Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O etiquetado Ecoscore, insuficiente para garantir a sostibilidade ambiental

O compromiso co medio ambiente deu lugar a que moitos países da Unión Europea adoptasen o etiquetado Ecoscore en moitos dos seus produtos, mais non é suficiente para garantir a sostibilidade ambiental. Trátase dun semáforo que ofrece aos consumidores información sobre o impacto ambiental dos produtos que mercan no supermercado. A ferramenta valora os produtos en base á proximidade, a protección dos recursos naturais ou a circularidade dos envases e abarca todas as etapas de produción para determinar a cor da etiqueta. Este sistema outorga aos produtos alimenticios unha puntuación de ata 100 puntos, con códigos de cores que van desde o verde escuro ao vermello. Moitos dos consumidores coñéceno especialmente polo seu sistema de ordenación por letras, da A ata a E. Porén, segundo Andrés Muñoz, responsable de Soberanía Agraria de Amigos da Terra, “é moi difícil obter a pegada ecolóxica dun produto alimentario porque moitas veces esa información non existe nin sequera nas bases de datos como nas que se substenta Ecoscore”.

 

Dende a asociación ecoloxista Amigos da Terra, expresan que “son benvidas todas aquelas iniciativas que profundicen nunha maior sustentabilidade do sistema alimentario e dean ferramentas ás persoas consumidoras na súa toma de decisións”. A asociación defende que nos produtos se especifiquen tanto a súa forma de produción como a súa orixe, xa que se trata dunha información fundamental para velar polos dereitos dos consumidores. Porén, as normativas europea e española non o esixen na actualidade. “Nese sentido, o Ecoscore, como calquera outra iniciativa que veña a dar unha maior transparencia á forma na que son producidos os alimentos e a trasladar ao consumidor información sobre a orixe dos mesmos son benvidas, porque entendemos que son iniciativas que poden afondar na sostibilidade do sistema alimentario”, explica Andrés Muñoz.

 

Con todo, a asociación cre que a obriga sobre unha maior sustentabilidade ambiental e social recae nas empresas e nas administracións: as primeiras deberían apostar por sistemas de produción alimentaria máis xustas e con menor impacto ambiental, como son os alimentos de produción local, de temporada e agroecolóxica; e as segundas deberían poñer en marcha regulacións que impulsen modelos de produción acordes cos compromisos climáticos e medioambientais. Deste xeito, Andrés Muñoz expresa a necesidade de desviar un pouco a mirada e non centrala tanto no consumidor, senón nas empresas e administracións que permiten esas prácticas.

 

En relación ao anterior, Muñoz comenta que, deste tipo de iniciativas, preocupa que tenden a poñer o peso e a responsabilidade nas persoas consumidoras: “O Ecoscore, como outras ferramentas de información ao consumidor, axudan a xerar unha ficción na que pensamos que os consumidores son libres na toma de decisións sobre que produtos adquiren, cando na práctica calquera persoa que compra nun supermercado pode ver que o ámbito de elección é moi limitado”. Ademais, engade que a maior parte dos produtos alimentarios que están nas grandes cadeas de distribución proceden de lugares moi afastados, non están acorde ás estacións do ano e son producidos de forma industrializada.

 

Muñoz conclúe que algo fundamental para a asociación é que, máis alá do etiquetado, debería apostarse por unha venda de proximidade, de temporada e ecolóxica. Explica que é máis fácil adquirir un produto moito máis sostible (tanto medioambiental como socialmente) nunha tenda onde se vendan produtos de proximidade a través de canles curtas de comercialización: grupos e cooperativas de consumo, supermercados cooperativos, pequenos comercios de barrio… o que implica que existe unha relación máis directa entre o vendedor e o comprador. E que, deste xeito, con axuda de ferramentas ou non, unha persoa poida coñecer a trazabilidade do produto: se foi producido de forma sostible e se procede dun lugar próximo. Por último, engade que “as cadeas de distrubución o único que queren é mellorar a súa marca”, polo que a maior garantía de sostibilidade é o comercio de proximidade e de temporada. “O resto de ferramentas poden mellorar a información que o usuario ten á hora de comprar os produtos, pero en ningún momento van a ser garantía de sostibilidade social e medioambiental”.

Comparte esta noticia