Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O Pladiga 2026 amplía recursos humanos e aposta pola colaboración cidadá na detección de incendios

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, compareceu este mércores na Comisión 7ª do Parlamento de Galicia para presentar a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2026, un documento que aposta por reforzar a capacidade de resposta fronte aos lumes mediante máis medios humanos e materiais, maior peso da tecnoloxía e unha intensificación das medidas preventivas.

Durante a súa intervención, o responsable autonómico advertiu de que Galicia afronta un contexto “cada vez máis complexo” na loita contra os incendios forestais, marcado pola aparición de episodios meteorolóxicos extremos, unha maior intensidade dos lumes e a elevada simultaneidade dos focos. Neste sentido, lembrou que o pasado verán se rexistraron incendios de especial virulencia e incidiu en que máis do 70 % dos lumes contabilizados en agosto de 2025 foron intencionados, segundo os datos da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO).

Ante esta situación, Manuel Francisco subliñou que o Pladiga 2026 non se limita a incrementar os recursos de extinción, senón que redefine a planificación adaptándoa á realidade territorial galega e ao novo escenario climático. O plan céntrase especialmente na prevención, na innovación tecnolóxica, na formación continua do persoal e na implicación da cidadanía.

Entre as novidades anunciadas destaca a posta en marcha dun proxecto piloto de colaboración coas comunidades de montes veciñais en man común e con empresas vinculadas ao sector forestal para favorecer a detección temperá de incendios. Esta iniciativa complementarase co dispositivo xa existente e busca ampliar a capacidade de vixilancia no territorio mediante a participación directa dos actores forestais.

No ámbito preventivo, o director xeral puxo o foco no reforzo da colaboración cos concellos e cos propietarios para facilitar o cumprimento das obrigas de xestión da biomasa nas faixas secundarias de protección. Para iso, destacou o novo convenio asinado con Seaga a finais do pasado ano, dotado cun orzamento de 25 millóns de euros, o dobre que o acordo anterior. Segundo detallou, un total de 295 municipios están actualmente adheridos a este sistema de colaboración.

A maiores, enumerou outras actuacións impulsadas pola Consellería do Medio Rural, entre elas as queimas prescritas, traballos preventivos comprometidos por valor de 2,9 millóns de euros e novas actuacións en fase de licitación por outros 2,8 millóns. Tamén avanzou a construción de 16 novos puntos de auga e traballos realizados con medios propios sobre máis de 1.000 hectáreas de cortalumes e áreas preventivas. A estas medidas súmanse os apoios ás comunidades de montes veciñais e os convenios cos concellos para brigadas municipais, tractores e motobombas.

A innovación tecnolóxica terá un peso destacado na campaña deste ano. Manuel Francisco definiu a tecnoloxía como “unha aliada” na detección temperá, na vixilancia e na toma de decisións operativas. Neste contexto, anunciou que a Xunta porá a disposición da cidadanía unha aplicación móbil gratuíta que permitirá alertar sobre posibles incendios forestais. A previsión é que esta ferramenta estea operativa antes do inicio da temporada de alto risco.

En relación cos medios persoais e materiais, o director xeral destacou que por primeira vez un terzo do dispositivo traballará durante nove meses ao ano, mentres o resto do operativo manterá actividade anual completa, no marco das melloras laborais aplicadas nos últimos anos. A campaña de alto risco contará ademais con 42 brigadas adicionais, dous avións de carga en terra, un avión de coordinación e observación e un helicóptero pesado. Tamén se reforzará a Unidade de Directores de Extinción (UDEX), creada especificamente para a xestión dos grandes incendios forestais.

Na mesma comisión parlamentaria compareceu tamén o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, quen abordou as políticas de apoio ás razas autóctonas galegas. Segundo explicou, a Consellería do Medio Rural investiu máis de sete millóns de euros nos últimos catro anos para a conservación e promoción dos recursos xenéticos autóctonos, cun orzamento superior ao millón de euros previsto para este 2026.

Balseiros salientou os convenios asinados coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia, que integra ás asociacións de criadores das razas Cachena, Caldelá, Limiá, Frieiresa, Vianesa, Ovella Galega e Galiña de Mos, así como os acordos con entidades vinculadas ao Cabalo Galego, Porco Celta, Rubia Galega e outras razas tradicionais. Os convenios contan cunha dotación anual superior aos 1,1 millóns de euros. A isto engádense as axudas específicas para programas de cría e mellora, dotadas este ano con 270.000 euros, así como as achegas para a recría de razas autóctonas ameazadas de ruminantes, que o pasado ano mobilizaron preto de 370.000 euros.

Finalmente, a directora xeral da Axencia de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, lembrou que os concellos galegos teñen á súa disposición distintas liñas de axuda destinadas á mellora das infraestruturas rurais. A responsable autonómica sinalou ademais que a convocatoria do Plan Camiña Rural 2025-2026 recibiu solicitudes de axuda de 300 concellos galegos, interesados en executar actuacións destinadas a mellorar a mobilidade e as comunicacións nas zonas rurais galegas.

Comparte esta noticia