zona… senón tamén propiciando a dispersión das súas sementes, dado que nesta zona son moitas as plantas nas que as sementes xa están maduras e con capacidade para reproducirse.
Desde a Xunta de Galicia explicaron, segundo información recollida por medios locais, que debido ás choivas de principios do mes de setembro na zona do Morrazo, detectouse un incremento notable de exemplares de Cortaderia selloana, polo que se solicitou ao persoal de Seaga que se fixese cargo. As choivas citadas non afectan ao número de plantas existentes, cuxo ciclo biolóxico comezou xa hai moitos meses… senón que tan só aceleran ou atrasan os procesos de polinización ou brote dos plumeiros.
Segundo as mesmas informacións, os operarios optaron por utilizar herbicida, pero o momento elixido para a aplicación agrava aínda máis a situación. Os dous días seguintes á pulverización rexistráronse chuvascos ocasionais ao longo do sábado e unha treboada o domingo ao mediodía, deixando abundancia de auga na zona. A chuvia rexistrada despois da intervención facilita que o herbicida se desprace fóra da zona prevista, co conseguinte risco de contaminar taludes, solos, cursos de auga e fauna.
Pero é que, ademais de que o herbicida elixido ten un impacto considerable no medio ambiente (cando se aplica en condicións climáticas non recomendables), é absolutamente inútil para a loita contra a herba da Pampa. Na intervención utilizouse Garlon, un herbicida composto por triclopyr e fluroxipyr. Este produto está deseñado para eliminar dicotiledóneas (plantas de folla ancha), pero respecta as monocotiledóneas, entre elas as gramíneas. Precisamente a herba da Pampa é unha gramínea (de folla estreita), para a que o tratamento carece de efectividade para combatela.
O problema, segundo advirten os expertos, é que a medida pode resultar inútil e mesmo contraproducente: non elimina esta especie, pero si outras plantas que cobren espazos do contorno que agora serán colonizados pola invasora. A herba da Pampa é unha gramínea de gran porte, con rizomas profundos e unha capacidade de rebrote que dificulta a súa eliminación. Os herbicidas xenéricos empregados habitualmente en labores de mantemento viario apenas teñen efecto sobre esta especie, que require intervencións máis complexas que combinen cortes, desbroces e produtos específicos (planta a planta), ademais dun plan de seguimento a medio prazo.
A isto súmase un feito especialmente preocupante: as matas de Cortaderia selloana están entrando na época de dispersión de sementes, o que implica que a operación non só non contribuíu a frear a propagación, senón que pode estar axudando á súa dispersión.
A herba da Pampa consolidouse como unha das invasoras máis problemáticas de Galicia, capaz de desprazar a flora autóctona e alterar os ecosistemas. Os expertos lembran que o seu control esixe planificación, métodos específicos e actuacións no momento oportuno do ciclo vital da planta. O caso do Morrazo é, para moitos, a proba de que a improvisación e o uso inadecuado de herbicidas non fan máis que empeorar o problema.
Anos atrás, no mesmo lugar, foi utilizado un herbicida que si é efectivo contra a planta, pero de altísimo risco ambiental: o glifosato… pero aplicouse obviando as boas prácticas e a experiencia na loita contra esta planta. Só é efectivo cando se aplica planta a planta e varios días despois dun desbroce, no momento en que a planta comeza a rebrotar.
A aplicación de herbicidas está regulada pola Secretaría de Recursos Agrarios e Seguridade Alimentaria e pola Dirección Xeral de Sanidade da Produción Agroalimentaria e Benestar Animal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Para iso, crearon un catálogo no que se indican os seus usos, perigos e advertencias medioambientais. No caso do herbicida utilizado, o Garlon, entre as súas advertencias indícase que é “moi tóxico para os organismos acuáticos, con efectos nocivos duradeiros”, xa que pertence á categoría de perigo medioambiental “Acuático crónico 1”.