O TSXG suspende cautelarmente o parque eólico Bustelo
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de paralizar cautelarmente dous proxectos eólicos autorizados pola Xunta e promovidos por Greenalia, de cuxo Consello de Administración forma parte a ex-conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato. Así, a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, por medio de Auto de data 6 de outubro, ven de acoller a pretensión da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e da Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica (PDCC) de suspender cautelarmente a Resolución do 28 de xuño de 2021 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, da Xunta de Galicia, pola que se outorgaron as autorizacións administrativas previa e de construción e se declarou a utilidade pública do proxecto do parque eólico Bustelo, situado nos municipios de Carballo e Coristanco e promovido pola sociedade Greenalia Wind Power Bustelo, S.L.
As autorizacións administrativas relativas ao proxecto eólico Bustelo, así como as outorgadas para a construción dos parques eólicos Campelo e Monte Toural (promovidas tamén por Greenalia), foron obxecto de impugnación a finais do mes de xaneiro ante o TSXG por parte de ADEGA e da PDCC, solicitándose nos tres casos a adopción da medida cautelar de suspensión da execución dos correspondentes acordos.
O TSXG reitérase nos seus argumentos
As organizacións indican que o Auto de 6 de outubro “reitera os argumentos xa esgrimidos con relación ao outorgamento da medida de suspensión cautelar do parque eólico Campelo, rexeitando unha vez máis as alegacións da Xunta e de Greenalia”. Así, a Sala do TSXG acorda a suspensión cautelar atendendo a que “non se pode ignorar que os defectos de publicación e audiencia que alega a letrada da actora xa deron na estimación de dous recursos nos que, con fundamentos nas mesmas normas, se alegaba tal deficiencia”, referíndose ás sentenzas xa ditadas por esta Sala o 21 de xaneiro de 2022, que declararon a nulidade das autorizacións relativas ao proxecto do parque eólico de Corme G-3, igualmente de competencia da Xunta.
ADEGA e a PDCC impugnaron xudicialmente os tres parques eólicos de Greenalia, o que se fundamenta “na concorrencia da fragmentación artificial dos proxectos, contraria ao dereito comunitario; nas irregularidades en canto ao desenvolvemento dos trámites de información pública dos proxectos, reducidos a quince días e nos que non se puxeron a dispor da cidadanía os informes sectoriais correspondentes; e na súa incompatilidade coa preservación ambiental”.
ADEGA E PDCC deberán facer fronte a 20.000 euros de caución
A efectividade da medida cautelar de suspensión da Resolución do 28 de xuño polo que a Xunta autorizou o parque eólico Bustelo, está condicionada ao depósito dunha garantía de 10.000 euros por parte das entidades recorrentes, no prazo de 15 días. O Tribunal xustifica esta esixencia de caución para “responder dos prexuízos de calquera natureza que puidesen derivarse da medida cautelar”. Deste xeito, ADEGA e PDCC vense obrigadas a dispoñer a curto prazo de 20.000 euros para poder facer fronte á imposición das caucións ás que se condicionan ambas medidas cautelares de paralización dos parques eólicos Campelo e Bustelo. As entidades recorrentes iniciarían esta semana unha campaña de recadación colectiva solidaria para poder facer fronte á imposición destas dúas caucións.
Paralelamente, iniciarase unha xeira de mesas informativas nas zonas afectadas polos tres proxectos eólicos recorridos de Greenalia que comezará o próximo xoves, 20 de outubro, en Santa Comba. O acto informativo titulado “Como paralos?!”, convocado por ADEGA e a Plataforma non eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural, estará dirixido ao público xeral con especial atención aos veciños e veciñas directamente afectadas. Comezará ás 20:30 horas no Edificio multiusos Terras do Xallas e contará coa intervencións de avogados das entidades recorrentes e membros de ADEGA, da Plataforma non eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural e de Salvemos a comarca de Ordes.