O TSXG paraliza cautelarmente o P.E. Valdepereira en Lalín e O Irixo por posibles danos ambientais irreparables
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) paraliza de forma cautelar o proxecto eólico Valdepereira. A resolución do Auto xudicial deixa suspendida a efectividade da resolución pola que se autoriza o Parque Eólico Valdepereira, promovido por Aerogeneración Galicia S.L. nos concellos de Lalín e O Irixo, do mesmo xeito que xa fixera hai meses con outro parque eólico, Pico Seco, da mesma promotora e nos mesmos concellos.
Segundo informa a asociación ecoloxista ADEGA, o parque eólico Valdepeira está situado no centro de Galicia, preto da Serra do Candán, e estaría composto por 6 aeroxeradores de 180 metros de altura cunha potencia total de 24 MW, unha subestación, 6 centros de transformación e unha torre meteorolóxica. A liña de evacuación estaría conectada con outros parques da mesma empresa promotora, como Pico Seco, que o TSXG paralizou preventivamente a pedimento de ADEGA.
Tal e como explica, o Alto Tribunal considera suficientes os indicios presentados pola asociación ecoloxista como proba de que se poderían producir danos irreparables sobre o medio ambiente como consecuencia das obras do P.E. Valdepereira. Indica ademais que a única forma de asegurar a efectividade da sentenza suspendendo a execución do acto administrativo.
O TSXG indica que as obras deste parque eólico poderían causar unha afección severa, irreparable ou de difícil reparación sobre especies de avifauna que se atopan en situación de vulnerabilidade (como a tartaraña cicenta ou a gatafornela) ou "Perigo de Extinción" (como o millafré real), así como sobre hábitats protexidos debido á proximidade das infraestruturas industriais á Rede Natura e á súa zona de ampliación.
A Sala advirte que o tribunal xa chamou a atención sobre "o carácter unitario e continuo da paisaxe, como sobre a continuidade dos hábitats, e a necesidade de contemplar estas circunstancias en sede cautelar". Ademais, dous dos aeroxeradores atoparíanse a un escaso quilómetro da delimitación do espazo natural protexido como Rede Natura.
O auto de paralización cautelar, emitido o 9 de xullo, aborda o tema da ponderación de intereses no contexto da suspensión cautelar, baseándose na afirmación do Tribunal Constitucional de que a protección do interese ecolóxico merece a condición de interese preferente en canto á suspensión cautelar. O TSXG advirte sobre os efectos que podería ter a execución do parque eólico en caso de ser declarado ilegal: "podería implicar a responsabilidade de demolición (a costa da administración autorizante) e a indemnización ao promotor que o construíu de boa fe con título administrativo".
A alegación da asociación ecoloxista ADEGA da fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico composto polas infraestruturas dos proxectos Pico Seco e Valdepereira non foi avaliada polo TSXG en sede cautelar debido á súa conexión cos temas fundamentais. Este asunto deberá ser decidido no proceso do recurso contencioso-administrativo.
O alto tribunal galego emitiu ata o de agora 111 autos sobre peticións de suspensión de autorizacións administrativas previas e de construción de 56 parques eólicos, dos cales 52 son estimatorios. Para aplicar as precaucións aos recintos cuxas autorizacións foron recorridas por organizacións ecoloxistas, a sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG apela a posibles danos ambientais irreversibles.