Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O sector pesqueiro, decisivo na instalación da eólica mariña

O Ministerio para a Transición Eolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) ven de reunirse cos representantes do sector pesqueiro e responsables das consellerías de Pesca, Enerxía e Biodiversidade de diversas comunidades para analizar as propostas de localización da eólica mariña que se contempla nos Plans de Ordenación dos Espazos Mariños (POEM), que teñen como obxectivo favorecer a coexistencia entre os diferentes usos e actividades en zonas mariñas sen comprometer o bo estado material do medio. O MITECO elaborou cinco POEM, un para cada unha das cinco demarcacións españolas: a noratrántica, a sudatlántica, a do Estreito e Alborán, a levantino-balear e a canaria. Estes plans entraron xa en fase de avaliación ambiental e reservarán espazos para instalar aeroxeradores cos que obter enerxía eólica mariña, podendo supoñer un retroceso no sector económico pesqueiro.

 

Ante esta situación, o sector pesqueiro do Cantábrico, do Mediterráneo, do golfo de Cádiz e o canario trasladaron unha mensaxe clara: unha cousa é que a eólica mariña veña para quedarse e outra distinta é que o faga a costa de que a pesca se vexa na obriga de “pregar velas e irse coas redes a outra parte”. Para Torcuato Teixeira, secretario xeral de Pescagalicia e representante do Consello Galego de Pesca no Observatorio da Enerxía eólica, “non se trata de non desenvolver, senón de respetar a quen xa están e son sostibles”. Os pescadores consideran que o plan é ambicioso ao reservar grandes zonas para o desenvolvemento da eólica mariña sen ter en conta o impacto sobre as actividades tradicionais e os seus efectos sobre o ecosistema mariño, pois a pesca en Galicia sustenta importantes comunidades costeiras. Malia todo, o sector non se opón á instalación de muíños no mar, unicamente pide que se sitúen en zonas nas que se garanta unha convivencia armónica.

 

José Antonio Pérez, presidente da Federación Galega de Confrarías, expresa que “non queremos indemnizacións polos parques eólicos, queremos un futuro”. Tamén advirte que os muíños afectarán ás mareas ou aos pasos das especies migratorias e “aínda non hai moitos estudos que aseguren o que ocasiona a vibración nos ecosistemas”. Para Pérez, a pesca é un modo de vida que mantén vivos aos pobos costeiros, xera emprego e está altamente vinculada ao concepto de benestar. Polo tanto, defende que “o negocio do vento se non se teñen en conta os nosos caladoiros provocará a ruina dun sector produtivo fundamental en Galicia como é a pesca”. Finalmente, expresa que “imos confiar en que as autoridades galegas, a sociedade e a clase política entenda que Galicia é mariñeira e quere seguir séndoo e que non imos apoiar ningún parque eólico que afecte á nosa frota ou aos nosos caladoiros”.

 

Gonzalo Rodríguez Rodríguez, profesor do Departamento de Economía Aplicada na USC e coordinador do grupo de Investigación en Economía Pesqueira e dos Recursos Naturais, afirma que hai un problema “de método”, sobre todo de como Iberdrola está a plantexar a ocupación do espazo mariño para os seus parques. Segundo Rodríguez, o que está facendo Iberdrola é garantir a ocupación dun espazo antes de que se podan discutir os seus usos e nesa “non discusión” é onde está o problema: non hai unha avaliación, unha análise e, sobre todo, unha participación do sector pesqueiro. Polo tanto, “ese proceso de ocupación do espazo mariño é un mal método”. Tamén considera que a maior parte do impacto económico da creación de xeradores vaise a ir fóra de Galicia porque unha parte importante dos compoñentes se produce fóra e porque moito do emprego está concentrado tamén no estranxeiro.

 

Se comparamos esta situación co sector pesqueiro, o economista explica que a pesca orixina en Galicia un importante número de empregos directos na propia actividade pesqueira (mariñeiros, patróns, armadores…) e xera un importante valor engadido en toda a cadea de produción da pesca, que vai dende a construción de mantemento de embarcacións a todas as actividades de comercialización (lonxas, frigoríficos…), conserveiras, empresas vinculadas en Galicia que xeran empregos, etc. Así, existe unha inmensa cadea de valor asociada á pesca e, segundo Rodríguez, poñela en risco “sempre é algo que debería tratar de evitarse a toda costa”. Explica que a instalación da eólica mariña pode condicionar determinadas zonas de pesca, tanto pola ocupación directa como polos cableados que se necesitan para evacuar enerxía. A maiores, advirte que existe incertidume sobre como poden afectar aos bancos de pesca: esta incertidume vese multiplicada por este proceso de ocupación apresurado do litoral, onde existe o temor a que poida ser unha ocupación que tenda a expandirse afectando a cada vez máis zonas de pesca e xerando máis limitacións para este sector.

 

Nese sentido, Rodríguez conclúe que o método é malo e produce un risco que agora mesmo é moi difícil de cuantificar. “Sobre todo, crea unha incertidume engadida que se suma a outras moitas presións que ten a pesca nestes momentos”. Afirma que hai unha saturación de elementos que se veñen enriba da pesca por parte de entidades, administracións e organismos diferentes que actúan todos á vez sobre o mesmo sector, xerando unha presión que é complicada de manexar en termos económicos.

 

A pesca conta co apoio da Eurocámara

 

Os eurodeputados, en apoio ao sector pesqueiro, piden que os pescadores e outros actores afectados polos parques eólicos sexan consultados antes da súa instalación para que unicamente se constrúan se existe unha garantía: que non haxa consecuencias negativas a nivel medioambiental, ecolóxico, socioeconómico e sociocultural. Polo tanto, consideran que os pescadores deben ter unha participación decisiva á hora de establecer un parque eólico mariño. A vicepresidenta da Comisión Europea, Dubravka Suica, aclara que as plantas eólicas deben estar en liña coas estratexias europeas. Ademais, indica que a lexislación recoñece a necesidade de asegurar o acceso ao mar e a convivencia de todos os usuarios, polo que a idea é crear un formulario verde para crear sinerxias e reconciliar os usos susceptibles de entrar en competencia.

Comparte esta noticia