O Parlamento de Galicia admite a trámite unha Iniciativa Lexislativa Popular para crear Áreas de Restauración Ecolóxica para recuperar ecosistemas degradados
O Parlamento de Galicia admitiu hoxe a trámite unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que propón crear unha nova figura legal de protección ambiental: as Áreas de Restauración Ecolóxica, un instrumento orientado á recuperación de ecosistemas degradados e á súa protección a longo prazo en Galicia.
A iniciativa establece que cada unha destas áreas deberá contar cun Plan de Restauración Ecolóxica de carácter vinculante. Este documento definirá os obxectivos ambientais a acadar, as actuacións necesarias para a recuperación do ecosistema, os indicadores de seguimento e avaliación e o réxime de usos permitidos ou limitados co fin de evitar novos procesos de deterioración unha vez restaurados os espazos.
Segundo a Comisión Promotora, na que participan colectivos ambientalistas e veciñais, unha parte significativa dos ecosistemas galegos (terrestres, fluviais, costeiros e mariños) presenta distintos graos de degradación. Entre as causas identificadas figuran a transformación intensiva do territorio, os incendios forestais recorrentes, o abandono de prácticas tradicionais de xestión, as alteracións hidromorfolóxicas dos ríos e rías e os impactos asociados ao cambio climático.
Neste contexto, os impulsores da ILP sosteñen que o modelo actual de protección ambiental resulta insuficiente, ao centrarse principalmente na conservación dos espazos mellor preservados. A nova figura legal pretende complementar ese enfoque cun instrumento específico para a restauración activa da natureza, orientado á recuperación funcional dos ecosistemas e non só á súa protección pasiva.
A proposta tamén introduce un enfoque aberto á participación social. Así, a declaración das Áreas de Restauración Ecolóxica podería ser impulsada non só pola Administración autonómica, senón tamén por entidades locais, persoas propietarias dos terreos, comunidades de montes veciñais en man común, entidades de custodia do territorio ou confrarías de pescadores no ámbito mariño. Este modelo busca facilitar a implicación directa da cidadanía e dos axentes locais na recuperación ambiental.
No ámbito económico, o texto prevé mecanismos de apoio para favorecer a posta en marcha destes proxectos. Entre eles inclúese a prioridade no acceso a fondos públicos destinados á restauración ecolóxica, á conservación da biodiversidade e á adaptación ao cambio climático, así como a posibilidade de establecer incentivos fiscais vinculados á adquisición de terreos ou ás doazóns destinadas á restauración ambiental.
A iniciativa enmárcase nos compromisos europeos en materia ambiental, que fixan como obxectivo a restauración de polo menos o 20 % das áreas terrestres e mariñas antes de 2030. Os promotores consideran necesario dispoñer dun instrumento xurídico propio que permita aplicar estas políticas de forma eficaz e adaptada ás características territoriais de Galicia, ao tempo que se aliña coa Década das Nacións Unidas para a Restauración dos Ecosistemas.
A proposta conta co respaldo de numerosas entidades ambientalistas, entre elas Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e Verdegaia, ademais doutras organizacións galegas e comunidades de montes, incluídas varias da comarca da Terra de Montes integradas en redes de conservación comunitaria.
Tras a súa admisión a trámite, a ILP deberá ser validada pola Xunta Electoral. Unha vez superado este paso, abrirase o proceso de recollida das 10.000 sinaturas necesarias para que a iniciativa poida ser debatida no pleno do Parlamento galego. A Comisión Promotora chama á participación cidadá para reunir os apoios necesarios e levar a proposta ao debate parlamentario.