O efecto das especies invasoras nos ecosistemas galegos é unha das principais ameazas a nivel medioambiental
O efecto das especies invasoras nos ecosistemas galegos é unha das principais ameazas a nivel medioambiental. Unha vez aclimatadas e asentadas, é moi difícil eliminalas, sendo imposible nalgúns casos. Por este motivo, é moi importante impedir a súa expansión, erradicándoas cando se detecte a súa presencia. Unha especie alóctona refírse ás especies introducidas fóra da súa área de distribución natural que ameaza aos hábitats ou especies nativas, producindo algún cambio significativo ou algunha perturbación no que se refire á composición, estrutura ou funcionamento do ecosistema.
Entre os seus impactos sobre o medio natural destacan a perda da biodiversidade, os cambios e alteracións nos ciclos bioxeoquímicos, a homoxeinización dos ecosistemas e das comunidades e incluso a extinción de especies nativas. Ademais, as especies invasoras causan danos á agricultura, ao sector forestal, ás pesquerías e outras actividades humanas, polo que tamén ocasionan un custo económico de grandes dimensións. As especies invasoras presentan unha serie de características que lles facilitan a invasión: elevadas taxas de crecemento e reprodución; flexibilidade e plasticidade denotípica; e facilidade para hibridarse con outras especies.
Existen diversas formas polas que estas especies chegan a novos lugares. A nivel operativo distínguense entre tres tipos de introducións: por unha banda, as introducións intencionais, é dicir, aquelas efectuadas polo ser humano de forma consciente; as introducións non intencionais, que son as que se producen accidentalmente, mais ocorren por medio de axentes humanos; e as introducións neglixentes, que resultan de escapes de especies mantidas en cautividade por falta das medidas de seguridade precisas, ou ben introducións a través de vías de entrada coñecidas de alto risco (para as cales non se tomaron as medidas de prevención necesarias).
Dende a Xunta de Galicia destácase a prevención como a medida máis eficaz e con menor custo para loitar contra este problema. Neste sentido, as principais medidas que se están a desenvolver na comunidade galega son: a divulgación mediante campañas de información dirixidas a distintos sectores sociais e o fomento do voluntariado; o desenvolvemento de sistemas estandarizados de análise de risco, unha ferramenta fundamental para adoptar decisións sobre as novas especies invasoras ou á súa xestión cando xa están introducidas; e a consideración desta problemática na avaliación ambiental de proxectos e plans.
Deste xeito, a Xunta indica que, mediante a vixilancia periódica por parte de persoal instruído, é posible controlar a implantación de posibles especies invasoras na fase temperá da invasión. Neste sentido, estase a desenvolver unha Rede de alerta destinada a detectar a entrada de especies invasoras nas primeiras fases, o que permite en ocasións unha erradicación temperá (xa que cando a especie se topa establecida resulta moi difícil a súa eliminación).
Como resultado do establecemento de prioridades para a xestión das invasións biolóxicas, a Xunta indica que se están a desenvolver dous eixos de actuación: a erradicación de focos de invasión de especies animais e vexetais de alto risco recentemente naturalizados; e, para as especies exóticas con alto impacto para as que non é factible actualmente a súa erradicación, accións dirixidas a limitar a súa expansión ou limitar os danos que producen en hábitats ou especies sensibles (considerando principalmente a Rede Natura 2000). Ademais, en canto á xestión destas especies, contémplase facer un seguimento das actuacións que permita asegurar a eficacia dos métodos de control, a evolución do hábitat e aparición de novas especies invasoras.