O TSXG paraliza cautelarmente a execución do parque eólico Campelo promovido por Greenalia
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de acoller a pretensión de ADEGA e da PDCC de suspender a “execución do acordo do Consello da Xunta de Galicia, de 18 de novembro de 2021, polo que se outorgaron as autorizacións administrativas previa e de construción e se declarou a utilidade pública do proxecto do parque eólico Campelo”. Son datos da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), que indica que este proxecto, “sito nos municipios de Coristanco e Santa Comba, está promovido pola sociedade Greenalia Wind Power Campelo, S.L., en cuxo Consello de Administración se atopa na actualidade a que fora Conselleira de Medio Ambiente co PP, Beatriz Mato”.
ADEGA subliña que as autorizacións administrativas relativas a este proxecto, así como as outorgadas para a construción dos parques eólicos Bustelo e Monte Toural (promovidas tamén por Greenalia) foron obxecto de impugnación ante o TSXG por parte de ADEGA e da Plataforma para a defensa da Cordillera Cantábrica (PDCC), solicitándose nos tres casos a adopción da medida cautelar de suspensión da execución dos correspondentes acordos. A impugnación xudicial das autorizacións referidas susténtase “na fragmentación artificial dos proxectos e nas irregularidades en canto ao desenvolvemento dos trámites de información pública, reducidos a quince días e nos que non se puxeron a dispor da cidadanía os informes sectoriais correspondentes”.
O Tribunal incide en que nin Greenalia nin a Xunta, partes demandadas, conseguen avalar a “imperiosa necesidade de contar co novo parque, nen sequera pola incidencia que vén producindo a menor entrada de gas con ocasión da guerra en Ucraína, determina, que, en orde a valorar os intereses en conflito, teña que inclinarse esta sala por favorecer a protección de medio ambiente e, por tanto, ordear a suspensión cautelar...”.
Por o utra banda, a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG condiciona a efectividade desta medida de suspensión dos acordos autorizatorios do parque eólico Campelo a que as partes demandantes constitúan unha garantía de 10.000 euros. Deste xeito, ADEGA indica que se descarta “a pretensión da representación letrada da sociedade promotora do proxecto, que pretendía que se impuxese unha fianza cuantificada nunha porcentaxe do orzamento de execución (42.539.763,95 euros) ou, no seu defecto, o importe xa investido (11.930.834,71 euros)”.
Os tres recursos xudiciais mencionados foron interpostos á cargo do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, campaña de recadación colectiva promovida o ano pasado por seis entidades (ADEGA, SGO, PDCC, a Mesa Eólica de Las Merindades de Burgos, Bierzo Aire Limpio e a Plataforma para la defensa de los Valles Pasiegos) para iniciar accións xurídicas na defensa do territorio fronte a invasión eólica. Este Auto constitúe “o primeiro éxito xurídico do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica fronte o actual modelo caótico e desordenado de desenvolvemento eólico, e un precedente moi favorable de cara á consecución da paralización cautelar doutros proxectos eólicos autorizados pola Xunta de Galiza e recorridos nos tribunais”.