Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O Tribunal Supremo anula a autorización do parque eólico de Oribio

O Tribunal Supremo ven de confirmar a nulidade da autorización do parque eólico lucense de Oribio. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), e a Fundación Ouso Pardo (FOP) celebran esta sentenza, pois as obras foron iniciadas sen contar con todas as autorizacións requeridas e destruíron hábitats de gran valor. As asociacións lembran que esta autorización foi outorgada en 2019, “empregando unha declaración de impacto ambiental (DIA) concedida catorce anos antes, en 2005, para un proxecto tramitado baixo a mesma denominación nos mesmos terreos pero substancialmente distinto”.

Neste sentido, o Alto Tribunal “pon fin así aos intentos da Xunta de Galicia por salvar o proxecto promovido por FERGO VENTO SL na Serra do Oribio e dá a razón ás organizacións conservacionistas e ecoloxistas que en 2019 impugnamos a autorización en primeira instancia argumentando que non foi conforme a dereito, xa que a súa construción non era compatible coa conservación da riqueza natural e cultural deste territorio, nin co seu desenvolvemento sustentable, e non cumpría as disposicións do Plano Director da Rede Natura 2000 en Galiza”.

Segundo as organizacións, esta sentenza “é un importante paso para a protección efectiva da exigua Rede Natura en Galicia, salvagardando un dos seus espazos máis emblemáticos”. Cabe destacar que a Serra do Oribio sitúase entre os municipios de Triacastela e Samos na provincia de Lugo, constituíndo a área máis setentrional do espazo natural do Courel. Está catalogada como Zona Especial de Conservación (ZEC Ancares-Courel) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), dentro da Rede Natura 2000 de Galicia, e agora tamén Reserva da Biosfera. Trátase dun espazo que conta cunha “riqueza natural moi destacable, ademais de importantes valores etnográficos e culturais que ficaban baixo ameza deste proxecto eólico”.

O Tribunal Supremo reprocha que a Xunta fixese valer un procedemento de avaliación de impacto ambiental “claramente obsoleto, obviando a caducidade da DIA e as sucesivas proteccións legais que se foron outorgando á zona”. Neste sentido, as organizacións destacan a relevancia de que o Tribunal Supremo realizou o esforzo de fixar xurisprudencia sobre a caducidade das declaracións de impacto ambiental. Polo tanto, trátase dun pronunciamento que vai máis aló do caso particular de Oribio e que “pode resultar determinante para moitos outros supostos tamén fóra do territorio galego, ao interpretar a normativa estatal”.

Comparte esta noticia