O Supremo fai firme a sentenza das Conchas e confirma a vulneración de dereitos fundamentais pola contaminación gandeira industrial
O Tribunal Supremo confirmou de maneira definitiva a sentenza pioneira sobre a contaminación do encoro das Conchas e do río Limia, ao inadmitir os recursos de casación presentados no verán de 2025 pola Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A resolución converte en firme e executable o fallo ditado en xullo de 2025 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que declarou que a inacción administrativa fronte á contaminación derivada da gandaría industrial vulnerou dereitos fundamentais da poboación afectada.
A decisión do alto tribunal pecha un proceso xudicial que marcou un punto de inflexión no tratamento xurídico dos impactos ambientais asociados á concentración de explotacións de gandaría intensiva na conca do Limia. O TSXG concluíra que a pasividade das autoridades competentes fronte á degradación do encoro das Conchas e do río Limia supuxo a vulneración de dereitos esenciais: o dereito á vida e á integridade física e moral, o dereito ao respecto do domicilio e da vida privada e familiar, o dereito á propiedade e o dereito á auga.
Coa inadmisión dos recursos, o Supremo non entra a revisar o fondo do asunto, pero consolida a fundamentación xurídica do tribunal galego. A sentenza queda así firme e obriga ás administracións competentes a adoptar de maneira efectiva as medidas necesarias para poñer fin á degradación ambiental e restaurar os dereitos vulnerados.
Contaminación por nitratos e eutrofización
Na súa providencia, o Tribunal Supremo avala a solidez probatoria do fallo do TSXG, que se apoiou en abundante documentación técnica e bases científicas. O texto xudicial subliña que a contaminación por nitratos e a eutrofización do encoro das Conchas superaron os limiares establecidos pola Organización Mundial da Saúde e xeraron un “risco certo” para a vida e a integridade das persoas.
O tribunal galego xa sinalara que os niveis de nutrientes procedentes principalmente de xurros e residuos asociados a explotacións de gandaría industrial provocaron proliferacións de cianobacterias e episodios recorrentes de deterioración da calidade da auga. Estes fenómenos non só limitaron os usos recreativos do encoro, senón que tamén afectaron a abastecementos e xeraron un contorno ambiental incompatible cunha vida saudable nas inmediacións.
Segundo recolle a providencia agora confirmada, a situación “perturba gravemente o domicilio e a vida privada” das persoas residentes, ao tempo que menoscaba a propiedade e o dereito á auga. O recoñecemento expreso desta conexión entre contaminación ambiental e vulneración de dereitos fundamentais sitúa o caso das Conchas nunha dimensión xurídica inédita en Galicia.
Un precedente sobre a primacía dos dereitos fundamentais
A sentenza do TSXG foi considerada pioneira por fundamentar a responsabilidade administrativa non só en incumprimentos sectoriais en materia de augas ou medio ambiente, senón na lesión directa de dereitos constitucionais. O Supremo, ao deixala firme, consolida esa doutrina: cando os impactos da gandaría industrial poñen en risco a saúde, a vida e o contorno da poboación, a protección dos dereitos fundamentais debe prevalecer.
O fallo obriga agora á Xunta de Galicia e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a executar as medidas necesarias para reverter a degradación do encoro e do seu contorno. Isto implica non só actuacións correctoras sobre os focos contaminantes, senón tamén a adopción de políticas estruturais que eviten a reiteración de episodios similares na conca.
Reaccións das persoas demandantes e organizacións
As persoas demandantes e as organizacións que apoiaron o litixio (Amigas de la Tierra, ClientEarth e a Federación de Consumidores y Usuarios (CECU))celebraron a decisión como unha vitoria definitiva. Mercedes Álvarez de León, unha das demandantes, cualificou a xornada como “un día histórico” non só para as veciñas e veciños das Conchas, senón para todas as persoas que loitan por defender os seus dereitos fronte á contaminación. “Por moito que o intenten, está claro que terán que acatar a sentenza e devolvérmonos un medio ambiente limpo”, afirmou.
En termos semellantes expresouse Pablo Álvarez Veloso, presidente da asociación veciñal local e tamén demandante, quen destacou que o encoro debería ser patrimonio de toda a poboación galega. “O Tribunal Supremo deixa claro que as administracións deben velar polos dereitos humanos. Primeiro a saúde. Primeiro a auga limpa. Primeiro unha vida digna nos nosos pobos”, declarou.
Desde Amigas de la Tierra, a súa coordinadora, Blanca Ruibal, subliñou que a confirmación do fallo envía unha mensaxe inequívoca ás administracións: deben restaurar o encoro e garantir os dereitos fundamentais da poboación. Pola súa banda, Nieves Noval, líder de sistemas alimentarios de ClientEarth, incidiu en que os dereitos recoñecidos deben facerse efectivos “sen demora”. David Sánchez, director de CECU, esixiu a execución inmediata da sentenza e agarda que marque un precedente para evitar situacións similares noutras zonas.