Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O Grupo Parlamentar do BNG denuncia as decisións da Xunta en canto á xestión de residuos

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de presentar unha Proposición non de Lei para debate en Pleno polo trámite de urxencia, que foi motivada pola “inminente aprobación dos orzamentos e a necesidade de adoptar unha decisión ao respecto”. O Grupo Parlamentar indica que Xunta leva semanas de acordos e trasacordos en relación co custo do servizo de tratamento dos residuos que presta Sogama aos concellos. Inicialmente o goberno galego manifestou as súas intencións a través da lei de acompañamento dos orzamentos para 2023, que prevé a supresión da bonificación do 10% que Sogama ofrecía os concellos baixo determinados supostos. Uns días máis tarde, “como parte dunha estratexia de cortina de fume”, o presidente da Xunta contraanunciou que no próximo ano haberá unha bonificación do 15% do recibo de Sogama para todos os concellos que implanten o colector marrón antes de que remate o 2023.

Así, o BNG indica que resulta evidente a “falta de seriedade e rigor destes anuncios e contranuncios, pois son froito do oportunismo e dunha estratexia defensiva fronte ás críticas da política fiscal da Xunta”. O Grupo Parlamentar indica que o máis grave desta situación é o erro que supón o “premio” que se lle dá ao quinto colector ou colector marrón, que non é nin a única nin a mellor solución para a xestión dos biorresiduos (especialmente en Galicia, onde a dispersión da poboación fai que sexa unha alternativa innecesaria e custosa na maior parte do territorio).

Neste sentido, a experiencia de moitos concellos galegos demostra que nunha gran parte do territorio galego non sería necesario ningún sistema de recollida. Polo tanto, a opción máis “lóxica, ecolóxica e económica” é a xestión de proximidade mediante a compostaxe domiciliaria e comunitaria. Trátase dunha opción que, ademais, ten un “efecto multiplicador positivo nos resultados de recollida separada doutras fraccións dos residuos”. Así, a alternativa da recollida “porta a porta” ten moitos mellores resultados que a opción do colector marrón. O Grupo Parlamentar do BNG considera un grave erro que se opte pola bonificación exclusiva do quinto contenedor, “porque vai actuar como forma de imposición desta solución e de discriminación doutras alternativas máis eficaces, máis sustentábeis e máis acaídas á realidade galega”.

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte Proposición non de Lei para o seu debate en Pleno polo trámite de urxencia:

“O Parlamento insta a Xunta a aplicar a bonificación do recibo de SOGAMA aos concellos que desenvolvan ou implanten sistemas de xestión dos biorresiduos no ano 2023 coa seguinte prelación:

- Bonificación do 15% aos concellos que desenvolvan como opción principal os tratamentos de proximidade mediante a compostaxe domiciliaria e a compostaxe comunitaria.

- Bonificación do 10% acumulativa aos concellos que, ademais do sistema de compostaxe de proximidade, implanten en zonas de moita densidade urbana sistemas de recollida separada dos biorresiduos porta a porta, cando menos para produtores singulares.

- Bonificación do 5% acumulativa aos concellos que, ademais do sistema de compostaxe de proximidade, implanten en zonas de moita densidade urbana calquera outro sistema de recollida separada dos biorresiduos, incluído o colector marrón”.

Galicia Ambiental denuncia a “baixada trampa” da “taxa Sogama”

Esta reacción chega despois de que Galicia Ambiental denunciase onte a “baixada trampa” da “taxa Sogama”. O anuncio de Alfonso Rueda, segundo o cal no próximo exercicio introducirase unha bonificación do 15% no recibo de Sogama a todos os municipios que se comprometan a instalar o contedor marrón antes de que acabe o 2023, é un “anuncio trampa” que busca viabilizar un modelo de xestión en cuestión polos novos impostos ambientais á vertedura e a incineración. Rueda realizou a citada iniciativa tras a polémica xerada pola decisión de Sogama e a Consellería de Medio Ambiente de eliminar a bonificación do 10% sobre o canon ao lixo, medida que estaba vixente desde fai tres anos. A presión política fixo que Rueda rectifique, pero cun engano implícito: a imposición do contedor marrón como modelo. Por iso, a Asociación Galicia Ambiental considera que existe unha “gran demagoxia” neste sentido e denuncia esta “baixada trampa”.

A asociación pide unha reconsideración da xestión dos residuos orgánicos. A recollida selectiva orgánica debería adaptarse ás posibilidades e peculiaridades de cada localidade, desde o porta a porta ao auto-compostaxe, pasando polo contedor de orgánico con acceso controlado. O tratamento debe estar aberto á colaboración con outras plantas xa existentes (como o intercambio de CDR por orgánico) e apoiar iniciativas comarcais para implementación de modelos como como a compostaxe ou a biometanización. A xestión en proximidade e a eficiencia enerxética deberían marcar o novo rumbo, no que a incineración e a vertedura serán penalizados.

Comparte esta noticia