Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O risco de converter o monte nun vertedoiro de lodos

Unha parte considerable do sector da investigación agropecuaria defende modelos distintos á utilización de lodos de depuradora e lodos industriais para a fertilización de terreos agrarios e forestais. Así o recolle a Asociación Galicia Ambiental de diversas fontes de investigación do sector. Esta reacción prodúcese despois de que o suplemento dun diario de ámbito rexional publicase a pasada fin de semana unha información avalada polas empresas xestoras de lodos Tratamientos Tecnológicos del Noroeste (TEN) e Agroamb, na que se cita explícitamente como fonte ao Clúster Gallego de Soluciones Ambientales y Economía Circular (#Viratec). Na información deféndese o uso de solos elaborados a base de mesturas de diferentes residuos, coñecidos como tecnosolos, na aplicación da restauración forestal.

Na noticia indícase que os incendios forestais arrasaron moitos quilómetros de terreo galego, superficie que vai camiño de erosionarse. As técnicas máis comúns para evitalo son cubrir o solo de palla, crear barreiras de retén do solo contra a erosión, restaurar con criterios agroforestais, etc. Porén, a información afirma que estas opcións non permiten acelerar a recuperación dos terreos. Segundo o texto informativo, un consorcio liderado por un centro tecnolóxico (Cetim), xuntouse en 2018 con certas empresas para conseguir fondos europeos e probar “un novo sistema que permitise recuperar o solo abrasado”. A base da idea consistía en converter residuos (normalmente lodos que proveñen de depuradoras municipais) en tecnosolos.

Porén, Galicia Ambiental recolleu de diversas fontes ambientalistas, de investigación agropecuaria e forestal as críticas a este modelo que pretende substituír prácticas como as desenvolvidas en certas minas e vertedoiros (nos que se depositaron durante lustros residuos de todo tipo, como no caso de Touro) dicindo que se están investigando mesturas orgánicas para o seu uso como tecnosolos ou abonos de restauración, obviando parte da lexislación ambiental. Neste sentido, o feito de utilizar lodos de depuradora, mesturalos con calquera material orgánico e “blanquealos como abono” é unha ameaza, xa que estes lodos non aportan nada positivo ao solo e supoñen un perigo para a saúde se non se controla a súa xestión. Así, algo que non se di é que os lodos de depuradora “tíranse” nos solos agrícolas como abonos.

Fins Eirexas, secretario xeral da Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), lembra que os solos afectados polos incendios forestais teñen que ser rexenerados dun xeito non natural para acelerar o seu proceso de recuperación. Isto sucede por múltiples razóns, como pola enorme superficie ardida e a cantidade tan importante de solo fértil que se perde. Así, “hai que actuar sobre os solos queimados cun programa de rexeneración que practicamente ten que comezar a poñerse en marcha unha vez apagado o lume e enfriado o terreo”. As medidas de intervención son múltiples, e “desde ADEGA avogamos por aquelas que teñan un menor custo e impacto ambiental”.

Eirexas subliña que outras medidas como a aplicación de emendas orgánicas ou tecnosolos “non están exentas de problemas”, que derivan principalmente do seu propio proceso de fabricación e do lugar e o modo de aplicación. “Botar tecnosolos no monte para recuperar rapidamente unha estrutura de chan e evitar a erosión non é a solución”. Ademais, destaca a distinción entre unha emenda orgánica (por exemplo, a base de compost) e os tecnosolos, que utilizan lodos de depuradora e outros materiais procedentes de diversas industrias.

Ademais, lembra que os tecnosolos, ao contrario que as emendas orgánicas, teñen un problema engadido: a actual lexislación galega que establece como se fabrican os tecnosolos é “excesivamente permisiva”. Permite moitos tipos de materiais e, o que é peor: nalgúns casos a adición de residuos orgánicos en crú, sen estabilizar. Polo tanto, os tecnosolos poden ser “a porta de entrada de contaminantes en espazos altamente sensibles”, como poden ser os espazos protexidos ou as zonas altamente queimadas.

Polo tanto, o secretario xeral de ADEGA conclúe que é necesario tomar medidas para a rexeneración do solo queimado, pero “focalizar esa solución unicamente na aplicación de emendas orgánicas e sobre todo de tecnosolos para nós non é aceptable”. De feito, afirma que calquera medida (incluso a máis branda) ten que estar adaptada ao lugar e ás características propias de zona onde se vai a aplicar: “Non podemos ofrecer solucións definitivas para todo, e moito menos os tecnosolos”.

Comparte esta noticia