Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O Grupo Naturalista Hábitat, premiado pola súa aposta pola biodiversidade e o deseño sostible en Oleiros

O Grupo Naturalista Hábitat foi distinguido cun accésit na categoría “Intervencións en espazos exteriores” dos Premios Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2025, outorgados pola Fundación Juana de Vega.

A entidade ambiental forma parte do proxecto “Espazo Rosalía Mera”, realizado na parroquia de Dorneda (Oleiros), xunto coas firmas Orza Paisaxismo e Trébore Xardinería, entre outros colaboradores. O proxecto supuxo a transformación dunha parcela edificable de aproximadamente 20.000 metros cadrados nunha gran zona verde pública, concibida para a participación cidadá, a sustentabilidade, a inclusión e a conservación da biodiversidade.

Entre os principais valores recoñecidos polo xurado destacan a recuperación do ciclo hídrico e a restauración dos muros de pedra tradicionais, xunto co deseño de estanques e zonas de infiltración que favorecen a xestión natural da auga.

Tamén se valorou a reutilización de materiais de obra para a creación de refuxios de fauna, así como o carácter colaborativo do proxecto, no que participaron unha entidade ambiental, un estudo de paisaxismo, unha empresa de xardinaría de economía social e unha promotora privada, coa implicación de viveiros locais, artesáns e a comunidade educativa.

O xurado subliñou ademais o enfoque divulgativo e integrador da intervención, que “pode ser unha inspiración para proxectos similares”, ao situar “a biodiversidade (flora e fauna) no epicentro do deseño” sen descoidar a funcionalidade social nin a dimensión estética do espazo.

Para o Grupo Naturalista Hábitat, é “unha gran honra recibir este recoñecemento da Fundación Juana de Vega” ao seu compromiso coa recuperación da paisaxe urbano-natural, a integración da natureza en contextos metropolitanos e a participación cidadá como motor de cambio. O Espazo Rosalía Mera é, segundo a entidade, “un exemplo vivo de como transformar un espazo en desuso nunha contorna aberta para o benestar colectivo e a biodiversidade”.

Este non foi o único premio outorgado este ano, durante os últimos doce meses, o Grupo Naturalista Hábitat sumou varios recoñecementos que avalan o seu labor en favor da conservación e da mellora do medio natural. O proxecto Espazo Rosalía Mera, desenvolvido en Oleiros, foi galardoado co Primeiro Premio na 5ª edición dos Premios Xardín Galego 2025, un certame organizado pola Asociación Galega de Empresas de Xardinaría (Agaexar), que distingue os mellores proxectos de paisaxismo e xardinaría ecolóxica de Galicia.

O xurado destes premios destacou o parque como “un proxecto exemplar pola integración de arte, técnica e sustentabilidade”, valorando especialmente a súa implicación social, a creación de hábitats naturais, o uso de especies autóctonas e materiais locais, así como o seu deseño resiliente e orientado ao benestar bioclimático e á educación ambiental.

Xunto a este galardón, a entidade conservacionista foi tamén designada “Institución do Ano 2025” polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA), en recoñecemento aos seus 46 anos de contribución á bioloxía, á divulgación científica e á protección do patrimonio natural galego. Ademais, recibiu un premio nos Premios COGAVE 2024 (“Crer no Movemento Veciñal”), outorgado pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais, que puxo en valor a súa implicación coas comunidades locais, o voluntariado ambiental e a promoción da participación cidadá como motor de cambio cara a unha contorna máis saudable e sostible.

Comparte esta noticia