O risco de abrazar demasiado a natureza: o caso de Manoliño e a perigosa interacción humana cos golfiños
O golfiño Manoliño (nome co que foi rebautizado en Ferrol) apareceu nas costas galegas como un visitante inesperado, sociable e carismático, un arroaz (Tursiops truncatus) que durante anos percorreu rías e portos de Galicia, achegándose aos humanos cunha familiaridade pouco habitual. A súa presenza alegraba a bañistas, sorprendía a mariñeiros e espertaba fascinación nas redes sociais. Pero detrás desa proximidade encantadora agochábase unha realidade incómoda: o contacto frecuente e non regulado entre humanos e animais salvaxes representa unha ameaza directa para a súa integridade física e para a súa saúde, ademais de alterar o seu comportamento natural.
Dende as súas primeiras aparicións, alá por 2019 na ría de Muros e Noia, onde foi avistado durante o confinamento e recibiu o seu primeiro nome, Confi, organizacións como a asociación Galicia Ambiental, xunto con outras entidades ecoloxistas e científicas, alertaron sobre o perigo de interactuar de forma continuada cun animal salvaxe. Advertiron que este tipo de vínculos artificiais poderían xerar dependencia, expoñer ao animal a agresións involuntarias (ou mesmo intencionadas) e dificultar a súa relación con outros membros da súa especie.
Un dos principais problemas é o risco de accidentes. A presenza do golfiño preto de embarcacións pode provocar colisións, xa que o seu tamaño e peso poderían causar danos significativos se un bote o golpea accidentalmente. Ademais, aínda que os arroaces son coñecidos polo seu comportamento xeralmente amigable, poden chegar a mostrar agresividade en contextos de estrés ou defensa do territorio ou das crías.
A excesiva proximidade e as interaccións inapropiadas tamén poden provocar respostas defensivas. Os golfiños son animais grandes e potentes, e un golpe co seu corpo ou coa súa cola pode causar lesións, aínda que non sexa intencionado. Tamén poden chegar a morder se se senten acurralados ou molestos, mesmo en situacións de xogo, como acontecía ás veces con Manoliño. Esta interacción forzada non só é perigosa para as persoas, senón que tamén representa un risco para o propio animal.
Así mesmo, o contacto continuado cos humanos pode provocar que un golfiño se afaga a recibir alimento ou estímulo de forma artificial, o que altera a súa conduta natural. Ao depender do ser humano para entreterse ou alimentarse, pode chegar a perder a súa autonomía, a súa capacidade de caza e o seu instinto de cautela fronte a ameazas. Isto adoita derivar en problemas de saúde, desnutrición ou vulnerabilidade extrema ante perigos como embarcacións, artes de pesca ou incluso actos de maltrato. Ademais, existe a posibilidade de transmisión de enfermidades entre humanos e golfiños, algo pouco coñecido pero documentado, que podería afectar tanto ao animal coma a outros individuos da súa especie.
Un dos sinais máis preocupantes na historia de Manoliño chegou en novembro de 2022, cando apareceu cun arpón cravado nun costado. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) supervisou a situación, e aínda que o golfiño logrou librarse fregándose contra estruturas do porto, a ferida foi un aviso claro dos resultados que esa excesiva confianza podían ter consecuencias graves. Non todos os que se achegan a el teñen boas intencións, ou son só irresponsables por interactuar.
A última vez que se tivo constancia da súa presenza foi o 4 de xuño de 2025, cando se lle viu xogando con triatletas e bañistas en Ferrol. A partir de aí, chegou o silencio, polo que a CEMMA lanzou un chamamento á cidadanía para recoller vídeos ou imaxes que permitisen confirmar se o golfiño seguía na ría. Pero non chegou ningunha proba concluínte.
Pouco despois, o 20 de xuño, apareceu un corpo de golfiño en descomposición xunto aos peiraos de Navantia, con grandes cortes e mutilacións compatibles co paso dunha hélice. A ubicación e as feridas, xunto coa falta de avistamentos posteriores, fixeron que a CEMMA concluíse que probablemente se trataba de Manoliño, aínda que sen poder confirmalo ao cen por cen pola imposibilidade de analizar o cadáver. As fotografías examinadas pola CEMMA amosan un animal de máis de 250 centímetros, con mutilacións e cortes que poderían ser atribuíbles a feridas causadas por unha hélice ou sistema de propulsión mariña, probablemente dun remolcador de tipo VSP. As lesións repártense de esquerda a dereita e de diante cara atrás, coa eliminación total do pedúnculo caudal. Ademais, nótase unha marca na parte esquerda, que coincide coa ferida do arpón que Manoliño sufriu en 2022.
Porén, o domingo 20 de xullo, un mes despois, produciuse un novo avistamento na enseada de Caranza, fronte ao lugar onde Navantia ergue o taller da fábrica dixital de bloques. Un grupo de persoas que se atopaba pescando divisou un golfiño e preguntouse se non sería aquel que desaparecera a comezos de xuño. Pero o animal do vídeo estaba demasiado lonxe como para poder tirar conclusións, e ademais, desde a CEMMA explicaron que outros arroaces estiveron entrando na ría de Ferrol nas últimas semanas. Segundo Alfredo López, membro da coordinadora, entre un e tres exemplares foron rexistrados na zona, mesmo ata Xuvia. Con todo, o seu comportamento foi claramente distinto, xa que ningún deles mostrou a conduta de sociabilidade extrema que caracterizaba a Manoliño. «Non tiña nada que ver», afirma o experto. Eses novos exemplares non se achegan ás embarcacións nin aos bañistas, como si facía Confi. Aínda así, López apunta un dato interesante: «Confi mantiña contacto con outros arroaces, iso sabémolo», o que abre a posibilidade de que eses mesmos golfiños estivesen a buscalo. De ser así, o avistamento en Caranza podería corresponderse cun deses individuos, pero non con Manoliño.
O que se pon enriba da mesa non é só a historia dun golfiño entrañable, senón unha dinámica humana problemática e a tendencia a romantizar e domesticar o animal salvaxe, sen ter en conta que esa actitude, aínda que benintencionada, pode ser destrutiva. A natureza non está deseñada para convivir con nós baixo as nosas regras, e un golfiño non é unha mascota: a súa sociabilidade pode ser unha anomalía provocada pola soidade, o estrés ou o rexeitamento do seu grupo orixinal.
Máis alá do caso concreto e de se este está vivo ou morto, a historia de Confi ou Manoliño convida a unha reflexión sobre os límites do contacto humano coa fauna en xeral e a mariña en particular. O que para nós pode parecer unha experiencia entrañable, para o animal pode converterse nunha condena.